Número obxecto 61
Título do obxecto VIDA GALLEGA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Vida Gallega
Vigo
Anos 20
Colección particular. Santiago de Compostela

Datos sobre o obxecto

Entre 1909 e 1963 publicáronse nada menos que 779 números da revista Vida Gallega. Unha publicación que xurdiu coa vontade de alcanzar o maior número posible de lectores, un golpe de modernidade que daba voz tamén á burguesía. Ademais, foi todo un éxito editorial. Dalgún dos números da súa mellor época —a finais dos anos 20— chegáronse a imprimir ata
70 000 exemplares. A emigración lía e sostiña boa parte desta publicación, que hoxe constitúe un documento único na recente historia de Galicia.
O primeiro número viu a luz en Vigo en xaneiro de 1909. Co xornalista e escritor Jaime Solá Mestre (Vigo, 1874-1940) como fundador, propietario e director da revista. O último número que atopamos publicouse na primavera de 1963. Álvaro Cunqueiro era daquela o responsable de Faro de Vigo, a empresa editora. Entre estas dúas datas transcorre máis de medio século de crónica dun país.
O número 1 ten cuberta, a toda cor, dun novo artista de 22 anos chamado Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. No editorial da páxina 3 explícase: «Vida Gallega será un brillante compendio de la obra literaria de Galicia […]. Este periódico es un gráfico y tiende a presentar en formas plásticas la vida gallega». E faise un chamamento ao «concurso de todos los fotógrafos, así profesionales como aficionados».
Literatura e crónica social. Creación, información e imaxe. Con estas bases, os primeiros anos de Vida Gallega constitúen hoxe todo un escáner da época: o aspecto das nosas cidades e vilas, os actos sociais máis postos nos salóns da burguesía local, as homenaxes a paisanos ilustres tributadas na terra ou —o máis importante— na emigración, pois a emigración galega a América foi a gran destinataria (e mecenas tamén) deste proxecto editorial.
O sentimento de defensa de Galicia estaba claro. Xurdía, ademais, nun contexto no que as ansias —chamémoslles— rexionais ou rexionalistas alborexaran había pouco. Vida Gallega viviu, páxina a páxina, a protohistoria do nacionalismo galego, o nacemento das Irmandades da Fala, a constitución do Partido Galeguista, a República… E o estalido da guerra civil. De todo isto non ía saír indemne. Acolleu, iso si, toda a intelectualidade do momento. Firmas como Murguía, Cabanillas, Pardo Bazán, Fernández Flórez, Sofía Casanova, Noriega Varela, Rey Soto, etc., e ilustradores da dimensión de Castelao, Álvaro Cebreiro, Eduardo Padín… Mais axiña iniciou un distanciamento fronte aos novos movementos que, dende a política e na segunda década do século, comezaban a artellar xa un marco propio de decisións para o país, e en galego.
Justo Beramendi, no seu volume De provincia a nación (Xerais), define a ideoloxía desta publicación como «rexionalismo ortodoxo». Xa ás alturas de 1933, Solá adoptaba unha posición agora dura contra a campaña do Estatuto: «Ser galleguista supone renunciar a ser español», denunciaba en outubro dese ano.
Con todo, e tamén supoñemos grazas a debates coma estes, a popularidade de Vida Gallega chegou a tales cotas que superou, en tiraxes, os diarios galegos de máis implante. Por exemplo, en 1927, con máis de 350 números xa publicados, as tiradas roldaban (como diciamos ao comezo) os 70 000 exemplares, unha cifra elevadísima, pois o xornal galego de maior difusión, El Pueblo Gallego, non superaba os 30 000 exemplares (fonte: De provincia a nación, Justo Beramendi).
Vida Gallega só sobreviviu dous anos ao inicio da guerra. En maio de 1938, a escaseza de papel e produtos básicos para poder afrontar a edición levou ao seu peche. Logo de 16 anos de silencio, en novembro de 1954 reaparece a publicación. O propietario é agora José Iglesias Presa (Ponteareas, 1900 Madrid, 1971), un empresario afincado en Lugo que fora conselleiro delegado de El Pueblo Gallego (e, igualmente, tío avó de quen isto escribe). Esta segunda etapa é bastante descoñecida, malia que os 77 números que viron a luz ata maio de 1962 foron unha plataforma onde puido desenvolverse o «galeguismo posible» da época. As plumas habituais da VG destes días eran Ramón Otero Pedrayo, Manuel María, Carballo Calero, Vicente Risco, Urbano Lugrís, Paco del Riego, Leandro Carré, Camilo José Cela, Luz Pozo Garza, Antonio Fraguas, Paz Andrade…
En maio de 1962 Vida Gallega pasa a ser editada pola empresa Faro de Vigo, S. A. Restábanlle, nese momento, dez meses de existencia. O seu director foi Álvaro Cunqueiro. E o número derradeiro publicaríase na primavera de 1963. Atrás quedaban máis de 36 000 páxinas editadas. E unha radiografía única, en letras e en miles de fotografías, de todos nós.

Para saber máis

ALVARELLOS CASAS, Henrique (2009): «Un século de Vida Gallega, a revista literaria máis popular», Xornal de Galicia, 24 de xaneiro, 2 (http://www.aelg.org/resources/centrodoc/members/paratexts/pdfs/autor317/PT_paratext5188.pdf).
— (2013): «Medio siglo de Vida Gallega: la revista que conquistó América en el siglo XX», Mundiario, 4 de xuño (http://www.mundiario.com/articulo/sociedad/medio-seculo-vida-gallega-revista-conquistou-america/20130604083106046205.html).
RIBAO FERNÁNDEZ, Roberto (2007): A fotografía na revista Vida Gallega: un silandeiro universo de sentido (tese de doutoramento), Santiago de Compostela, Universidade (http://hdl.handle.net/10347/2347).