Número obxecto 18
Título do obxecto ARA DE SAN PAIO DE ANTEALTARES

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Ara de San Paio de Antealtares
Santiago de Compostela
Placa romana aproveitada do s. I (epígrafe de consagración de 1601)
Soporte da ara do s. IX (?) e c. 1150 (cara plana, inscrición do s. XII)
Museo do Mosteiro de San Paio de Antealtares (Santiago de Compostela)

Datos sobre o obxecto

A chamada «ara de San Paio» é unha mesa de altar composta de dúas pezas: unha placa marmórea funeraria romana e precristiá, colocada sobre un semifuste pétreo de época indeterminada cunha inscrición de época románica.
A placa ou taboleiro do altar está realizada en mármore branco e ten forma rectangular. As súas dimensións son 88 cm de longo por 68 cm de largo e 7 cm de grosor. Na súa parte superior presentaba un marco cunha moldura plana e dentro del unha inscrición romana en letras capitais: «D. M. S. ATI AM OETAT TETLVM PS A VIRI AEMO NEP TISPIANOXVI ETS F C». Trátase, xa que logo, dunha inscrición de carácter funerario datable arredor do século I d. C. e dedicada, como era habitual nese contexto, aos deuses manes. Esta inscrición foi borrada en 1601, por orde do arcebispo de Santiago a instancias de A. de Morales, «por estimala inadecuada para un altar», e no seu lugar gravouse unha dedicatoria cristiá. Non obstante, conservouse un debuxo que nos permite coñecer o seu aspecto e contido.
Canto ao semifuste ou soporte do altar, trátase dunha peza de pedra semicilíndrica que mide 121 cm de altura por 40 cm de diámetro. Na súa fronte contén unha epígrafe que polas súas características pode datarse arredor do século XII e que di: «Cum Sancto / Jacobo / fuit hec adla/ta columna araque scri/pta simul que super est / posita cuius discipuli sacr/arunt credimus ambas ac / ex his aram constitue/re suam» («Co corpo de Santiago veu esta columna, e xuntamente a ara escrita que está enriba; e cremos que os discípulos consagraron ambas e as constituíron en altar»).
A tradición compostelá considera que ambas as pedras chegaron co corpo do apóstolo e que foron os seus discípulos os que construíron e consagraron o altar. Posteriormente, co descubrimento do corpo, mantívose este conxunto como altar das primeiras basílicas compostelás erixidas polos reis ástures no século IX.
No entanto, se nos atemos á información fiable de que dispoñemos sobre a ara, só podemos asegurar que no século XIII se atopaba no mosteiro de San Paio, encaixada debaixo do altar maior e arrodeada de catro columniñas figuradas románicas do século XII. Aí estivo ata polo menos o século XVI. Na actualidade exponse no Museo Sacro do mosteiro de San Paio de Antealtares.
Reconstruír a historia desta peza antes do século XII é máis difícil. Algúns autores, como Guerra Campos, consideran que o taboleiro é o antigo titulus do mausoleo romano identificado como tumba de Santiago, transformado logo en oratorio cristián e mantido despois como altar da basílica. Outros autores xulgan probable que a ara de San Paio sexa o primitivo altar ao que se refiren a acta de consagración da catedral de Santiago (un documento datado no 899, malia que dá a impresión de que foi alterado posteriormente) e o Códice Calixtino no século XII. En todo caso, parece lóxico pensar que a placa de mármore proveña dunha necrópole romana (quizais da propia necrópole detectada baixo a catedral de Santiago, aínda que non se pode descartar unha procedencia máis distante) e que fose reutilizada como taboleiro de altar arredor do século IX-X, cando se constrúen as primitivas basílicas en honor do apóstolo Santiago. É probable que nese mesmo momento se lle engadise como soporte o semifuste pétreo, cuxa procedencia é descoñecida, aínda que algúns autores apuntan a unha orixe romana tamén para el. Cara á metade do século XII, por mor das reformas de Xelmírez na catedral, suponse que se trasladou a ara ao mosteiro de San Paio, momento no cal debeu de realizarse a inscrición do soporte e encastarse baixo o novo altar románico de catro columniñas.
Tal e como indica Isaac Sastre, resulta estraño que este altar non tivese loculus ou oco para albergar as reliquias, como era habitual na Idade Media. Quizais isto se explique, segundo este autor, polo contexto relixioso no que se achaba a ara de San Paio, no suposto sepulcro do apóstolo Santiago, o cal faría innecesarias as reliquias. Este autor tamén sinala que a estrutura da ara é moi similar á doutros altares de época visigoda e asturiana, o que reforza a hipótese da súa ensamblaxe nese momento.
Como se pode observar, esta peza é interesante por ser especialmente representativa dos distintos pero entrelazados camiños que percorren a tradición e a investigación arqueolóxica á hora de explicar a historia do culto apostólico en Santiago de Compostela.

Para saber máis

GUERRA CAMPOS, José (1982): Exploraciones arqueológicas en torno al sepulcro del Apóstol Santiago, Santiago de Compostela, Cabildo de la S. A. M. Iglesia Catedral.
SASTRE DE DIEGO, Isaac (2009): El altar en la arquitectura cristiana hispánica: siglos V-X. Estudio arqueológico, tese doutoral inédita, Madrid.
SUÁREZ OTERO, José (1999): «Reflexións sobre a arqueoloxía do edículo apostólico», en Santiago: a esperanza [catálogo de exposición], Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 45-57.