Número obxecto 59
Título do obxecto BAÚL DE EMIGRANTE

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Baúl de emigrante
Anos 20
Colección particular. Santiago de Compostela

Datos sobre o obxecto

Moitas das imaxes que retratan a sempiterna emigración galega reproducen escenas nas que as equipaxes cobran protagonismo propio. Maletas e baúis, ademais das pertenzas persoais, contiñan as esperanzas de alcanzar un futuro mellor ca o presente que se deixaba atrás. E é que, alén das derrotas polas que discorría a vida dos seus donos, a decisión de marchar procurando novos horizontes constituíu un denominador común para máis de dous millóns de galegos que ao longo de xeracións abandonaron a terra que os viu nacer. Facer a maleta supuxo para todos eles trazar estratexias, afrontar separacións familiares e dramáticas despedidas e, en definitiva, arriscarse e apostar.
Primeiro, antes de 1870, emigrantes e baúis foron en barcos de vela, seguidos dos transatlánticos que ata a década dos sesenta do pasado século transportaron cantidades inxentes de galegos rumbo a América. Logo daquela etapa —na que pola súa vez houbo vagas distintas no tocante a número e cronoloxía—, marcharon en trens e autobuses, e se acaso avións, igualmente ateigados cara a países europeos e diferentes enclaves do Estado español. Emigración e máis emigración. Baúis e maletas que acumulados en portos e estacións evidenciaban os problemas estruturais e conxunturais de Galicia e lles daban resposta. Mais, sen lugar a dúbidas, tamén simbolizaban a aspiración de gozar de novas oportunidades, de mellorar en todas as frontes, e, na maioría dos casos, o firme desexo de volver. Ademais, aqueles baúis contiñan por riba a forza e o ímpeto de superación de tantos homes e mulleres —maioritarios os primeiros, mais non menores en importancia as segundas— que haberían de se converter en ingredientes sumamente ricos do desenvolvemento económico, social e cultural das sociedades de acollida.
Os baúis de ida eran máis lixeiros. Alén de documentos e permisos, levaban o imprescindible para a arribada ao novo destino, poucos cartos e aquilo que non se podía esquecer: o retrato da nai, da moza, dos fillos; algún recordo da casa, da aldea…; acaso algunha carta de recomendación e, sempre, os enderezos dos paisanos que marcharan antes, que diso tiñan case todos. E é que era indispensable «saltar con rede» non só para amortecer o impacto da chegada, senón tamén para seguir tecendo relacións de solidariedade —por veces non exentas de explotación— que facilitasen a posterior emigración doutros. Porque, na preparación desta equipaxe de ida, a información proporcionada polos pioneiros foi o mecanismo que sen dúbida influíu máis na multiplicación das saídas e na escolla de destinos, tanto xeográficos como laborais.
Os baúis de volta, cando os houbo, e se o retorno fora satisfactorio, adoitaban vir máis cheos e ás veces contiñan obxectos pouco usuais na terra de orixe. Así, segundo as épocas e as procedencias, as pajillas cubanas, os mates do Río da Prata, os lentes estilo Truman e os Empire State norteamericanos, os chinchorros ou hamacas de Venezuela ou os reloxos de cuco alemáns e suízos foron máis ca frecuentes nos fogares galegos onde houbo emigrantes. Pero, alén do material e dos aforros para unha vida máis folgada, aquelas maletas traían tamén a carga intanxible de ideas distintas, de costumes diferentes, de fórmulas asociativas ensaiadas na emigración, así como de iniciativas de progreso persoal e colectivo.
Cento cincuenta anos de saídas e retornos, a maiores doutros factores, traducíronse en aspectos como a definitiva liquidación do réxime foral, a afirmación da propiedade privada, a modernización agraria e industrial, as melloras na instrución escolar, a expansión bancaria, a consolidación de certos sectores da burguesía comercial ou as transformacións urbanísticas.
As equipaxes que foron e viñeron, cara e cruz dun mesmo fenómeno, convertéronse nos motores de moitas e importantes mudanzas económicas, políticas e sociais cuxos efectos se detectan aínda na Galicia actual, na que, porén, en tempos de crise, hai quen pensa de novo en «facer a maleta».

Para saber máis

CAGIAO VILA, Pilar (2007): Os galegos de ultramar: De emigrados a inmigrantes, en Xosé Ramón Barreiro Fernández / Ramón Villares Paz (eds.), A gran historia de Galicia, tomo X, vol. 1, A Coruña, Arrecife / La Voz de Galicia.
CONSELLO DA CULTURA GALEGA (s. d.), Arquivo da Emigración Galega, Santiago de Compostela (http://www.consellodacultura.gal/aeg/).
NÚÑEZ SEIXAS, Xosé Manoel (2014): Las patrias ausentes: estudios sobre historia y memoria de las migraciones ibéricas (1830-1960), Oviedo, Genueve.