Número obxecto 33
Título do obxecto FERRADO

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Ferrado e rebola
A Torre da Lama, Ribeiras do Sor (Mañón)
Primeira metade s. XX
Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela)

Datos sobre o obxecto

O ferrado é a medida de superficie e capacidade máis coñecida en Galicia, aínda que en comarcas de Ourense ten como equivalente a tega, e nas viñas a cavadura. Podería dicirse que o ferrado é a nosa «medida nacional», pois o propio catastro de Ensenada, de 1749-1753, presenta a maioría dos datos da extensión das terras en ferrados, e isto cando desde o século XIV os reis viñan ditando ordes para que se substituísen as medidas locais pola fanega de Ávila. Tanto o mencionado catastro como diversos textos escritos no século XIX para establecer as equivalencias entre as medidas antigas e o novo sistema métrico decimal acreditan que o ferrado era moi desigual, tanto en capacidade como sobre todo en superficie: de modo excepcional pode baixar de 300 m2 ou subir de 1100, aínda que os valores máis comúns son os de 639, 629, 548, 509, 472 e 437 m2, entre os que dominan os de menor extensión na actual provincia de Lugo e os de maior nas outras tres.
No tocante á capacidade, as variacións tamén son grandes, e a maioría dos valores, no caso do ferrado raso, sitúanse entre 12 e 20 litros, mentres que o acugulado, que se utilizaba habitualmente para o millo americano, as aveas, as castañas e as fabas, levaba unha cuarta ou quinta parte máis que o raso. Con todo, a correspondencia entre ferrado de capacidade e de superficie só adoita darse no caso do centeo, pois en principio un ferrado de superficie era a extensión que se sementaba cun ferrado de cabida de centeo, cando esa mesma terra levaba tres cuartos dun ferrado de trigo e unha cuarta ou sexta parte dun de millo. Trátase, non obstante, de relacións teóricas, pois uns labregos sementaban máis xunto e outros máis raro, se ben até entrado o século XX se estilaba sementar moi xunto, de modo que esta operación consumía unha proporción grande da colleita; tamén había diferenzas de terra a terra e das labranzas ás rozas. O múltiplo máis común do ferrado era a fanega, que equivalía a catro e a cinco ferrados; submúltiplos tiña moitos: o tego (1/2 ferrado), a conca (1/12), o copelo e o cuartillo (1/24), etc.
O ferrado estaba moi presente na vida cotiá dos labregos e tamén na dos rendeiros e na dos vilegos que acudían ao mercado a comprar pan. As terras que as familias cultivaban, mercaban, vendían, trocaban e deixaban en herdanza medíanse en ferrados; o mesmo se pode dicir das colleitas de pan, fosen boas ou malas. O ferrado fálanos tamén do pagamento das pesadas cargas de foros e arrendos e das institucións e familias que controlaban o poder, pois as cargas había que satisfacelas por unha determinada medida, que debía existir en cada concello debidamente «conferida» ou autorizada, unha operación competencia das autoridades locais, a miúdo nomeadas polos señores. De feito, a diversidade metrolóxica está relacionada sobre todo coa fragmentación do territorio en xurisdicións e coutos de señores diferentes e a vixencia de medidas de distinta capacidade daba orixe a unha chea de conflitos entre pagadores e perceptores de rendas. En fin, o ferrado serve para evocar unha clase ben coñecida de mestres sen carreira, contratados polos veciños para ensinar durante o inverno aos nenos, e que eran retribuídos en cereal.
O ferrado é unha medida pequena, acomodada a unha realidade agraria e social caracterizada polo dominio de explotacións de reducido tamaño e pola acusada parcelación do espazo. A súa dilatada vixencia ten moito que ver coa permanencia dunha determinada estrutura agraria e coa incapacidade do poder político «central» para intervir na vida local, pois é ben sabido que inclusive o sistema métrico decimal (1849), ou «revolución do metro», precisou máis dun século para xeneralizarse en Galicia.

Para saber máis

FERNÁNDEZ JUSTO, María Isabel (1986): La metrología tradicional gallega: aportación a los estudios sobre el medio rural, Madrid, Instituto Geográfico Nacional.
KULA, Witold (1980): Las medidas y los hombres, Madrid, Siglo XXI.
RIVAS QUINTAS, Elixio (1999): Pan, sega e malla, medidas, A Coruña, Grafo Dos.