Número obxecto 32
Título do obxecto CARTA DE BEATRIZ DA SERRA AO CONDE DE GONDOMAR

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Carta de Beatriz da Serra ao conde de Gondomar
Baiona
1603
Real Biblioteca, Madrid

Datos sobre o obxecto

Beatriz da Serra, dende Baiona, solicita a don Diego Sarmiento de Acuña unha carta de recomendación para o gobernador de Galicia Luis Carrillo de Toledo, conde de Caracena. O obxecto desta solicitude é influír no gobernador e oidores da Real Audiencia para que se faga «justiça rreta» no preito que o seu irmán, de sangue ou político, Jerónimo Fernández, trae en Pontevedra cun que fora alcalde desa vila. O motivo do preito é un caso de honra, «vma senrrezón que fes a miña hirmán», suceso polo que Jerónimo está preso. Antes da despedida, informa sobre o estado da terra: «Nouas da terra vosa mercé as terá a meudo. Está perdida. Temos esperança coas boas nouas que nos derao das pases bolua a seu ser de todo». E, efectivamente, esa paz chegaría antes dun ano despois da data da carta, coa firma do Tratado de Londres.
A carta ábrese coas habituais fórmulas de cortesía, coas que dona Beatriz se comprace polos éxitos de don Diego e se lembra de dona Constanza e de dona Juana de Acuña, muller e nai do destinatario, respectivamente. Péchase tamén de maneira formularia, agradecendo novas da saúde do destinatario e «de [súa] señora dona Constanssa e dos señores fillos». Finalmente confesa que a carta non foi escrita da súa man: «Non escrevo por miña lettra por ser rruyn escribán, fa-lo-ey de bagar».
Consérvanse dúas redaccións da misiva. A primeira, que é a que reproducimos, foi enviada polo ordinario do correo de Pontevedra, e a segunda por medio dun mensaxeiro. As variantes de contido son mínimas. Na primeira prega que a carta solicitada se remita polo correo ordinario, e na segunda pide non só carta para o gobernador, senón tamén para «outras persoas que conesçan o señor gouernador», e que sexan entregadas ao mensaxeiro.
Lingüisticamente é difícil precisar a variante xeográfica empregada: hai formas meridionais que nos situarían no sur de Pontevedra (disso, coysso, muyto) e outras propiamente occidentais (man, escribán), influencia portuguesa (escreuy, gosto), e formas castelás: «Eu estoy nesta uilla de Bayona…».
O destinatario da carta é o primeiro conde de Gondomar, figura senlleira na España de Filipe II e Filipe III por mor da súa carreira política e polo seu labor de bibliófilo e mecenas. En 1603, data na que se redacta a nosa carta, Gondomar, nesa altura corrixidor de Valladolid, é nomeado gobernador de Baiona e do bispado de Tui e é trasladado á costa galega para supervisar a carga das naves procedentes da India. Con todo, o episodio máis transcendental da súa ampla biografía constitúeo o seu labor de embaixador na Inglaterra de Xacobe I durante dous breves pero intensos períodos: 1613-1618 e 1619-1622. Dentro da historiografía galega, é especialmente recoñecido pola súa contribución á reivindicación da recuperación do voto nas Cortes para Galicia.
Moito máis escasos son os datos biográficos que podemos achegar de Beatriz da Serra. Tan só os que deducimos desta carta, así como doutra tres anos posterior, de 1606, conservada no mesmo epistolario. Sabemos que vivía en Baiona, «nas casas donde moraba [seu] pay», xa morto; que o seu home emigrara ás Indias xa había anos e que tiña un cuñado de orixe italiana, Giuseppe de Serolla, marido da súa irmá, Violante de Paz, o cal mantivera unha pendencia cun soldado en Santiago de Compostela, e que por ese motivo en 1606 fuxira para Valladolid, onde se hospedara na casa de Bartolomé de Aguiar, secretario de guerra, probablemente por intercesión de Gondomar. Sábese tamén que dona Beatriz mantiña boa relación con don Diego, xa dende os tempos da nai deste, dona Xoana de Acuña, e que don Diego fora padriño no casamento do seu irmán.
Dado o escaso número de manifestacións escritas en galego durante os denominados por este motivo «Séculos Escuros», o maior interese da nosa carta radica precisamente en que a lingua galega fora a escollida por Beatriz para se dirixir ao conde. Permítenos isto conxecturar que o galego é vehículo de expresión común na Galicia de Beatriz da Serra e é a lingua usada na súa conversación co conde.
Ten interese tamén como mostra da correspondencia do conde de Gondomar, onde se conservan outras importantes manifestacións epistolares en galego. Polo seu volume, variedade de correspondentes e temas, a correspondencia de Gondomar é unha fonte histórica de primeira orde para nos achegar á vida cotiá e á historia social, cultural e militar de Galicia.

Para saber máis

ÁLVAREZ BLANCO, Rosario / Xosé Luís RODRÍGUEZ MONTEDERRAMO (2004, 2005): «Escrita epistolar en galego: a correspondencia de don Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de Gondomar (1567-1626) (I, II)», Boletín da Real Academia Galega, 365 (2004), 366 (2005).
MANSO PORTO, Carmen (1996):Don Diego Sarmiento de Acuña, conde de Gondomar (1567-1626): erudito, mecenas y bibliófilo, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia.