Número obxecto 47
Título do obxecto EL CATÓN COMPOSTELANO

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

El Catón Compostelano
Santiago de Compostela
1800
Real Academia Galega. A Coruña

Datos sobre o obxecto

O xornal El Catón Compostelano, con data de nacemento do 1 de maio de 1800 (segundo Carré Aldao e Pablo Pérez Costanti), aparece na historia do xornalismo galego como a primeira publicación periódica (semanal) de Galicia. Promovido por Francisco del Valle-Inclán, figura relevante da Universidade de Santiago, editou vinte e dous números nos que, a modo de discursos, difunde traballos de erudición que van desde cuestións filolóxicas ata os costumes.
Aínda que de aparición tardía no contexto das orixes do xornalismo nos diferentes pobos do Estado español, o principal mérito de El Catón Compostelano residiu no don da oportunidade, na medida en que foi o primeiro e acadou relevancia nos círculos de opinión da época. A súa contribución centrouse na alimentación da reflexión e o debate nunha fase de cambios na sociedade do seu día.
Non innovou nin na forma de tratar os temas, que bebía dos relatos de corte de opinión, con moitas citas en latín e con referencias históricas para situar os asuntos, así como algunhas referencias comparativas coa finalidade de reforzar a súa argumentación conceptual, nin na presentación, que daba continuidade ao modelo dominante do libro máis divulgativo. Realmente a súa principal achega consiste en entender as vantaxes dun soporte como as publicacións periódicas, con menos páxinas que un libro, co que iso dá de usabilidade, e como ese soporte ten más posibilidades para chegar a certos sectores dos cidadáns (en especial, mediante as técnicas de subscrición, de man en man e de boca en boca).
Moi vinculado á vontade individual do seu director, que non figuraba nel nin asinou texto ningún neste medio, o xornal mantivo como fío condutor o espírito ilustrado da divulgación e da reforma de costumes, sen moita atención á actualidade. Nas páxinas desta publicación quedou a derradeira inquedanza intelectual de Francisco del Valle-Inclán, bibliotecario da Universidade de Santiago caracterizado pola súa conduta excéntrica, en opinión de Barreiro Fernández.
Na diversidade de temas tratados nos sucesivos discursos, a relixión aparece como un referente constante, na medida en que a Igrexa ten aínda un gran poder nas institucións políticas dos Estados e cando aínda existía censura eclesiástica. Nese contexto hai que situar o feito de que El Catón Compostelano eluda o enfrontamento co poder establecido, sexa político ou relixioso, ao tempo que en todos os discursos se utilizan as ensinanzas bíblicas e relixiosas para reforzar calquera dos seus argumentos.
Nos contidos tamén destaca a preocupación do autor dos discursos pola linguaxe e as linguas, e pola lingua galega en particular. A súa convicción de que o galego, o éuscaro e o catalán mantiñan posicións irremovibles dentro dos seus respectivos territorios fundábase na ilusión de que o que era posible nas circunstancias históricas de 1800 había de seguir séndoo para sempre, segundo conclúe Mariño Paz.
Do que non cabe dúbida é de que, a xulgar polos contidos dos discursos, en especial do número sete, o editor de El Catón Compostelano tiña unha visión moi precisa das potencialidades e utilidade dos procesos de comunicación mediada tecnoloxicamente, en particular das publicacións periódicas. O editor sinala que a lectura e a escritura non só son un xeito de coñecer o pasado, senón tamén, sobre todo, de achegarse ao presente, e, especificamente, ao presente distante no espazo ao que doutro xeito non poderiamos chegar. Entende a comunicación como un instrumento educativo, de instrución.
El Catón Compostelano naceu, pois, afastado dos contidos locais, aínda que levase a cabeceira o berce compostelán, e cultivou as estratexias da retórica persuasiva dominantes na Galicia de 1800 para efectuar unha intervención na sociedade da época que oscilaba entre o maxisterio e o debate participativo que se plasmou nas súas páxinas. A súa foi unha aparición oportuna, cun modelo que contaba con moitos referentes, e sen concesións a ningunha innovación nas formas.

Para saber máis

El Catón Compostelano (2000) [edición facsimilar], Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega (http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_2000_El-Caton-Compostelano.pdf).
LÓPEZ GARCÍA, Xosé (coord.) (2000): El Catón Compostelano: estudios. Santiago: Consello da Cultura Galega.
VALLE-INCLÁN ALSINA, Javier del (1990): «Noticias sobre El Catón Compostelano y don Francisco del Valle-Inclán», Boletín de la Asociación Española de Archiveros, Bibliotecarios, Museólogos y Documentalistas, 2-3 (abril-setembro), 165-171 (file:///C:/Users/ADMIN/Downloads/Dialnet-NoticiasSobreElCatonCompostelanoYDonFranciscoDelVa-969157.pdf).