Número obxecto 57
Título do obxecto GAITA GALEGA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Gaita de Perfecto Feijoo
Manuel Villanueva (artesán), finais s. XIX inicios s. XX
Museo de Pontevedra

Datos sobre o obxecto

A finais do século XIX, máis concretamente no ano 1883, xorde na cidade de Pontevedra unha iniciativa que se vai espallar por toda Galicia, e as súas consecuencias perdurarán incluso ata os nosos días. Trátase da creación do coro Aires da Terra, obra do insigne boticario-gaiteiro D. Perfecto Feijoo. A finalidade do coro era «divulgar a música popular galega», entón descoñecida pola maioría da xente, e «espertar os tradicionais e sans costumes da terra», obxectivo para o cal o seu fundador di que procurou aplicar con empeño a sentenza de dona Emilia Pardo Bazán, fundadora e presidenta da Sociedad del Folklore Gallego: «o mellor folclorista será o que menos altere o que recolla».
Estase a producir neses anos un renacemento literario que coñecemos como o Rexurdimento, no que os nosos homes e mulleres de letras reivindican o galego tendo como referentes moitos aspectos da cultura popular, entre eles a música, e como bandeira un instrumento: a gaita, e todo o que ela representa. Baste citar «A gaita gallega», de Xoán M. Pintos, «Un repoludo gaiteiro», de Rosalía de Castro, ou «O gaiteiro de Penalta», de Curros Enríquez, para darse conta de como xorde a figura do gaiteiro como unha icona da nosa cultura identitaria.
Unha das personalidades que máis se preocupou por destacar e divulgar este carácter simbólico do gaiteiro foi, sen lugar a dúbidas, D. Perfecto Feijoo, coas súas interpretacións con Aires da Terra e coas representacións fotográficas nas que se pode apreciar o seu orgullo gaiteiril.
Ao longo da súa vida Feijoo utilizou diversas gaitas pero co son dunha delas era co que se sentía máis identificado. Este instrumento parece que foi feito no ano 1885 ou 1886 polo seu mestre e mentor, D. Manuel Villanueva. A gaita é de madeira de pau santo, excepto as buxas, que son de buxo, e está anelada en marfil ou asta; consta de soprete, ronco, ronquillo ou chillón, e punteiro. A tonalidade é si bemol brillante; estamos falando por tanto dunha gaita grave ou tumbal, moi do gusto do noso intérprete.
Este obxecto xa forma parte do noso patrimonio cultural por moitos motivos, entre outros ser a gaita do fundador dos coros galegos e ser o instrumento co que se fixo o primeiro rexistro fonográfico da música galega no ano 1904.
A gaita tivo unha ampla difusión ao longo dos primeiros anos do século XX grazas ás actuacións que coros como Aires da Terra e outros que foron xurdindo fixeron en toda Galicia, no resto do Estado español e, como non, no continente americano. Pero nos primeiros anos 20 fúndase na Terra de Montes un grupo que está chamado a revolucionar o mundo da gaita: introduce o dúo de gaitas, cousa inédita ata aqueles momentos, creando unha maneira de interpretar moi particular. Trátase dos Gaiteiros de Soutelo, formado por Fermín Cachafeiro e os seus fillos: Avelino, Castor e Bautista. A súa formación tiña dúas gaitas, tamboril e bombo. O seu éxito foi tan rotundo que non só actuaron en Galicia senón que eran demandados no resto do Estado, así como en América, onde debutan no Teatro Avenida de Bos Aires no 1930.
A pegada dos Gaiteiros de Soutelo fixo que, a partir deles, o cuarteto se convertese na agrupación tradicional por antonomasia. A guerra civil trunca a carreira deste conxunto de éxito e, como non, tamén todo o que teña que ver cos nosos sinais de identidade como pobo.
Vén logo unha longa noite de pedra na que os gaiteiros subsisten na indiferenza e no menosprezo, pero estes vellos xograres coa súa teima seguiron estando presentes nas festas e romarías, máis como testemuñas transmisoras dunha secular tradición, que pensaban non debía esquecerse, ca polo beneficio económico, máis ben escaso, que lles podía reportar a súa actividade.
A partir de mediados dos 70 comeza un novo rexurdimento no mundo da gaita, coa aparición de moita xente nova interesada no seu estudo e na súa historia. Fórmanse moitos grupos nos que a gaita é o elemento aglutinador, créanse escolas de gaitas, nace a Asociación de Gaiteiros Galegos, fanse unha gran cantidade de gravacións discográficas, edítanse libros con repertorio gaitístico, así como estudios sobre o instrumento, e aparecen moitos artesáns interesados na súa construción. Todo isto fixo posible que hoxe en día esteamos asistindo a unha das etapas máis florecentes do noso instrumento nacional, pero non podemos esquecer que en gran parte somos debedores da gaita que nos legou o Gaiteiro do Lérez: D. Perfecto Feijoo.

Para saber máis

AIRES DA TERRA (2007): 1904 [CD], col. A Tiracolo, Sarria (Lugo), Ouvirmos.
CALLE GARCÍA, José Luis (1993): Aires da terra: la poesía musical de Galicia, Pontevedra, José Luis Calle García.
SAMPEDRO Y FOLGAR, Casto (1982): Cancionero Musical de Galicia (reed. fasc. 1942), A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza.