Número obxecto 30
Título do obxecto A MARISCALA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

A Mariscala
Mondoñedo
Último cuarto s. XV (?)
Museo Provincial de Lugo

Datos sobre o obxecto

No claustro do Museo Provincial de Lugo exponse unha antiga cadea de ferro forxado que ten nome propio, a Mariscala. A tradición sostén que nela estivo preso o mariscal Pardo de Cela en Mondoñedo ata o momento da súa execución; no lugar onde ela estivese, pois naquelas datas, a falta de sitio fixo para o cárcere, a propia cadea era a prisión.
Non existe constancia documental diso, mais a simple transmisión da tradición, moi antiga, constitúe un elemento de peso, así como a probabilidade de tratarse, en efecto, dunha cadea baixomedieval.
As voltas que deu desde a súa primeira aparición ata chegar ao museo onde agora repousa poden ser consultadas no artigo «A Mariscala», de Isidro Fernández, na edición dixital de Terra e Tempo do 6 de outubro de 2011.
Infórmanos o autor de que a primeira mención escrita remite ao ano 1691, cando se rexistra unha condena de prisión en Mondoñedo con imposición da cadea, xa chamada Mariscala. Posteriormente, nun recoñecemento do cárcere realizado en 1737 procédese a unha descrición pormenorizada.
Alí permaneceu ata 1931, cando as Cortes da República ordenaron o seu traslado a Madrid para ser destruída, do que se salvou grazas ás xestións da corporación mindoniense, que a reclamou con vistas a instalala nun proxectado Museo Municipal. No entanto, talvez polos avatares da guerra civil, en 1939 estaba en poder da Deputación Provincial e foi depositada na súa actual situación.
O nome da Mariscala une a cadea ao tráxico final do mariscal Pedro Pardo de Cela e constitúe unha icona da súa rebeldía e derrota, mais tamén, por extensión, dos acontecementos históricos en que se insire ese episodio.
Casado con Isabel de Castro, filla do conde de Lemos, Pedro Álvarez Osorio, o mariscal ascendeu ao máis elevado nivel da nobreza galega. O seu señorío exercíase polas comarcas da Mariña, en concorrencia cos outros señores presentes na área, algo común en todo o reino, repartido en múltiples xurisdicións que se solapaban.
Por iso, aínda sendo el tan devoto cristián como o eran todos, resultaba inevitable a colisión co máis importante señorío da zona, aquel do que gozaba a Catedral de Mondoñedo.
A controversia co bispo de Mondoñedo tivo unha influencia decisiva na súa morte; a tradición faise tamén eco da presenza de clérigos no episodio da ponte do Pasatempo, entretendo a súa muller cando regresaba apresurada da corte co indulto, ata que a execución se consumou. Con todo, talvez fose outra disputa o precipitante máis directo do desenlace, nese contexto de conflitividade xeral da segunda metade do século XV.
Durante o levantamento nobiliario contra Henrique IV en que se encadra a revolución irmandiña, desencadeada en apoio do monarca, Pardo de Cela estaba de parte do rei, na súa calidade de alcalde do concello de Viveiro. Mais nesa poboación chocaba cos intereses do cabaleiro Xoán de Viveiro, integrante do bando rebelde. Un debate semellante, polo dominio da fortaleza de Ortigueira, enfrontábao á condesa Tareixa de Zúñiga, igualmente contraria ao rei e á Irmandade.
Pasado ese conflito e falecido o monarca, Xoán de Viveiro atopábase nunha posición extremadamente favorable, moi próxima aos Reis Católicos, que en 1476 cesaron dos seus cargos o mariscal. Outras disposicións posteriores sumaron agravios e precipitaron o conflito contra a monarquía.
Non pode ser irrelevante o feito de Xoán de Viveiro estar casado con María de Acuña, madriña da voda dos Reis Católicos e irmá de Fernando de Acuña, quen precisamente, como xustiza maior ou vicerrei de Galicia polos reis, ordenou a memorable execución de Pardo de Cela na praza de Mondoñedo en 1483.
Pedro Pardo de Cela converteuse axiña en símbolo da insubmisión galega (o Pranto da Frouseira foi composto a pouco da súa morte), e por iso nunha das figuras máis controvertidas da historiografía de Galicia, que debate actualmente acerca do alcance dos seus actos. Mais hai un feito indiscutible: alzouse en armas contra os Reis Católicos e sucumbiu nesa loita desigual, nunha conxuntura en que a imposición da monarquía autoritaria castelá significaba para Galicia a caída nunha situación de dependencia.

Para saber máis

MEILÁN GARCÍA, Antón Xosé (2004): O «mito» do mariscal Pardo de Cela: historia, lendas e literatura, Lugo, Asociación Cultural «O Mundo de Galea».
PARDO DE GUEVARA Y VALDÉS, Eduardo (2013): «El testamento del mariscal Pardo de Cela: noticia del hallazgo y edición del documento», Cuadernos de Estudios Gallegos, LX:126, 171-223.
VALÍN VALDÉS, Manuel Alfonso / Carlos Andrés GONZÁLEZ PAZ / Juan Ramón FERNÁNDEZ PALACIOS (coords.) (2006): O mariscal Pardo de Cela e o seu tempo, Lugo, Deputación Provincial.