Número obxecto 37
Título do obxecto ESCUDO HERÁLDICO

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Escudo heráldico
Ourense
s. XVIII
Colexio da Purísima. Ourense

Datos sobre o obxecto

Este escudo heráldico de tipo cuartelado e con escusón atópase na fachada principal do edificio que alberga o Colexio da Purísima dende 1896, sito no núm. 32 da rúa de Santo Domingo da cidade de Ourense. O edificio foi propiedade de dona Ramona del Villar Taboada de Reinoso (1821-1883), quen o herdou como parte do patrimonio pertencente ao Pazo de Cornoces (Amoeiro) e cuxa morte sen descendencia directa que lle sobrevivise, nin herdeiros forzosos, contribuíu a que se dedicase a obras sociais. A súa familia xa posuía neste mesmo solar unha casa en 1752, na que residiu o seu tataravó, o rexedor don Pedro Manuel del Villar, se ben a actual fábrica é posterior e aproveita este mesmo brasón, que se pode datar no século XVIII.
O escudo reproduce con certas modificacións o contido heráldico doutro que presenta bastantes semellanzas con este, tamén cuartelado (escudo dividido en cuarteis) pero sen escusón (escudo pequeno incluído noutro de maiores dimensións), que se atopa na entrada principal do Pazo de Cornoces. Neste caso, están representados os emblemas heráldicos dos Reinoso (cuarteis primeiro e terceiro e escusón), Toubes (segundo), Suárez de Deza, Vilar, Obregón e Puga (estes catro no terceiro), Castro (cuarto) e Arauxo (escusón). Na súa ornamentación exterior, unha cruz da orde militar de Calatrava, que remite de novo aos Reinoso, reforza a distribución acuartelada do escudo, o cal está timbrado cun helmo de fronte coroado de plumas e decorado cuns lambrequíns vexetais (adornos que baixan do helmo e rodean o escudo, con forma de follas de acanto).
Estes escudos heráldicos abundan nos pazos da fidalguía galega. Uns edificios construídos, e ás veces tamén reconstruídos co paso do tempo, tanto no eido rural como no urbano e semiurbano no decorrer da Idade Moderna, e mesmo posteriormente, para contribuír a reforzar de maneira simbólica o gran poder do que foron depositarios os membros desta elite social, económica, cultural e política. Os propios brasóns formaban parte da arquitectura pacega a xeito de relevos tallados en pedra, ou ben eran representados noutros soportes para reafirmar o capital simbólico dos seus donos. Neste senso, os fidalgos tamén os trasladaron a outros edificios, tanto relixiosos como civís, nos que tiñan a posibilidade de exhibir e reforzar o dito capital simbólico, que, con frecuencia, se incrementaba dunha xeración a outra.
É por iso polo que este tipo de pezas permite identificar os membros desta elite dominante a nivel local, provincial e interprovincial, que logrou consolidar e perpetuar as bases do seu poder na Galicia dos séculos modernos para mantelo aínda en boa medida no XIX. Dende a perspectiva social, daba cabida a suxeitos de diversa extracción, que logo de acceder á fidalguía pasaban a representar a base do estamento nobre galego; uns poucos dos cales —os máis poderosos— acadaron un hábito de cabaleiro nunha orde militar e mesmo un título nobiliario. No económico, contan con importantes patrimonios constituídos a partir dunha forte territorialización de bens e ingresos de natureza distinta, predominando aqueles que teñen a súa orixe no acaparamento do excedente produtivo campesiño a través do cobro de rendas. En relación co plano cultural, os seus integrantes exercen unha notable influencia: unha parte salientable do clero parroquial ten a súa orixe na fidalguía, constátase unha elevada presenza de estudantes e colexiais fidalgos na universidade compostelá, e os fidalgos e eclesiásticos de orixe fidalga participan no desenvolvemento da Ilustración en Galicia, axudan á fundación de escolas rurais e en vilas e adoptan gustos urbanos que logo eles mesmos contribúen a trasladar ao ámbito rural. En último termo, a súa participación nas institucións de goberno locais, a través da súa presenza na urda señorial e o seu acceso ás rexedorías nos rexementos das sete cidades capitais de provincia, permitiulles a algúns dos seus integrantes constituír unha verdadeira elite con poder.

Para saber máis

PRESEDO GARAZO, Antonio (2013): «Hidalgos y casas hidalgas en la provincia de Ourense en la Edad Moderna», en María López Díaz (ed.), Cuadernos Feijonianos de Historia Moderna IV, Santiago de Compostela, Andavira, 65-105.
SAAVEDRA FERNÁNDEZ, Pegerto (2013): «La hidalguía de pazo: sus modos de vida, siglos XVII-XIX», en María López Díaz (ed.), Élites y poder en las monarquías ibéricas: del siglo XVII al primer liberalismo, Madrid, Biblioteca Nueva, 203-221.
VILLARES PAZ, Ramón (1982): La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936, Madrid, Siglo XXI.