Número obxecto 29
Título do obxecto SEPULCRO DE FERNÁN PÉREZ DE ANDRADE

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Sepulcro de Fernán Pérez de Andrade
Betanzos
1397
Igrexa de San Francisco de Betanzos

Datos sobre o obxecto

A lauda sepulcral de Fernán Pérez de Andrade presenta a súa escultura en vulto con armadura e espada de cabaleiro. Rodéano cans fieis psicopompos (que guían a ánima cara ao máis aló) e anxos intercesores (estes remiten a modelos portugueses e son os primeiros da arte sepulcral galega). A estrela hexalfa (estrela de David) do pomo, reflexo da que vemos en rosetóns das igrexas góticas de Betanzos, é, por conseguinte, imaxe emblemática de Deus-Luz e, polo tanto, converte a Andrade en soldado de Cristo ou novo templario, en relación coa Orde de Christus portuguesa da que foi mestre o seu irmán, Nuno Freyre de Andrade. O cordón franciscano, como pasaporte ao máis aló, remite á devoción do finado e ao pacto non escrito cos franciscanos: a cambio de construírlles o mosteiro e a igrexa, enterraríase na capela maior, despregando alí a súa propia iconografía cabaleiresca. Nos bordos, esta inscrición: «AQUI: IAZ: FERNAN / PEREZ: DANDRADE: CAUA/LEIRO: QUE: FEZO ESTE: MOESTEIRO: ANNO: DO: NASCEMENTO/DO NOSO SEN/NOR: IHESU: XPISTO: DE: MIL [ET] CCC: ET: OYTENTA [ET] SETE ANOS».
Sosteñen o sarcófago un oso e un porco bravo (probable relación coa crónica do infante portugués don João, protexido do mestre de Christus), emblemas persoais (sobre todo o porco bravo) do cabaleiro. As escenas de caza do sarcófago son complementarias das existentes na capela maior. Trátase de encomiar a figura de Andrade, collendo como referencia temática sepulcros portugueses da época, pero estilisticamente é unha versión próxima de modelos romanos do Baixo Imperio, probablemente franceses, aínda que non se pode desbotar a posible influencia de laudas en latón coas que, orixinadas en Flandres, se comerciaba por boa parte de Europa e das que temos mostras na Península.
Dentro do contexto europeo da guerra dos Cen Anos enmárcase a guerra civil (1351-1369) entre o rei Pedro I e Henrique de Trastámara. A vella nobreza galega estará con Pedro I e, nun primeiro momento, Fernán Pérez tamén. Pero en 1366 Henrique realizou en Galicia unha hábil campaña diplomática, grazas á cal captou o favor do clero de Santiago e de diversos nobres, entre os que está Andrade.
Fernán Pérez defendeu con éxito Betanzos de dous asedios portugueses, un entre 1369 e 1371 e o outro en 1384. O 25-VII-1388 a frota inglesa chega á Coruña e, ante a súa potencia, Andrade negociou, aínda que ao final se rendería, o mesmo que a maior parte de Galicia. Conta Gerónimo del Hoyo en 1607: «Este Fernán Pérez fue muy privado del rey D. Enrique, y viviendo en la ciudad de Betanzos edificó siete iglesias y siete monasterios y siete puentes en siete ríos caudalosos y siete hospitales…».
Fernán Pérez era non só home de armas e señor de vasalos, senón tamén home culto que sabía dos refinamentos da corte, tanto de Castela como de Portugal. Todo isto axuda a entender que mandase realizar ao seu «clerigo et capelán», Fernán Martís, a versión ao galego da Crónica troiana, que rematou en 1373.
Antes de morrer quixo deixar constancia de quen fora e, do mesmo xeito que outros nobres, príncipes e reis, utilizou para iso o seu propio sepulcro. No seu testamento do 23-II-1397 di: «Et mando enterrar meu corpo ena Yglla de Sn Francisco de Betanzos dentro ena Capela mayor da dita Ygllia que eu y fiz facer: et mando que ponan y enterren mias carnes de baix de moimento que y esta fayto acaron da terra sem algua outra ataude». Fixo, pois, en vida o sepulcro e, a pesar do seu mandato, o certo é que dentro quedan os restos dun home de 1,71 m de estatura que probablemente sexan os seus.
O sepulcro estivo xunto ao da súa esposa Sancha Rodríguez na capela maior da igrexa de San Francisco de Betanzos (no s. XVIII sacáronos de alí). Con ela tivo dúas fillas (clarisas en Compostela) e un «fillo erdeyro», que finou prematuramente. Sancha Rodríguez morrería pouco despois de 1373, e Andrade aínda casaría con Constanza de Moscoso (sepulcro en San Domingos de Bonaval, Santiago).
Sen dúbida, Andrade é o prototipo de cabaleiro trastamarista triunfante, o máis destacado de Galicia na segunda metade do s. XIV.

Para saber máis

ERIAS MARTÍNEZ, Alfredo (2014): Iconografía de las tres iglesias góticas de Betanzos: San Francisco, Santa María do Azougue y Santiago, Betanzos / Santiago de Compostela, Briga / Xunta de Galicia.
NÚÑEZ RODRÍGUEZ, Manuel (1981): «El sepulcro de Fernán Pérez de Andrade como expresión de una individualidad y una época», Braccara Augusta, XXXV, 3-19.
VALES VILLAMARÍN, Francisco (1949): «El sepulcro de Andrade “O Bóo”», Anuario Brigantino, 2, 89-122. Tamén (2006) en Vales Villamarín: obra completa, Betanzos, Briga, 393-422.