Número obxecto 46
Título do obxecto ÁMBOA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Ámboa
Gundivós, Sober
Obdulia Rodríguez González, c. 1990
Museo do Pobo Galego. Santiago de Compostela

Datos sobre o obxecto

A olería de Gundivós, en Sober, é unha das máis antigas e primitivas de Galicia. O proceso comeza na colleita da arxila en verán nos terreos comunais e co seu transporte en carros ou cestos até o obradoiro. Deposítase en barreiros para proceder ao amasado e de aquí ao torno baixo, unha roda de madeira que xira cos impulsos da man, polo que o oleiro ten que sentar nunha cadeira de patas curtas cos cóbados apoiados nas inguas, o que constitúe unha característica específica da elaboración desta cerámica.
O mestre vai colocando diferentes capas de arxila até formar un cilindro —técnica dos churros ou urdido— e, unha vez que se conformou e se decorou a peza e se lle deu forma, pasa a cocerse no forno para despois ser sometida a un proceso de queimado utilizando a carqueixa —que lle outorga esa cor negra característica— e finalizar coa aplicación da pez, que forma no interior das pezas unha capa brillante e de cor negra, procedemento único na cerámica galega. O resultado son multitude de pezas: xerros para o viño, barreñóns, barreñas, cántaros, pucheiros, olas, cazolos, meleiros, cuncas ou potes de queimada, entre outras. Mais a peza representativa por excelencia é a ámboa; con forma ovoide e barriga pronunciada, é utilizada para o viño ou o aceite. A súa decoración é sinxela: varios vincos ou cordóns que na maior parte das veces presentan unha serie de depresións realizadas cos dedos. Son as pezas de maior tamaño e adoitan levar un «pipote» na parte baixa. Xunto á ámboa, o xerro do viño é outra das pezas máis significativas, algo lóxico xa que esta aldea se atopa nun dos centros de produción vitivinícola de Galicia.
A cerámica ten trazos que nos remontan á cultura castrexa —sobre todo, no tipo de decoración—, ao período de dominación romana —pola forma e a cor negra— e ao período de transición da Idade Media á Moderna —no bordeado resaltado e vertical—. Xa no século XX, no momento de maior auxe da explotación, chegaron a traballar á vez preto de trinta oleiros, número que, con todo, a partir dos anos cincuenta por mor da emigración foi diminuíndo até case facer desaparecer o oficio.
Existen tres núcleos importantes de olería en Galicia: o da provincia de Ourense e sur de Lugo —Niñodaguia en Xunqueira de Espadanedo, Pereiro de Aguiar, Maceda, O Bolo, Petín, Ramirás, Lobios e Gundivós—, o da Terra Chá —Bonxe e Gaioso en Outeiro de Rei— e o do litoral —Buño en Malpica, Mondoñedo, Betanzos, Bamio en Vilagarcía de Arousa e A Guarda—. En todos eles eran fundamentais a accesibilidade á materia prima, os prezos baixos das pezas nas feiras e a multitude de usos, que facían posible que este enxoval aparecese nas cociñas e bodegas de todas as casas a carón de pezas de madeira e moi poucas de ferro. A olería usábase masivamente nas tarefas do fogar, pois existía a crenza de que melloraba o sabor dos alimentos, así como a súa conservación. Os obxectos de cerámica adaptábanse ás necesidades de cada bisbarra —á produción de mel e castañas no Bolo ou ao viño en Lobios, por exemplo.
Os oleiros de Gundivós centráronse na realización de pezas que tiñan unha utilidade práctica para a xente da comarca de Lemos: cociña, bodega e matanzas, fundamentalmente. Esta olería era vendida nas feiras de Chantada, Monforte, Castro Caldelas e A Pobra do Brollón, onde acudían os «cacharreiros» coas pezas atadas e cargadas a ombros e, a partir dos anos corenta, xa en carros ou burros, á «carrada». Este era un oficio fundamentalmente feminino, xa que a olería constituía un complemento da agricultura e gandería, aínda que tamén había homes que se dedicaban en exclusiva a este oficio.
Ao pasar por Gundivós
o primeiro que se ve
son as olas a secar
e os fornos a cocer.
Esta copla popular dá conta da importancia que a olería tivo para Gundivós e, por extensión, para o concello de Sober e a Ribeira Sacra. Non en van, a bisbarra foi coñecida como a «terra dos cacharreiros». Despois de décadas de abandono, foi a partir da celebración da I Feira do Viño de Amandi, en 1980, cando a tradición cerámica se recuperou coincidindo co regreso de moitos artesáns emigrados, así como co recoñecemento por parte da sociedade deste tipo de artesanía. Certamente, xa non se elaboran as pezas tradicionais —substituídas no seu uso por outras de materiais sintéticos—, xa que, paseniño, estas van deixando paso a formas e deseños de autor, pero sempre baseados no coñecemento da olería tradicional e asumindo a evolución natural do traballo coa arxila ou o barro.

Para saber máis

CID, Antonio (dir.) (1997): «Alfarería de Gundivós» [documental], en O Colado do Vento, Asociación Cultural de Sober (2015): «Documental sobre a olería de Gundivós (1997)», Sober (Lugo) (http://coladodovento.blogspot.com.es/2015/01/documental-sobre-oleria-de-gundivos-1997.html).
CONCELLO DE SOBER (s. d.): «Olería de Gundivos [sic]», Sober (Lugo) (http://www.concellodesober.com/oleria.php).
GARCÍA ALÉN, Luciano (2008): La alfarería de Galicia, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 81-102.