Número obxecto 24
Título do obxecto CÓDICE CALIXTINO

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Códice Calixtino
Santiago de Compostela
s. XII (edición facsimilar, 1993)
Consello da Cultura Galega (Santiago de Compostela)

Datos sobre o obxecto

É un libro manuscrito copiado por dúas mans distintas no século XII, seguramente en Santiago, e que está custodiado no Arquivo da catedral de Santiago. Actualmente contén 255 folios cun tamaño medio de 295 × 215 mm.
Trátase do exemplar máis coñecido do Liber Sancti Iacobi, tamén chamado Iacobus, que é, en realidade, un conxunto de cinco libros dedicados á figura do apóstolo Santiago o Maior desde varios perfís, de tal xeito que foi definido como unha especie de enciclopedia xacobea. Malia que parte dos seus materiais son de procedencia foránea, hoxe en día parece moi claro que a súa compilación e fusión foron feitas en Compostela e, principalmente, en época de Diego Xelmírez, primeiro arcebispo de Santiago.
O primeiro dos libros, que é o mais extenso dos cinco, é un conxunto de textos litúrxicos e cultuais que reflicten a evolución seguida polo culto a Santiago entre os anos 1080 e 1135. A maior parte destes escritos atribúense a diversas autoridades da Igrexa entre as que sobresaen varios papas, sinaladamente Calisto II, pontífice que, como logo se dirá, é presentado como «autor» desta compilación.
O segundo é o libro dos milagres. Estamos diante dun conxunto de vinte e dous relatos nos que Santiago intervén en axuda dos seus peregrinos. A maioría dos seus protagonistas son xente de fóra da Península, entre os que sobresaen os franceses e mais os italianos.
Segue un pequeno libro onde se narra, en dúas versións diferentes, a lenda da translación do corpo de Santiago desde Xerusalén até Galicia. A continuación vén o coñecido como Pseudo Turpín. É un texto falsamente atribuído a un bispo dese nome que supostamente acompañara a Carlomagno na súa ficticia expedición cara ao sepulcro de Santiago, que, segundo esta narración, estaba baixo o poder dos musulmáns. Entre outras moitas claves, o Turpín cumpre a función de enlazar un dos heroes da literatura profana da Francia deses tempos co apóstolo de Galicia.
Por último, vén a parte seguramente máis coñecida do Códice, o libro quinto, polo común definido como Guía do Peregrino. É un texto escrito por un francés no que se describen algunhas das rutas seguidas polos peregrinos que ían de camiño a Santiago desde Francia e outras partes de Europa. Fai, ademais, unha serie de consideracións máis ben curiosas sobre as xentes e as terras que hai que cruzar no camiño a Santiago. Por certo, cómpre dicir que os galegos saímos ben parados se nos comparamos co que este narrador di, por exemplo, verbo dos vascos ou navarros: os galegos viven nunha terra rica e son, dos hispanos, o pobo máis parecido ao francés malia parecerlle algo iracundos e amantes dos litixios.
O libro remata cunha descrición da cidade e igrexa de Santiago bastante prolixa en detalles e que é un texto tido por esencial na historia construtiva da catedral e tamén para a propia cidade de Compostela.
A reunión e edición deste conxunto de textos, e por iso o seu nome, fóronlle atribuídas ao papa Calisto II (1119-1124). O dito pontífice era tío do rei leonés Afonso VII, e con el Xelmírez obtivera a dignidade arcebispal para a sé de Compostela. Malia estas estreitas relacións, o certo é que Calisto non foi quen de reunir estes materiais. De feito foron xuntados nun libro único trala súa morte, non antes de 1135. Nesta falsa atribución hai un evidente desexo por parte de Xelmírez e os seus colaboradores por xunguir, dunha vez, o papado e mais o templo apostólico do Occidente da cristiandade, dúas institucións que até o momento non sempre tiveran unha relación plenamente harmónica.
Co Códice Calixtino pódese dicir que Galicia, constantemente mencionada, mesmo en ocasións como territorio distinto do resto de España, ve reforzado o seu coñecemento internacional. Certamente xa era un espazo ben coñecido no Occidente, pero o feito de ser o lugar en que, segundo a crenza xeneralizada, repousaban os restos do apóstolo Santiago non fixo senón incrementar a súa fama.

Para saber máis

DÍAZ Y DÍAZ, Manuel Cecilio (1988): El Códice Calixtino de la Catedral de Santiago: estudio codicológico y de contenido, Santiago de Compostela, Centro de Estudios Jacobeos.
LÓPEZ ALSINA, Fernando (2013): «Diego Gelmírez, las raíces del Liber Sancti Jacobi y el Códice Calixtino», en Fernando López Alsina / Henrique Monteagudo Romero / Ramón Villares Paz / Ramón Yzquierdo Perrín (coords.), O século de Xelmírez, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, 300-386.
LÓPEZ DÍAZ, Xosé (trad. e notas) (2013): Códice Calixtino: o Liber Sancti Iacobi en galego, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia.