Número obxecto 55
Título do obxecto MÁQUINA DE ESCRIBIR

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Máquina de escribir
EE. UU.
Yost (núm. 10), c. 1908
Colección particular. Santiago de Compostela

Datos sobre o obxecto

O modelo da máquina Yost núm. 10, norteamericana, de dobre teclado e escritura cega, foi distribuído en España por María Espinosa de los Monteros y Díaz de Rábago (1875-1946), que con 22 anos era presidenta e directora en Madrid da empresa filial da compañía. Destacada feminista, foi unha das fundadoras en 1918 da Asociación Nacional de Mujeres Españolas (ANME).
Emilia Pardo Bazán (1851-1921) foi tamén unha ardente loitadora polos dereitos civís das mulleres en España. Nun artigo de La Esfera dedicado á escritora, que falecera en Madrid nove días antes, aparece coa máquina Yost 10 no seu estudio das Torres de Meirás, na Mariña coruñesa, fotografada por José Luis Demaría López, Campúa.
O feito de que usase unha máquina dese modelo infórmanos das múltiples conexións entre persoas comprometidas coa causa feminista e reivindicadoras do dereito da muller a desenvolver as súas capacidades en todos os ámbitos laborais. A escritora coruñesa asistía ás reunións da ANME e seguramente fora instruída por María Espinosa de los Monteros no manexo deste teclado que non deixaba ver a páxina a medida que se escribía nela. A incorporación da mecanografía ao seu gabinete de traballo significa tamén que era unha autora que se acollía ás novidades tecnolóxicas co mesmo entusiasmo co que se sumaba ás tendencias literarias máis novas. Fíxoo co Naturalismo francés, corrente novelística baseada no método científico experimental do médico Claude Bernard e na teoría da evolución de Charles Darwin. En 1884 a escritora axudou a difundilo en España en artigos de La Época, para escándalo da sociedade bempensante e a sorpresa de Émile Zola ante unha consœur de ideoloxía católica. Do mesmo xeito, uniuse ás tendencias literarias espiritualistas e wagnerianas da fin de século ata desembocar na práctica do Modernismo, á beira de discípulos tan salientables como Ramón del Valle-Inclán.
Precoz lectora e escritora, nunha entrevista aseguraba Emilia Pardo Bazán que empezara realmente a vivir das letras en 1886. Tras títulos tan importantes como La Tribuna, no cal reflectía a vida das obreiras da Fábrica de Tabacos da súa cidade natal, publicaba ese ano Los pazos de Ulloa, o seu primeiro grande éxito. Seguirían varias novelas máis ata 1911, como La madre Naturaleza, La Quimera, La sirena negra ou Dulce dueño. Tamén é autora dun número abundante de contos e novelas curtas que abranguen un amplo abano de xéneros, así como dramas, poemas, libros de viaxes e ensaios literarios. Exerceu a crítica divulgando as últimas correntes literarias de Europa e América, xunto co coñecemento das literaturas galega, catalá e castelá. Foi importante a influencia de Emilia Pardo Bazán na renovación narrativa do seu tempo, na loita feminista e na ideoloxía afín ao noventayochismo español na que derivaron as súas orientacións políticas.
Mediante a prensa, para ela a principal canle de difusión da súa obra e pensamento, e a través das conferencias en tribunas como o Circo de Artesanos da Coruña, o Ateneo de Madrid ou a cátedra de Literaturas Neolatinas da Universidad Central, acadou un merecido posto como intelectual na España do seu tempo. Nesta faceta foi tamén unha discípula, á súa maneira, de Émile Zola, pois encarna coma el o escritor que quere influír de xeito activo na sociedade. Segue nesta tarefa o camiño trazado pola súa paisana Concepción Arenal, que a antecedeu como membro do Consejo de Instrucción Pública. Foi para ela, sen dúbida, a mestra definitiva nun feminismo que en Emilia Pardo Bazán nacera á calor da educación familiar e do maxisterio espiritual de amigos como Francisco Giner de los Ríos, fundador e director da Institución Libre de Enseñanza.
Unha máquina de escribir como a Yost 10 simboliza, nas mans de Emilia Pardo Bazán, o carácter profesional dunha actividade que, ata entón e no mellor dos casos, se considerou como un adorno que realzaba o halo artístico da femia. Pardo Bazán identifícase cun oficio que lle deu de comer moito máis que o seu flamante título de condesa e a puxo en comunicación, a través da prensa e das traducións das súas obras, con receptores de todo o mundo. Ofrécenos unha imaxe fiel da profesionalidade dunha das máis importantes escritoras que deu Galicia.

Para saber máis

ASOCIACIÓN DE CASAS-MUSEO Y FUNDACIONES DE ESCRITORES (s. d.): Casa-Museo Emilia Pardo Bazán (A Coruña), Madrid (http://www.museosdeescritores.com/ESP_II/autor/pardobazan.htm).
FREIRE, Ana María (dir.) (s. d.): «Emilia Pardo Bazán», Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, Madrid, Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes (http://www.cervantesvirtual.com/portales/pardo_bazan/).
MARTÍNEZ MORÁS, Fernando (1921): «Muerte de una escritora insigne», La Esfera, VIII:385, 7, (http://hemerotecadigital.bne.es/issue.vm?id=0003223289&page=7&search=%22Pardo+Baz%C3%A1n%22&lang=es).