Número obxecto 38
Título do obxecto FACISTOL

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Facistol
s. XVIII
Convento de San Domingos de Bonaval / Museo do Pobo Galego. Santiago de Compostela

Datos sobre o obxecto

O facistol é un atril grande, xeralmente de catro caras, que nas igrexas e coros das catedrais, mosteiros e conventos se utiliza para colocar os libros de canto ou litúrxicos. Diferénciase do atril común non só polas catro caras, senón tamén en que ten un pé alto, para que os que cantan poidan estar ergueitos. Hai facistois de «extraordinaria traza», verdadeiras obras de arte.
O da imaxe, que pertence aos de «extraordinaria traza», está na igrexa de San Domingos de Bonaval (Museo do Pobo Galego), e a súa inclusión na mostra ten a finalidade de destacar o poder multiforme da Igrexa, e máis en concreto das ordes monásticas e conventuais. A habitual consideración dos mosteiros como grandes institucións rendeiras concorda sen dúbida coa realidade, pero non eran só iso e os monxes non se vían a eles mesmos como meros perceptores de foros. Nos patrimonios dos regulares os compoñentes materiais e inmateriais non poden xebrarse, e a antigüidade da fundación, a virtude dos relixiosos, os privilexios outorgados por papas e reis, as características do edificio, a riqueza do seu mobiliario e a solemnidade dos actos de culto, nos que a música desempeñaba un papel central, eran factores que contribuían a prestixiar unha institución.
Para os monxes a titularidade de enormes patrimonios, que tiñan que defender día a día da malicia campesiña e da cobiza dos fidalgos, só se xustificaba en canto que as rendas eran un medio necesario para soster unha comunidade de clausura consagrada a Deus. Na sociedade non había estado máis perfecto que o de relixioso e a regra fixaba as horas do día e os actos litúrxicos que correspondían a cada unha delas, e tamén as festividades que se celebraban durante o ano; por iso nas descricións da vida monástica a atención que se presta ás obrigas de coro, ás festas varias e, en xeral, aos actos de culto é moi superior á tocante aos patrimonios. Os monxes, salvo os dispensados, ían ao coro cando a campá tocaba a prima, terza, sexta, nona, vésperas, completas e matíns. Todo estaba ben determinado mediante un complexo cerimonial que establecía desde o momento no que tiña que axuntarse a comunidade até a duración dos actos, as vestiduras que correspondía poñer, os rezos e cantos, as lecturas, a distribución das obrigas de misas e as particularidades de cada festividade.
Con todo, a clausura e as obrigas do coro tiñan que ser compatibles coa administración de patrimonios materiais formados por terras cedidas en foro aos campesiños, pois sen rendas as comunidades monásticas e boa parte das conventuais non podían subsistir. Dada a natureza do foro, que deixaba o control da terra en mans dos cultivadores, os patrimonios señoriais mídense en fanegas de cereal e moios de viño de renda. Pero as rendas había que cobralas e saber cales eran as terras que as debían pagar. Se as monxas non podían saír da clausura, os relixiosos non tiñan esas limitacións: estaban autorizados a residir nos priorados, o arquiveiro acompañaba os curiais con ocasión de apeos e preitos, outros monxes ían a feiras ou a onde cadrase mercar cousas e os abades especialmente debían facer visitas, presentarse nos tribunais e asistir aos capítulos da súa congregación.
Ao longo de séculos os mosteiros percibiron ano tras ano enormes cantidades de rendas, sen que en aparencia desempeñasen función social de ningún tipo, salvo a de distribuír en esmolas algúns dos seus ingresos. Polo mesmo, só a dedicación ao culto podía xustificar a vida opulenta dos relixiosos e os grandes recursos destinados a obras maiores e menores, que hoxe constitúen unha parte fundamental do patrimonio artístico de Galicia. E as extraordinarias fábricas monásticas poñen de manifesto que, aínda que os monxes se queixen continuamente de que os labregos lles rouban terras, na práctica cobraron os foros con regularidade até 1835, como ben acreditan os seus libros de contabilidade.

Para saber máis

COLOMBÁS, García M., M. B. (1980): Las señoras de San Payo, A Coruña, Caixa de Aforros de Galicia.
SAAVEDRA FERNÁNDEZ, Pegerto (2007): A Galicia do Antigo Réxime (ca. 1480 ca. 1835): a sociedade, vol. 1: Foros, cregos e fidalgos, A Coruña, Arrecife Edicións Galegas.
VILLARES PAZ, Ramón (1982): Foros, frades e fidalgos, Vigo, Xerais.