Número obxecto 25
Título do obxecto FORO DO BURGO DE CALDELAS

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Foro do burgo de Caldelas
Castro Caldelas
1228
Arquivo da Fundación Casa de Alba. Madrid

Datos sobre o obxecto

O texto do foral outorgado ao burgo de Caldelas polo rei Afonso IX de León e Galicia en 1228 chegou a nós en dúas redaccións: unha latina, orixinal, e outra galega, versión da anterior, transmitida por un diploma conservado no Arquivo dos duques de Alba, a onde foi parar probablemente desde o Arquivo dos condes de Lemos, que foron señores do burgo desde 1333. Nese mesmo arquivo atópase tamén o diploma co texto latino, que con certeza é o orixinal, mentres que o que contén a versión galega debe constituír unha copia realizada dúas ou tres décadas máis tarde.
O burgo de Caldelas é hoxe a cabeceira da parroquia de San Pedro do Burgo, próxima á vila de Castro Caldelas (provincia de Ourense). En 1172, Fernando II de Galicia e León concedeulle un privilexio foral, redactado en latín. En 1228, o seu sucesor, Afonso IX, volveulle conceder un privilexio municipal. Ambos os dous forais presentan características que os asemellan ao foral de Allariz, outorgado por Afonso VII Emperador ca. 1155, e ao seu derivado o foral de Ribadavia, concedido polo fillo deste, Fernando II, en 1164. Coma no foral de Ribadavia, un trazo notable do de Caldelas é que se expresa o nome dos veciños da vila que solicitaron o privilexio ao monarca.
Analogamente a outros diplomas forais de localidades de reguengo, o do burgo de Caldelas non foi elaborado pola chancelería real: o orixinal latino labrouno o clérigo Nuno, notario do concello de Allariz; a versión galega puido ser feita por Pero Viviãez do Burgo, que figura subscribindo o propio diploma no grupo dos veciños, personaxe documentado naquela área entre 1228 e 1267, que verosimilmente pode ser identificado co trobador do mesmo nome. Pero tamén puido facela o fillo deste, Pedro Perez, que foi xuíz e notario de Caldelas, documentado entre 1257 e 1274.
O interese desta peza é duplamente excepcional: desde o punto de vista lingüístico, é un dos máis antigos e valiosos testemuños da produción escrita en lingua galega, mentres que desde o punto de vista histórico e diplomático constitúe xunto co orixinal un testemuño sobranceiro, pois son a única parella de orixinal latino e versión romance coetánea dun foral outorgado por Afonso IX, xa que practicamente a totalidade da documentación foralenga deste monarca chegou a nós a través de confirmacións ou de copias posteriores a 1250, case sempre desprovistas da relación de confirmantes.
Esa relación é enormemente valiosa, pois ofrece unha perspectiva moi iluminadora sobre a rede de poderes, nobiliarios e eclesiásticos, tecidos naquela área na época. En cabeza van as infantas herdeiras do trono (Sancha e Aldonza), seguidas polos magnates da Galicia da época, de Rodrigo Gomez de Trastámara, Fernan Goterrez de Lemos e Fernan Eanes de Limia / Batissela. Nun segundo plano aparecen por unha banda, entre outros, os cabaleiros Paio Airas (de Nóvoa?), Rodrigo Paez de Canderei e Fernando Paez Varela e por outra os abades de Celanova, Montederramo e Oseira, ademais do prior de Xunqueira de Espadanedo. Moi relevantes son as conexións entre varios dos personaxes que aparecen no diploma foral e a lírica trobadoresca galego-portuguesa: alén do antes dito sobre Pero Viviãez, o Rodrigo Paez que acabamos de citar é con certeza o pai do trobador Nuno Rodriguez de Canderei, mentres que Fernando Paez Varela é sen dúbida o trobador que nos cancioneiros vén designado como don Fernan Paez de Tamallancos.
En definitiva, o foral do burgo de Caldelas, ademais de ofrecer unha información histórica e histórico-literaria extremadamente interesante, constitúe un precioso testemuño da emerxencia da escrita en galego na documentación instrumental nas décadas centrais do século XIII.

Para saber máis

MONTEAGUDO ROMERO, Henrique (2008): Letras primeiras: o foral do Burgo de Caldelas, os primordios da lírica trobadoresca e a emerxencia do galego escrito, A Coruña, Fundación Barrié de la Maza.