Número obxecto 66
Título do obxecto LATAS DE CONSERVAS

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Latas de conservas
Vigo
Principios s. XX anos 70
Museo do Mar de Galicia. Vigo

Datos sobre o obxecto

As latas de conservas son un dos obxectos de produción industrial que mellor representan as considerables transformacións que vai vivir a costa galega —nomeadamente as Rías Baixas— ao longo do século XIX e sobre todo a inicios do XX e un exemplo da importancia crecente da imaxe e a estética na venda do produto durante esa centuria.
Se ben a principios do século XX Galicia era eminentemente rural —de acordo cos datos demográficos, en 1920 o 85,5 % da poboación vive no campo e dedícase case na súa totalidade a tarefas agrícolas—, comeza a dar signos de certo despegue económico vinculado a un incipiente crecemento das industrias pesqueira, conserveira, metalúrxica e da construción.
Este proceso de reactivación produciuse fundamentalmente nas dúas cidades máis poboadas, A Coruña e Vigo, onde se crean unha serie de fábricas que foron as principais impulsoras destas industrias.
Con tal motivo comezan a ter visibilidade na sociedade galega dúas clases sociais protagonistas deste proceso de industrialización: a burguesía e o proletariado. Mentres que a primeira apostará por un proceso de modernización que xa fora iniciado pola burguesía foránea, fundamentalmente catalá, afincada en Galicia ao longo do século XIX, a segunda mantívose condicionada pola debilidade endémica do sector primario na rexión.
O principal vehículo deste proceso de desenvolvemento son o mar e os seus derivados: a pesca, a conserva e o transporte, tanto de mercadorías como de pasaxeiros a América. Estas actividades empresariais traerán aparelladas necesidades mercantís e de consumo que xeraron unha variedade de obxectos que, pola súa vez, constituíron as primeiras manifestacións do deseño en Galicia: as latas de conservas e os primeiros anuncios publicitarios.
A lata de conserva, un envase opaco e resistente realizado con láminas de folla de lata e estañado polas dúas caras (ou recuberto de aceiro ou aluminio), resultaba particularmente acaída para envasar alimentos do mar. Son numerosas as fábricas que comezaron a despregar a súa actividade arredor deste novo obxecto por toda a xeografía galega: Antonio Alonso, Hijos; Hermanos Curbera, Hermanos Massó, Conservas Bernardo Alfageme, etc.
Deixáronse atrás os antigos métodos de salgadura e comezouse a traballar con outros produtos do mar máis aptos para o envasado. As innovacións tecnolóxicas do metal ampliaban considerablemente as posibilidades de distribución e comercialización das conservas non só na Galicia do interior e a península, senón tamén no resto do mundo. Estes avances son a nova maquinaria para a creación de envases herméticos (inventados en Francia por Nicolas Appert), a manufactura de folla de lata e as técnicas de impresión litográfica.
Iniciábase así unha cadea de produción industrial nas fábricas de conservas galegas manexada case enteiramente por mulleres, ao participaren estas en case todos os momentos do proceso produtivo. Este anovado escenario laboral, no cal a man feminina é maioritaria, modificaría para sempre o panorama profesional do sector.
As fábricas de conservas xeraron industrias auxiliares dedicadas á manipulación da folla de lata, o deseño e a impresión litográfica. Estes requirimentos técnicos promoveron a creación en Vigo de dúas fábricas que se ocupaban deste proceso previo ao envasado: La Artística y Alonarti. Alí preparábase a folla de lata, dábaselle forma, decorábase, vernizábase o seu interior e deixábase lista para ser sometida a procesos de esterilización. Os aspectos decorativos, realizados xeralmente por artesáns ou artistas, traballábanse en punzón sobre pedra calcaria, para ser pasados logo ás pranchas de impresión e de alí á folla de lata.
Unha das achegas máis interesantes nesta industria foron as campañas publicitarias que o internacionalmente recoñecido debuxante e deseñador Federico Ribas (Vigo, 1892 Madrid, 1952) fixo para a conserveira Massó.
Un obxecto tan humilde como unha lata de conservas mantivo un canon ornamental, de longa duración, que respondía ao ideal estético modernista do XIX.

Para saber máis

BARREIRO FERNÁNDEZ, Xosé Ramón (1984): Historia contemporánea de Galicia, tomo IV: Economía y sociedad, A Coruña, Gamma.
PÉREZ LEIRA, Lois (2004): «Federico Ribas: un artista xenial», Actualidade GalizaCIG, 2 de agosto (http://www.galizacig.gal/actualidade/200408/lp_federico_ribas.htm).
SOBRINO MANZANARES, María Luisa et al. (2004): A creación do necesario: aproximacións ó deseño do século XX en Galicia [catálogo de exposición], Vigo, Fundación MARCO.