Número obxecto 42
Título do obxecto ESPADELA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Espadela
Eirixe, Moalde. Silleda
c. 1930
Museo do Pobo Galego. Santiago de Compostela

Espadeleiro
Val de Vea. A Estrada
1926
Museo do Pobo Galego. Santiago de Compostela

Datos sobre o obxecto

Esta peza é unha espadela, unha especie de coitelo de pau que se empregaba para golpear o liño colocado no espadeleiro, a fin de separar a parte leñosa da fibra, cousa que se facía en dúas operacións sucesivas, a debouza e a tasca. Antes a planta fora arrincada (arriga), ripada (para quitarlle a semente), empozada (para que amolecese) e mazada. Despois do espadelado as estrigas de liño estaban en disposición de ser resteladas ou asedadas, isto é, de ser pasadas polo restelo para depurar a fibra, separando os cerros, a parte mellor, da estopa, a parte basta. Unha vez restelado, aínda quedaba o fiado con roca e fuso, o ensarillado, o branqueo do fío con auga quente mesturada con lixivias e cinza e, por fin, a tecedura.
En bastantes casas de labregos e nos museos etnográficos consérvanse os artefactos de traballar o liño, de modo que hai moito onde escoller á hora de optar por unha peza determinada para representar a importancia que tivo, durante séculos, para as familias rurais a elaboración de lenzos, para consumo e venda nas épocas de maior apoxeo, case só para consumo cando estes tecidos perderon os mercados que viñan abastecendo. Pero, ademais dunha fonte de recursos económicos, o cultivo e a preparación do liño, desde que se sementaba e se recollía até que os nobelos chegaban ao tear, esixían un traballo intensivo, en boa medida feminino, que en determinados momentos había que facer de xeito comunitario, de modo que, xunto coas esfollas do millo, as mazas, os espadelados e os fiadeiros veñen ser o prototipo de xuntanzas de mulleres mozas e non tan mozas e de homes que, cando non axudaban, cantaban e cortexaban as rapazas. Así, arredor do liño creouse unha vizosa cultura da que quedan abundantes mostras nos cancioneiros, nos refráns e en prácticas de sociabilidade popular censuradas con escasos resultados polos eclesiásticos, que entendían que nas reunións nocturnas de mozos e mozas abundaban as «vistas licenciosas», as «miradas lascivas», as «palabras obscenas», as cantigas «procaces», os bailes descompostos e os «toques torpes».
Na memoria colectiva dos galegos o traballo do liño quedou asociado ao autoconsumo familiar, reforzado nos anos da posguerra. Pero até a década de 1830 a elaboración de lenzos foi unha verdadeira «industria popular», a «industria nacional» de Galicia, de tipo rural e doméstico. Na segunda metade do XVIII Galicia era unha inmensa «fábrica dispersa», con milleiros de teares funcionando nas casas labregas, nos que mulleres ou homes, segundo as comarcas, tecían o liño que se cultivaba no país ou o que desde 1775 se importaba «do Báltico». Os procedementos para o seu traballo eran os descritos antes e a venda, que se facía con preferencia en mercados externos, principalmente no interior peninsular, corría por conta de axentes diversos: comerciantes especializados, arrieiros maragatos e tamén milleiros de segadores que cando saían para Castela levaban unha peza ou dúas de lenzo tecidas durante o inverno.
O carácter rural e doméstico da fabricación de lenzos, con todas as operacións en mans das familias labregas, motivaba que as pezas tivesen unha escasa calidade e non fosen uniformes, defectos que os expertos atribuían a que se branqueaba antes de tecer — branqueo dos fíos— e non despois. Trátase dunha cuestión en aparencia técnica pero que tiña que ver coa organización da produción, controlada por completo polas familias, que unha vez que sacaban a peza do tear xa a podían vender; o branqueo en «curado» esixiría instalacións apropiadas e a implicación dos comerciantes nas diferentes fases de traballo do liño. O caso é que por causas diversas, técnicas, sociais e políticas, a industria téxtil non evolucionou e os lenzos galegos foron varridos dos seus mercados polos novos tecidos da revolución industrial.

Para saber máis

CARMONA BADÍA, Xoán (1990): El atraso industrial de Galicia: auge y liquidación de las manufacturas textiles (1750-1900), Barcelona, Ariel.
LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín (1962): «Etnografía. Cultura material», en Ramón Otero Pedrayo (dir.), Historia de Galiza, vol. II, Buenos Aires, Nos.
RODRÍGUEZ CALVIÑO, Manuel / Belén SÁENZ-CHAS DÍAZ (2000): O tecido, Santiago de Compostela, Museo do Pobo Galego.