Número obxecto 48
Título do obxecto CANÓNS FRANCESES

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Canóns Chillón e Íntegro
Francia
1767
Igrexa de Santa Susana de Fóra. Santiago de Compostela

Datos sobre o obxecto

O relato sobre un canón —como de calquera outro obxecto militar— queda definido polo eco do seu uso, pola súa presenza e acción. Nesta ocasión, os protagonistas son Criard e Intègre ou, como son coñecidos en Galicia, o Chillón e o Íntegro, descubertos na igrexa compostelá do Pilar en 1975, no transcurso dunhas obras de reforma do pavimento. A súa historia comeza dous séculos antes, en 1767, cando foron fundidos, segundo a análise realizada das inscricións da boca de carga, os escudos reais gravados e os nomes indicados na bocacha. Tan só dez anos despois, en 1776, Jean-Baptiste Vaquette de Gribeauval logrou que se aprobase unha reforma da arma de artillería francesa, que quedou paulatinamente substituída por outras máis lixeiras. Aínda así, a súa presenza no exército napoleónico foi moi común; non en van, hai que ter en conta a necesidade deste tipo de armamento nas numerosas campañas dos franceses por Europa.
No exército napoleónico a artillería constituía a principal arma. As grandes batallas gañábanse arredor dela. Os canóns non tiñan sistemas de amortecemento e era necesario situalos en batería cada vez que se producía un disparo. Así, nunha fuxida, era normal que quedasen pezas abandonadas, quizais o destino destes dous canóns.
A guerra contra o francés —máis adiante catalogada como guerra de Independencia— foi un período de loita e dura resistencia para Galicia que se converteu, coa expulsión dos invasores en 1809, nun exemplo para outras comunidades. A contenda militar durou de xaneiro a xuño de 1809, cando o mariscal Soult perseguiu as tropas inglesas de John Moore até A Coruña. Foi unha loita franco-británica; os galegos foron converténdose en protagonistas sen querelo. A reconquista do territorio realizouse, amais de coa presenza do exército, mediante a acción de guerrillas e alarmas populares como a que desembocou na batalla de Ponte Sampaio en xuño, mitificada ao longo do século XIX como exemplo de valor e independencia da Terra e ilustrada no monumento escultórico erixido en Pontevedra en 1911, onde precisamente un canón integra a composición, reafirmando a exemplaridade simbólica deste elemento.
Os momentos máis recoñecidos da invasión napoleónica que se relacionan con Galicia foron a formación do Batallón Literario en maio, a constitución da Xunta Suprema do Reino en xuño, ambos en 1808, e a batalla de Elviña en xaneiro de 1809. O Chillón e o Íntegro están relacionados directamente coa invasión napoleónica en 1809 e a súa posterior expulsión a partir de maio-xuño dese mesmo ano. Nos primeiros días de xaneiro inícianse os movementos: o 6 de xaneiro cae Lugo, o 11 Betanzos, o 17 Santiago e o 19 A Coruña; en menos dun mes Galicia está controlada. Napoleón trazara os plans da operación desde Astorga. O 23 de maio dese ano, en diversas escaramuzas, os paisanos composteláns expulsan da cidade a guarnición francesa do xeneral Maucune ocasionando dous enfrontamentos directos, na Ponte da Rocha e no Campo da Estrela, moi preto da actual Alameda compostelá, onde apareceron os canóns protagonistas deste relato. Isto fixo retroceder os galos á Coruña. Ao pouco, o 2 de xuño, Ney retoma Santiago con 8000 infantes, 1200 xinetes e 13 canóns, para seren expulsados de novo semanas máis tarde.
Ao igual que no resto de España, en Galicia a francesada supuxo un punto e á parte nas relacións entre a poboación e o poder, na economía e sobre todo no exercicio da política. Os súbditos pasan a ser paulatinamente cidadáns, non sen atrancos e moitos problemas; toman conciencia política e fixan a súa relación co territorio, como indica Villares Paz, que, «ao non ser defendido polas autoridades, debía ser preservado pola acción popular». É por iso polo que a loita contra o francés quedou na memoria como un feito popular, no cal o clero e a fidalguía lideraron os labregos na conformación dun bloque antinapoleónico, «pero non á abolición dos señoríos, dos décimos ou da Inquisición».
Chillón e Íntegro explican e recrean esa época; integran o noso patrimonio e requiren pola súa especificidade a máxima protección, valoración e coidado por parte da normativa lexislativa, ao tratarse de obxectos moi significativos da historia e cultura militares, non sempre comprendidas na súa xusta medida. O exemplo destas dúas pezas é moi ilustrativo.

Para saber máis

BARREIRO FERNÁNDEZ, Xosé Ramón (2009): Historia social da Guerra da Independencia en Galicia, Vigo, Xerais.
PORTELA SILVA, Ermelindo (2003): Historia de la ciudad de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, Consorcio da Cidade / Concello / Universidade.
VILLARES PAZ, Ramón (2004): Historia de Galicia, Vigo, Galaxia.