Número obxecto 60
Título do obxecto HIMNO GALEGO

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Himno galego
A Coruña / A Habana, Cuba
Pascual Veiga / Eduardo Pondal, 1909
Real Academia Galega. A Coruña

Datos sobre o obxecto

Estes orixinais da partitura do himno galego, con letra de Eduardo Pondal e música de Pascual Veiga, custodiados na Real Academia Galega, corresponden aos debuxos feitos por Xosé Fontenla Leal para a confección das primeiras pranchas tipográficas do noso himno, composición que aparecerá publicada no libro Apuntes para la historia del Centro Gallego de la Habana, en 1909, á vista do exemplar autógrafo remitido por Veiga ao ilustre ferrolán baixo o título de Himno Regional Gallego e que, de conformidade co establecido polo noso Estatuto de autonomía e a nosa Lei de símbolos (Lei 5/1984, do 5 de maio), foi declarado «himno de Galicia», fixándose, como texto oficial, as catro primeiras oitavas das dez de que se compón o poema «Os Pinos».
En 1890, e dentro do clima de exaltación do movemento rexionalista que respira Galicia, a directiva do Orfeón Coruñés Núm. 4, que preside Pascual Veiga, consciente da importancia que os símbolos teñen como elementos identitarios, decide establecer no Certame Musical que está a organizar na Coruña un premio de composición para a mellor Marcha Regional Gallega, para orfeón, co fin de que Galicia teña un himno de seu, que debe ser, en palabras de Veiga a Pondal, a quen solicita o texto poético que vai servir de base á composición musical, «a expresión fiel do espírito desta rexión, co obxecto de que, á maneira da Marcha Real, Marsellesa, etc., sexa cantado en toda Galicia co entusiasmo que esperta no ánimo o Sentimento da patria».
Pondal remite as fermosísimas estrofas do poema «Os Pinos», unha vez adaptada a acentuación rítmica do verso ás necesidades da música. Difundidas as bases do Certame Musical, nunha nota complementaria infórmase de que, se o premio quedase deserto, se interpretaría nun festival o que compuxera, con este obxecto, Pascual Veiga. O himno non se interpreta e Veiga abandona o Orfeón. Nomeado profesor da Escuela Nacional de Música, deixa Galicia en 1892, para posteriormente dirixir en Madrid diversos orfeóns que cantan o seu himno, Os Pinos, que pasa desapercibido na nosa terra.
En 1906, desde A Habana, Xosé Fontenla Leal, sempre preocupado pola simboloxía identitaria de Galicia, solicítalle que lle envíe a música de Os Pinos en versión que sirva tamén para piano. Recibida a partitura, chega a nova da morte de Veiga e xorde en Bos Aires a iniciativa de lle facer unha homenaxe para trasladar os seus restos a Mondoñedo, idea ben acollida na Habana, que vai celebrar un festival no Teatro do Centro Gallego o 20 de Nadal de 1907, e onde o himno será solemnemente interpretado pola Banda Municipal da Habana. En 1912, e baixo os acordes do himno, o corpo de Veiga será soterrado na patria.
Fontenla, no seu labor de difundir o himno, solicítalle a Murguía, en 1913, que a Real Academia Galega tome o acordo de declaralo himno de Galicia e rógalle que impriman, no seu boletín, a música e a letra, unha vez corrixida esta das numerosas erratas, pero non obtén o seu beneplácito, como non o terá a petición dun prólogo para un folleto que sobre os símbolos está a realizar. O texto, sen as modificacións suxeridas, non se publicará ata 1917 e deste xeito aparece na Lei de símbolos. Este importante atranco na «oficialización» do himno foi superado grazas á contribución de figuras como Manuel Casás Fernández, mais sobre todo foi fundamental o labor levado a cabo polas Irmandades da Fala, desde a súa creación en 1916, na súa incansable difusión e dignificación daquel como símbolo nacional galego.
O golpe de Estado de Primo de Rivera, en 1923, supón, para o himno, unha presenza pública moi reducida. A situación de esmorecemento a que se ve sometido cambia ao proclamarse, en 1931, a II República, na que o himno volve ser elemento común dos nacionalistas e galeguistas, de tal xeito que será asumido polo Partido Galeguista como o «símbolo nacional» da patria; período que remata en 1936 coa guerra civil e a ditadura de Franco, na que fica totalmente prohibido, sobrevivindo no exilio e na emigración. A partir dos anos 50 gozará dunha permisividade relativa (cántano os coros, fragmentariamente, cortándolle estrofas), para reaparecer nos 60 como un acto de afirmación patriótica e como bandeira na loita antifranquista. A morte de Franco e a recuperación das liberdades democráticas permitirán que aquel himno xurdido das necesidades históricas do rexionalismo rematase, ao cabo dos anos, convertido nun dos símbolos identitarios, xa con carácter oficial, da «Nazón de Breogán».

Para saber máis

CORES TRASMONTE, Baldomero (1986): Los símbolos gallegos, Santiago de Compostela.
FERREIRO FERNÁNDEZ, Manuel / Fernando LÓPEZ-ACUÑA (2007): «O himno. Historia, texto e música», en Xosé Ramón Barreiro Fernández / Ramón Villares Paz (eds.), Os símbolos de Galicia, Santiago de Compostela / A Coruña, Consello da Cultura Galega / Real Academia Galega, 105-192 (http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_2007_Os-simbolos-de-Galicia.pdf).