Número obxecto 14
Título do obxecto CRISMÓN DE QUIROGA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Crismón de Quiroga
Quiroga
Finais V d. C. ou inicios VI d. C.
Museo Diocesano de Lugo

Datos sobre o obxecto

Esta famosa peza atopábase, servindo de mesa de altar, na igrexa de Nosa Señora da Ermida, no concello de Quiroga (Lugo). En 1877 foi trasladada, primeiro ao Seminario de Lugo e, posteriormente, ao Museo Diocesano da mesma cidade, onde se atopa na actualidade.
Trátase dun taboleiro circular realizado en mármore gris veteado, característico das próximas canteiras do Incio. Mide 95 cm de diámetro e 6 cm de grosor. Unha das súas caras está tallada en baixorrelevo, mentres que a outra non está labrada. Na cara tallada represéntase un monograma coas letras gregas alfa e omega colgando das súas aspas, e un bordo cun dobre cordón de grandes perlas, cunha inscrición no medio. Esta inscrición percorre todo o bordo e está realizada a bisel, en letra capital cadrada. Nela pódese ler a seguinte frase en latín: «+ AURUM VILE TIBI EST ARGENTI PONDERA CEDANT PLUS EST QUOD PROPRIA FELICITATE NITES».
O monograma con alfa e omega representa a Cristo, como principio e fin de todas as cousas, e a inscrición, seguindo a proposta de Ángel del Castillo, podería traducirse como «O ouro é vil para ti, as riquezas de prata abátanse, máis é o que brillas pola túa propia felicidade». Trátase, xa que logo, dunha peza con marcado carácter relixioso cristián, que por unha banda invoca a Cristo e por outra exhorta a rexeitar as riquezas a favor da felicitas (ou sabedoría) cristiá. Este tipo de expresións son características do primeiro cristianismo e recollen influencias de distintos textos do Antigo e do Novo Testamento, como o Libro dos Salmos, e os escritos dos Pais da Igrexa.
Segundo as características tanto da peza como da inscrición, a maior parte dos autores consideran que se pode datar en torno ao século V d. C. ou inicios do século VI d. C. Deste xeito, o crismón de Quiroga acaso constitúa unha das primeiras manifestacións de arte cristiá no noroeste peninsular.
En canto á súa función orixinal, tradicionalmente pensábase que se trataba dunha placa feita para estar encaixada e visible na fachada dunha igrexa. Con todo, as interpretacións máis recentes consideran que é unha mesa de altar, ben de carácter eucarístico ou ben auxiliar aos servizos litúrxicos. Nese sentido, como indica Isaac Sastre, podería tratarse dunha mensa conmemorativa disposta nun ámbito de tipo funerario-martirial. Algunha proposta incluso considera que o monograma puido estar recuberto de bronce.
En todo caso, o que parece evidente é que o crismón de Quiroga constitúe, pola súa calidade e características, unha peza bastante excepcional na Península Ibérica. Tan só se coñecen paralelos en Puig de Sant Andreu (Xirona), A Encarnación (Sevilla) e Cap des Port (Menorca), ademais do pouco coñecido crismón en pedra calcaria que se atopaba no atrio da igrexa de San Pedro de Leis (Muxía). En todo caso, si se trata dun modelo moi estendido polo Mediterráneo oriental en época tardoantiga, especialmente no Imperio Bizantino.
A presenza dunha peza destas características indícanos o cedo da implantación do cristianismo nesta zona interior de Galicia. Isto concorda ben co feito de que Quiroga sexa unha das primeiras parroquias constatadas no noroeste peninsular, xa que aparece mencionada no chamado Parroquial suevo, de metade do século VI. Por outra banda, a mención ao ouro e a prata no epígrafe é moi apropiada nesta zona, próxima as explotacións auríferas do Courel e as Medulas do río Sil.
Xa que logo, é probable que o crismón formase parte do mausoleo funerario dun importante personaxe desta rica zona mineira en torno ao século V ou inicios do VI. O seu autor ou promotor debeu de ter, ademais, coñecemento e influencias da arte oriental, algo que se pode poñer en relación cos contactos comerciais entre o noroeste peninsular e o ámbito bizantino neste período e as viaxes a Oriente de aristócratas galaicos como Hidacio, Paulo Orosio ou Exeria.
Finalmente, cabe destacar as tradicións asociadas ao santuario de Nosa Señora da Ermida, no que apareceu este crismón. Trátase dun santuario moi popular, no que se celebra unha concorrida romaría anual. Sabemos que a xente tiña o costume de limar os bordos do crismón, xa que consideraban que tiña propiedades milagrosas. Ademais, existe unha tradición popular de que a estatua da virxe apareceu nos restos dun templo moi antigo situado nun outeiro próximo ao pobo actual. Todo isto reforza o interese e valor do crismón de Quiroga.

Para saber máis

CASTILLO LÓPEZ, Ángel del (1925): «Un crismón del siglo V», Boletín de la Real Academia Gallega, XV, Santiago de Compostela, 227-235.
RODRÍGUEZ COLMENERO, Antonio (1993): «Historia del arte romano de Galicia», en Francisco Rodríguez Iglesias (dir.), Galicia: Arte, tomo IX: Arte prehistórico y romano, A Coruña, Hércules, 237-540.
SASTRE DE DIEGO, Isaac (2009): El altar en la arquitectura cristiana hispánica: siglos V-X. Estudio arqueológico, tese doutoral inédita, Madrid.