Número obxecto 11
Título do obxecto TABULA HOSPITALIS

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Tabula Hospitalis
Castromao (Celanova)
132 d. C.
Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

Datos sobre o obxecto

Esta peza foi atopada en 1970 durante a campaña de escavacións arqueolóxicas realizada no castro de Castromao (Celanova, Ourense). Trátase dunha sinxela placa rectangular, cun marco moldurado a modo de decoración e un apéndice en forma de lingüeta na súa parte superior. O texto, escrito en latín administrativo, recolle un pacto de hospitalidade entre o antigo pobo galaico dos Coelerni e un oficial dunha unidade militar romana auxiliar, a Cohors I Celtiberorum.
O hospitium foi unha antiga práctica indoeuropea pola que se daba asilo ou algunha forma de adopción aos estranxeiros en igualdade de condicións que os nativos, pero podía ser tamén a forma na que se manifestaba unha relación de tipo patrón-cliente. Inmediatamente tras a conquista, este costume foi adoptado polos romanos como un instrumento político, polo que comezan a proliferar unha serie de pactos entre comunidades locais e altos maxistrados romanos. Na linguaxe, na antroponimia e incluso no tipo de soportes apréciase a rápida latinización do fenómeno, feito xa manifesto no documento de Castromao, un dos máis serodios da súa clase. A súa datación no 132 d. C. deriva da mención explícita aos cónsules daquel ano, G. Xulio Serio Augurino e G. Trebio Serxiano.
Non é tampouco casual que o bronce aparecese entre os restos do derrube dunha edificación á que se lle atribuíu unha posible funcionalidade comunal, pois viría resaltar o feito de que sexa a comunidade indíxena no seu conxunto e non un individuo particular dentro dela quen asine un pacto de hospitalidade a perpetuidade («cos seus fillos e descendentes», recolle o texto) coas autoridades romanas. A presenza dun legado, P. Campanio Xémino, viría reforzar esta sanción pública.
Os coelernos, mencionados na Historia natural de Plinio o Vello (3.28) ou na Xeografía de Ptolomeo (2.6.41), foron un dos populi que habitaban no sector nororiental do conuentus bracarensis. Este foi unha das tres demarcacións administrativas coas que os romanos reorganizaron o territorio do noroeste peninsular despois da súa conquista, a capitalidade da cal a exercía a cidade de Bracara Augusta (Braga, Portugal). Segundo parece, o castro de Castromao puido ser o núcleo principal (caput ciuitatis) dos Coelerni ata polo menos finais do século II d. C., e pódese identificar coa Coeliobriga recollida nos textos gregos e latinos. Como sucede con moitos outros castros da rexión meridional galega, o asentamento comeza a ser abandonado durante a segunda centuria en favor doutras solucións de poboamento. Nesta paisaxe plenamente galaicorromana, logo de cidades como Lugo, Braga ou Chaves, os uici ou núcleos secundarios puideron pasar a exercer a capitalidade comarcal, mentres uillae, aldeas e pequenos poboados abertos acaso artellasen a explotación do territorio a unha escala menor.
Moi pouco é o que sabemos de G. Antonio Aquilo, o outro asinante do documento e de facto patrón dos Coelerni. Dado o seu rango militar debeu de tratarse dun cabaleiro (eques, segundo a escala da nobreza romana) e a súa procedencia puido ser hispana, en concreto da cidade de Noua Augusta (Lara de los Infantes, Burgos), situada dentro da mesma provincia —Hispania Citerior Tarraconensis— á que supoñemos que pertenceu Castromao.
A respecto da Cohors I Celtiberorum, tivo que tratarse dunha unidade auxiliar equitata (mixta de infantería e cabalería) e quingenaria (duns 600 efectivos) e seguramente recibise o privilexiado título de ciuium Romanorum (de cidadáns romanos, aínda que non todos os seus integrantes o fosen). Crese que estivo asentada no forte da Cidadela (Sobrado dos Monxes, A Coruña) e que dependía da Legio VII Gemina destacada en León. A tabula de Castromao é a primeira evidencia documental da súa presenza en Hispania logo de varias décadas de estadía no norte de África (os seus recrutas primixenios deberon de provir da Celtiberia). Polo que parece o seu rango de acción non se limitou á contorna inmediata da súa base (a cabalo entre Lucus Augusti —Lugo— e Brigantium —A Coruña—), senón que probablemente se estendeu por toda a zona galaica e ástur e gardou especial relación coa explotación dos ricos recursos auríferos da rexión.

Para saber máis

FERRO COUSELO, Jesús / Joaquín LORENZO FERNÁNDEZ (1971): «La tessera hospitalis del Castromao», Boletín Auriense, 1, 9-18.
MINISTERIO DE EDUCACIÓN, CULTURA Y DEPORTE (s. d.): ficha completa da tabula hospitalis de Castromao, CER.ES (Colecciones en Red) (http://ceres.mcu.es/pages/ResultSearch?txtSimpleSearch=Tabula&simpleSearch=0&hipertextSearch=1&search=simpleSelection&MuseumsSearch=MAPOU%7C&MuseumsRolSearch=1&listaMuseos=%5BMuseo%20Arqueol%F3gico%20Provincial%20de%20Ourense%5D).
ROJO RINCÓN, Ángel (1997): «Las tesserae hospitales latinas de Hispania: tipología, distribución y patronazgo», Annals de l’Institut d’Estudis Gironins, 36, 519-535.