Número obxecto 13
Título do obxecto ARA AO DEUS BEROBREO

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Ara ao deus Berobreo
Santo André do Hío, Cangas
c. III-IV d. C.
Colección Municipal do Concello de Cangas

Datos sobre o obxecto

O xacemento arqueolóxico do Monte do Facho, no extremo occidental da península do Morrazo, dentro da parroquia de S. Andrés do Hío (Cangas do Morrazo, Pontevedra), érguese con 184 m de altura nunha costa acantilada —Costa da Vela ou Soavela— e bañada polas augas do océano Atlántico. Sen dúbida, o máis coñecido deste xacemento é a aparición dun importante conxunto de altares romanos, que unha serie de escavacións recentes contextualizou no marco dun santuario galaicorromano serodio (séculos III-IV d. C.), situado na cima do monte e dedicado ao deus lar Berobreo. Dentro dese amplo conxunto de altares, destaca pola súa forma, pero máis aínda pola súa decoración, esta peza anepígrafe (sen inscrición) atopada dentro dun grupo delas que aparecían caídas, mais aínda dentro da área do santuario dedicada á colocación dos altares e, polo xeral, próximas ao seu lugar de colocación orixinal.
Trátase dun altar de conformación fusiforme con cabeza alta e moi decorada, campo epigráfico tamén decorado e carente de inscrición, e pé ou fincón conformado como mera proxección do corpo da peza, que se estreita ata terminar en punta. Forma e decoración que se adecúan a un dos grupos morfolóxicos máis comúns entre os definidos para o santuario galaicorromano do Facho, para o que chegamos a contar con algún paralelo case idéntico. Un tipo de ara que se caracteriza por unha cabeza troncocónica cun pequeno focus no seu remate, en ocasións acompañado de rolos ou pulvini, e unha decoración a base de rectángulos ou arcos reafundidos na parte central e debaixo dun motivo semicircular. Neste exemplo destaca a reinterpretación que se fai dos pulvini como mero elemento decorativo que abandona a súa posición orixinal —no remate, flanqueando o focus— para ser usado abundantemente na ornamentación de toda a parte superior da ara, que adquire así un curioso e barroco aspecto. O máis relevante desta peza, e a razón de que mereza un tratamento individualizado, é a estraña decoración que presenta no lugar correspondente ao campo epigráfico: un deseño cruciforme conseguido mediante a combinación de liñas rectas, pequenos círculos e puntos. Trátase dunha decoración incisa e non plástica, como a da cabeza da peza, e con contido claramente simbólico que parece substituír a epígrafe coa dedicatoria á deidade pagá existente na maioría das restantes aras do santuario.
O feito de se tratar dun símbolo estraño no conxunto do Facho, a súa configuración cruciforme e os seus paralelos en pezas xa claramente cristiás como a lauda funeraria de Seira (Padrón, A Coruña), así como a súa vinculación máis ás artes metálicas ou téxtiles que ás pétreas, indúcennos a interpretar, aínda con carácter de hipótese, esta peza como un posible exemplo da introdución do cristianismo nun santuario pagán, expresando quizais un proceso de substitución do culto realizado sobre o mesmo espazo sagrado e conservando en parte os antigos ritos, algo que podería explicar o feito, constatado arqueoloxicamente, do abandono sen destrución dese santuario. Por outra banda, a forma desta ara é semellante ás que definen os tipos máis evolucionados dentro do conxunto, algunhas aínda coa fórmula epigráfica pagá, o que redundaría nesa continuidade pagano-cristiá.
Non obstante, este altar, baixo esa aparencia de reiteración das formas comúns no santuario ao deus dese monte hoxe coñecido como O Facho, esconde mudanzas definitivas no concepto de altar. A diferenza que presenta non está unicamente na aparición de elementos novos no repertorio decorativo, senón que manifesta tamén indicios dunha verdadeira «deconstrución» da ara pagá, cuxos elementos servirán para unha reinvención deste tipo de monumento, agora en clave local e con referentes cristiáns, estes a través dunha simboloxía que non substitúe a materialidade cultural preexistente, senón que se introduce nela. En definitiva, esta peza non só expresa o cambio de crenzas, senón tamén a singularidade e a riqueza expresiva desta mudanza nun marco, o galaico, dotado dunha marcada identidade e potencialidade creativa a finais da antigüidade. Unha obra escultórica pequena e de aspecto basto, mais tamén unha alegoría en pedra, en fin, da complexa realidade histórica pola que transitaron Prisciliano, Exeria, Orosio ou Itacio e na que se puxo en escena a primeira ruptura política co Imperio Romano.

Para saber máis

SCHATTNER, Thomas Gregor / José SUÁREZ OTERO / Michael KOCH (2004): «Excavaciones en el Monte Facho (O Hío/Galicia), campaña 2003», Archivo Español de Arqueología, 77, 23-72.
— (2014): «Weihaltäre im Heiligtum des deus lar Berobreus auf dem Monte do Facho (O Hío, Galicien)», en Alexandra W. Busch / Alfred Schäfer (eds.), Römische Weihealtäre im Kontext, Friedberg, Likias, 249-268.
SUÁREZ OTERO, José (2004): «Ara do santuario do Monte do Facho», en Francisco Singul Lorenzo / José Suárez Otero (eds.), Hasta el confín del mundo: diálogos entre Santiago y el mar, Vigo, Museo do Mar, 87.