Número obxecto 16
Título do obxecto LÁPIDA DE SAN PEDRO DE ROCAS

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Lápida de San Pedro de Rocas
Esgos
573 d. C.
Museo Arqueolóxico de Ourense

Datos sobre o obxecto

É unha lápida feita en granito de 0,82 metros de longo por 0,49 metros de ancho. A inscrición que leva gravada, da que logo imos falar, está datada no ano 573 (era 611). A dita peza estivo situada nunha das naves da pequena igrexa de San Pedro de Rocas até que, nalgún momento entre 1970 e 1972, foi trasladada ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, onde permanece até hoxe en día.
Rocas constitúe un testemuño singular na historia do monacato galego. Trátase dunha igrexa escavada integramente nun dos afloramentos rochosos que caracterizan este lugar do concello de Esgos, preto da cidade de Ourense. A singularidade de Rocas non remata aí. Considérase un dos exemplos máis evidentes da conexión entre vida anacorética e monástica en Galicia e, ao mesmo tempo, tense polo primeiro exemplo documentado de mosteiro propiamente dito na historia galega.
A conexión de Rocas cos anacoretas, os homes que vivían en soidade, afastados do mundo por mor da súa opción relixiosa, ten que ver coa propia historia universal do monacato, pero tamén cunha visión máis contemporánea da propia contorna xeográfica deste mosteiro. A simplicidade da súa arquitectura e a presenza de covas e outras construcións na rocha adoitan ser relacionadas coa vida eremítica. Un anacoretismo que tamén é visto como característico das orixes monásticas da Ribeira Sacra, un territorio ao que Rocas tende a asociarse. De todos os xeitos, a conexión de Rocas co eremitismo está lonxe de estar demostrada e máis parece, como acabamos de comentar, herdanza dunha tradición historiográfica e influxo da visión recente deses lugares.
É Rocas o máis antigo testemuño de vida monástica en Galicia? Aí é onde o comentario sobre a nosa lápida volve cobrar importancia. Escrita en carácteres visigóticos e atravesada horizontalmente por unha cruz episcopal sogueada, na inscrición fálase dunha herdanza (hereditas), seguida por cinco ou seis nomes de varón e a data previamente sinalada. Cómpre dicir que a interpretación, e a propia lectura, da epígrafe suscita moitas dúbidas e discusións. Debate que se traslada á propia lápida, xa que hai quen a considera copia dun orixinal perdido. As preguntas, en calquera caso, sucédense: é unha peza na que se conmemora a fundación de algo ou, máis ben, a súa recepción por un grupo de herdeiros? Ese algo pódese dicir que é xa un mosteiro? Trátase de Rocas ou pódese referir a outro lugar? O certo é que ningunha destas preguntas ten unha resposta rotunda e clara. De todos os xeitos, hai unha tendencia maioritaria a ver nesta epígrafe a primeira manifestación documental da vida cenobítica en Galicia, xa no período suevo. E, aínda máis, tendo en conta que pode tratarse dunha herdanza, a data «fundacional» do mosteiro habería que adiantala varios anos.
A historia de Rocas pode servir como paradigma da historia do primeiro monacato galego. Estamos a falar de mosteiros de orixes mal coñecidas e problemáticas e grandes baleiros documentais para seguir a súa evolución. De feito, non volvemos saber máis nada de Rocas até o ano 1007, data do primeiro dos documentos do seu fondo. Nel cóntasenos unha fermosa historia, con arrecendos de lenda, sobre a refundación da vida monástica neste lugar nos tempos do rei Afonso III (finais do século IX principios do X) e a súa necesaria reconstrución, nese ano 1007, reinando outro Afonso, o quinto da serie. Que foi de Rocas entre finais do século VI e finais do IX? Nada sabemos. E pouco máis podemos dicir da súa historia entre a súa refundación e os tempos de Afonso V.
Tamén Rocas pode servir como exemplo doutra realidade histórica do monacato galego. Estes pequenos mosteiros orixinais en pouco se parecen ás grandes casas que, a partir do século X, van exercer un poder e un protagonismo esenciais para comprender a sociedade da Galicia medieval.

Para saber máis

DURO PEÑA, Emilio (1972): El monasterio de San Pedro de Rocas y su colección documental, Ourense, Instituto de Estudios Orensanos «Padre Feijoo».
FREIRE CAMANIEL, José (1998): El monacato gallego en la Alta Edad Media, vol. I, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 248-257.
NÚÑEZ RODRÍGUEZ, Manuel (1978): Arquitectura prerrománica, Santiago de Compostela, COAG.