Número obxecto 21
Título do obxecto XADREZ DE ROSENDO

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Xadrez de Rosendo
Celanova
s. XII
Museo da Catedral Basílica de Ourense

Datos sobre o obxecto

Trátase dun conxunto de oito pezas de xadrez talladas en cristal de rocha e feitas no Exipto fatimí. Custódianse, desde 1958, no Museo Catedralicio de Ourense, cando foron trasladadas desde Celanova xunto coas outras pezas do coñecido como «tesouro de san Rosendo». Estas pezas son unha torre, un alfil, un cabalo e mais cinco peóns. O seu estado de conservación dista moito de ser perfecto, e o seu peso oscila desde os 93 gramos da torre até os 23 gramos do máis pequeno dos peóns.
Este conxunto forma parte do selecto grupo dos obxectos fatimís tallados en cristal de rocha. No mundo non se conservan máis de douscentos e no ámbito hispano son apenas corenta. A maioría destas pezas de rocha son, precisamente, figuras de xadrez. Canda as de Celanova consérvanse outro xogo, moito máis completo en número, procedente do mosteiro catalán de Àger (hoxe en día no Museo da Catedral de Lleida) e tres pezas oriúndas do mosteiro de San Millán de la Cogolla.
Cando chegaron estas pezas a Celanova, como e por que? Este tipo de bens tiveron a súa época de maior produción entre os séculos X e XI, os séculos nos que Celanova, precisamente, acadou o seu máximo protagonismo histórico. O certo é que non se mencionan entre os numerosos obxectos de luxo doados por Rosendo e súa nai Ilduara canda a fundación de Celanova, malia que entre eles hai varios de procedencia andalusí, bizantina ou mesmo iraquí. Convén non esquecer que, nesa altura, as manufacturas procedentes do mundo islámico eran consideradas pezas de luxo e que eran moi valoradas, mesmo para desempeñar funcións de tipo litúrxico e sagrado. Descartada a súa doazón no período fundacional, só podemos dicir que estas pezas puideron chegar a Celanova en calquera momento destes dous séculos.
Tampouco temos coñecemento de como chegaron. Sabemos, iso si, da arribada destes obxectos, concretamente no século XI, quer como compensación das parias pagadas polos reinos de taifas, quer como parte do botín conseguido en accións bélicas ou, mesmo, como resultado de intercambios diplomáticos ou comerciais entre Al-Andalus e os reinos cristiáns. Unha vez en mans dos poderosos locais, estes podían doalos ás institucións eclesiásticas, que son as que, maioritariamente, os conservaron. Deste xeito chegaron as pezas de xadrez de San Millán e Àger e, con toda probabilidade, así aconteceu no caso de Celanova.
En canto ao porqué, coido que é posible sinalar na dirección do previamente referido «tesouro de san Rosendo». Estamos a falar dun conxunto de bens integrados por un ara, un cáliz con patena, uns peites litúrxicos, un báculo, unha mitra, unha caixa de madeira, varios aneis e as xa coñecidas pezas de xadrez. Estes obxectos teñen orixes distintas e datas diferentes, aínda que a maioría parecen ser do século XII. É dicir, a súa relación con Rosendo é lendaria porque non puideron pertencerlle. Xunto á elaboración da Vida e milagres e á composición do propio tombo do mosteiro, puido ser, polo tanto, un chanzo máis na canonización do fundador de Celanova, que foi un proceso levado a cabo no último cuarto deste século. Xuntar unha serie de obxectos de valor e atribuílos a Rosendo non deixaba de ser unha estratexia máis en prol da significación histórica e relixiosa do personaxe. Cómpre lembrar que estamos a falar dun persoeiro que viviu no século X (907-977), membro dunha poderosa familia condal, bispo e fundador de mosteiros que exerceu un protagonismo esencial nos eidos relixioso e político no reino leonés do seu tempo.
Parece salientable o feito de que, xunto ás pezas do xadrez, outros dos obxectos do «tesouro» teñan tamén orixe islámica. Así acontece con un dos peites litúrxicos ou coa guarnición de tiras de seda que leva a tiara. Para pechar o círculo deste tesouro, en parte orientalizante, as pezas de xadrez puideron ser gardadas na caixa, considerada como mourisca e que acaso date do século XIII.
A fascinación polos obxectos de luxo procedentes do mundo islámico chegou tamén á Galicia dos séculos X-XI. As súas elites sociais miraron cara a Córdoba ou máis alá, no universo musulmán ou no Oriente, para buscaren aqueles bens que, malia seren fabricados fóra da cristiandade, eran asumidos por ela «por contacto e contido». O exemplo de Celanova e de Rosendo mostra que mesmo podían axudar a fabricar un novo santo.

Para saber máis

GONZÁLEZ GARCÍA, Miguel Ángel (2007): «O culto a San Rosendo e a creación do tesouro de Celanova na Idade Media», en VV. AA., Rudesindus: o legado do santo, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 156-173.
MAKARIOU, Sophie (2007): «Traslado, recepción e fascinación: os obxectos islámicos en Europa ao redor do século X», en VV. AA., Rudesindus: a cultura europea do século X, Santiago, Xunta de Galicia, 182-191.
VALDÉS FERNÁNDEZ, Fernando (2004): Las figuras de ajedrez y cristal de roca del Museo Catedralicio de Ourense, Ourense, Grupo Francisco de Moure.