Número obxecto 45
Título do obxecto REDE DE PESCA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Rede de pesca
s. XX
Museo do Pobo Galego. Santiago de Compostela

Datos sobre o obxecto

A pesca vén desempeñando dende a antigüidade un papel fundamental no desenvolvemento económico e social de Galicia. A razón radica na alta produtividade do mar galego, fornecedora de abondosas colleitas, e mais na especial topografía do litoral, que, amais de potenciar esa produtividade, permite un acceso doado aos praceres ou aos bancos de pesca.
Antes da chegada dos romanos foi o marisqueo, coa explotación dos recursos litorais e intermareais, a principal actividade extractiva. Coa romanización alborexou a industria do mar: a introdución de novas e mellores técnicas de pesca, nas redes, nas embarcacións…, pero, sobre todo, na conservación dos peixes, que posibilitou unha explotación máis intensa do mar ao se desvincular a captura do seu consumo inmediato.
Dende aquela, e até ben entrado o século XX, peiraos, secadoiros de peixe, salinas, carpinterías de ribeira, estaleiros, fábricas de conservas… inzaron a beiramar galega testemuñando o desenvolvemento desta industria. Tal riqueza de elementos patrimoniais, conformadora da nosa paisaxe litoral, foi coprotagonizada polas redes a través dos labores para a súa confección, dos encascadoiros para a tinguidura e o aumento da durabilidade, e dos tendais para o seu secado.
As redes poden ser caladas de xeito estático e dinámico. Os primeiros aparellos estáticos cortaban a migración natural dos peixes preto da costa, reténdoos en enseadas como consecuencia do devalo da marea, ou en currais aos que eran conducidos mediante unha especie de labirinto. Co desenvolvemento técnico introducíronse as chamadas redes de malla, nas que os peixes fican atrapados ao querérenas atravesar. O tamaño da malla e a extensión do pano varían segundo a especie procurada. Hainas tamén de tres panos, con malla máis grande nos exteriores e menor no do medio, isto é, máis chousa: os peixes quedan enredados neste pano ao tentaren atravesar as redes exteriores. No xeito, aparello usado para pescar a sardiña e sobre cuxo uso hai referencias dende a Alta Idade Media, un dos extremos permanece fixo na embarcación e o outro no mar. Os aparellos dinámicos precisan tracción dende unha embarcación ou mesmo dende terra: os cercos rodean os bancos de peixes; os de arrastre, que teñen forma de saco, atrapan os peixes por alcance ao seren desprazados a maior velocidade da que levan os peixes.
A rede sintetiza o saber mariñeiro dun pobo. Conxuga o coñecemento popular do mar co comportamento dos peixes, unha sorte de oceanografía empírica e tradicional. Ese coñecemento, así como a súa transmisión de xeración en xeración, foi clave para garantir o éxito da pesca: para cada peixe, mar e época do ano, unha rede axeitada. Grazas a este saber mariñeiro, os galegos fomos quen de botar redes en case que todos os caladoiros do mundo. Porén, trátase dun traballo combinado: dende o mar, realizado polos mariñeiros, e dende terra polas mulleres, que seguen a ter un especial protagonismo na industria do mar, quer como sostén social, quer como profesionais atadoras ou redeiras, imprescindibles na confección e reparación de panos, permitindo, xa que logo, que esa rede siga a garantir as colleitas de peixe.
Unha historia rica e complexa, non exenta de conflitividade. A dependencia das colleitas das condicións meteorolóxicas e oceanográficas, moi variables e que modulan a produtividade do mar, xera, nos peores escenarios, crises de captura que se traducen en penuria económica. A introdución de novas artes de pesca, as loitas de clase entre gremios e fomentadores ou mariñeiros e armadores e mesmo as esixencias fronte ás administracións foron causa de frecuentes preitos e disputas ao longo da historia. Axentes e circunstancias que, como a topografía da costa, forxaron o carácter das xentes do mar galego.

Para saber máis

CALO LOURIDO, Francisco (1980): As artes de pesca, col. Cadernos do Museo do Pobo Galego, 1, Santiago de Compostela, Museo do Pobo Galego.
FERNÁNDEZ CASANOVA, Carmen (coord.) (1998): Historia da pesca en Galicia, Biblioteca de Divulgación, serie Galicia, 24, Santiago de Compostela, Universidade.
JUEGA PUIG, Juan (2006): El estanco de la sal en Galicia, siglos XVI-XVIII, Madrid, Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación.