Número obxecto 20
Título do obxecto XUGO

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Xugo
Santiago de Compostela
s. IX-X
Museo das Peregrinacións e de Santiago

Datos sobre o obxecto

Trátase dun fragmento dun xugo de madeira de piñeiro de 735 mm de longo por 380 mm de ancho. Presenta marcas da talla e de abrasións provocadas polo uso. Foi datado polo carbono 14 na época medieval (ss. IX-X).
Dada a súa forma, pode ser un xugo de mulida que vai sobre a cabeza do animal, atado aos seus cornos. A súa aparición en Santiago de Compostela non se corresponde coa distribución xeográfica dos tres tipos de xugo feita por Xaquín Lorenzo, xa que este non sería propio da provincia da Coruña. Lorenzo Vázquez apuntaba que o xugo cornal e o de canga son descoñecidos na zona da Mahía e arredores. Isto quere dicir que tal distribución xeográfica mudou co paso do tempo segundo que modalidade fose considerada mellor para o aproveitamento da forza dos animais. Semella que o tipo de xugo empregado na Península Ibérica nas épocas protohistórica e romana era cornal por resultar máis útil situar a forza de empuxe na cabeza, acentuando a potencia de tiro.
O xugo é un instrumento de madeira que permite enganchar o carro, o arado ou outro tipo de instrumental agrícola a unha parella de vacas ou bois. É o nexo de unión entre o tiro animal e o instrumento de traballo.
A peza procede da escavación que tivo lugar no soto do antigo edificio do Banco de España, no actual Museo das Peregrinacións. En 2010 realízase a escavación de toda a área ocupada polo edificio e queda ao descuberto o trazado dun foso dos séculos IX e X, escavado na rocha, con numerosos depósitos de recheo. A presenza de auga facilitou a preservación dos materiais feitos en madeira, que en Galicia habitualmente esmorecen co tempo. Este foso correspóndese co primeiro cercado do pequeno núcleo, de carácter sagrado, composto por unhas cantas construcións e campos de cultivo. O certo é que naqueles momentos Santiago era un espazo rural formado por aldeíñas dispersas e que, ao igual que o resto de Galicia, se foi construíndo ao longo do tempo. Durante o século X a pequena vila comezou a consolidarse como un emerxente centro demográfico, administrativo e de intercambio. A densificación deste espazo fai que no s. XI se constrúa unha nova muralla por temor a que as incursións normandas atacasen esta vila que se achaba en crecemento.
A importancia da peza radica non só na súa singularidade (a única de cronoloxía tan antiga atopada en Galicia), senón tamén en que fala da sociedade do momento, da economía, da relación co contorno e da tecnoloxía agraria. Entendemos que unha comunidade tradicional é unha comunidade de persoas, animais e obxectos. Polo tanto, o xugo é un obxecto que conecta as persoas cos animais e a ambos con outros obxectos (carro ou arado) e co espazo agrario e as vías de comunicación medievais.
Entre a baixa romanización e a Alta Idade Media tivo lugar en Galicia un proceso de artificialización do espazo que se corresponde con novas formas de dominación política, social e económica que abriron paso á conformación definitiva do que hoxe identificamos como a paisaxe rural tradicional e a sociedade señorial.
Polos estudos arqueolóxicos feitos sabemos que esta paisaxe se empezou a construír arredor dos ss. IV-VI, moito antes de que se «descubrise» o sepulcro de Santiago e se iniciasen as obras da catedral. Así, no marco dos traballos de construción da controvertida Cidade da Cultura, detectouse que sobre a ladeira do Gaiás se preparara un sistema de terrazas para facilitar a súa posta en cultivo e ampliar o espazo de labranza. Esta ladeira, despois de acondicionarse, recibiu diferentes achegas de terra para nivelar a pendente. As dúas últimas achegas prodúcense entre o s. IX e finais do X d. C., cando Santiago aínda non era cidade e a catedral non estaba finalizada. O xugo sería o multiplicador da forza animal e humana para traballar as terrazas de cultivo coas que se reorganiza esta paisaxe agraria de Compostela, construíndo unha contorna rural definida pola explotación agraria dentro dunha economía de autoconsumo.
Pero o xugo tamén fala da longa supervivencia dos obxectos e tecnoloxías que son útiles para a sociedade tradicional. O máis rechamante desta peza é ser igual aos xugos cornais que estaban en uso aínda hai poucos anos. Mostra que durante máis dun milenio a forma do xugo permaneceu sen apenas variacións, embebida nun saber consuetudinario que se replicaba unha e outra vez pasando case sen cambios entre xeracións.

Para saber máis

BALLESTEROS ARIAS, Paula (2010): «La Arqueología Rural y la construcción de un paisaje agrario medieval: el caso de Galicia», en Helena Kirchner (ed.), Por una arqueología agraria: perspectivas de investigación sobre espacios de cultivo en las sociedades medievales hispánicas, British Archeological Reports, International Series, Oxford, Archaeopress (http://hdl.handle.net/10261/21663).
— / Felipe CRIADO BOADO / José Miguel ANDRADE CERNADAS (2006): «Formas y fechas de un paisaje agrario de época medieval: A Cidade da Cultura en Santiago de Compostela», Revista de Arqueología Espacial, 26, 193-225 (http://hdl.handle.net/10261/6875).
LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín (1967): «Distribución dos xugos na Galiza», en Real Academia Galega, Primera y segunda asambleas lusitano-gallega: actas y comunicaciones, Madrid, Editora Nacional, 61-63.