Número obxecto 67
Título do obxecto ULYSSES

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Ulysses
París, Francia
James Joyce, 1925
Fundación Otero Pedrayo. Trasalba, Amoeiro

Datos sobre o obxecto

Aínda se conserva, no Pazo de Trasalba, en Amoeiro (Ourense), un dos obxectos míticos da Xeración Nós. O exemplar ten como característica máis sobranceira a de estar escanastrado, non está moi claro aínda se de usalo e volvelo usar ou por ter sufrido os avatares de varias mudanzas na vida do seu propietario. En principio, un elemento foráneo á nosa cultura, mais arredor do que naceu unha lenda, se non un mito: o da modernidade da Xeración Nós e da cultura galega por extensión.
Moito se ten falado da tradución de Ramón Otero Pedrayo no número 32 da revista Nós, de xeito que non é infrecuente entre xente non avisada pensar que unha outra tradución non era necesaria, pois o Ulysses xa o traducira Otero. A realidade é outra: Otero traduciu, facendo un cálculo aproximativo, non mais alá do 2 % do texto do Ulysses de Joyce, en particular fragmentos de dous capítulos denominados «Ithaca» e «Cyclops», que non resultan os máis complexos do texto. Por iso a polémica de se traduciu directamente do inglés, que non era unha súa lingua de uso común, mais que hai probas de que estudou, ou se o fixo a partir da tradución ao francés de Larbaud é totalmente espuria. Éo, en particular, porque Otero non se enfrontou coa tradución do libro na súa integridade (o que require un coñecemento avanzado da lingua inglesa falada en Hibernia), senón duns anacos sen especiais dificultades. Amais diso, a polémica é espuria porque un tradutor usa todos os recursos que están na súa man, incluídas as versións noutras linguas que lle son máis próximas (por certo, hoxe eses recursos, comprendidos todos os estudos académicos sobre a obra, son moito máis abundantes que no tempo de Otero). O máis probable é que usase a sétima reimpresión, de 1925, da novela orixinal, publicada en París en 1922 por Shakespeare & Company, e que coa axuda do seu profesor de inglés e da tradución de Larbaud ao francés vertese ao galego este pequeno mando de fragmentos escollidos, con certeza, tanto pola súa orixinalidade narrativa como pola súa simplicidade.
O traballo de traducir o Ulises de punta a couce, rematado a finais de 2013 por Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle e publicado nese mesmo ano pola Editorial Galaxia de Vigo, veu fechar un círculo, clausurar unha vía, tirar unha espiña que tiñamos cravada na gorxa e que estaba a piques de nos esganar, de nos deixar sen aire, arfando de impotencia por non sermos quen de recoller o legado dos antepasados de nós —de Nós— e dar por finalizada a tradución, ese 98 % que aínda ficaba por verter ao galego. A mensaxe, pois, foi tamén clara: a historia da cultura galega inicia agora unha nova etapa de modernidade e renovación, co ímpeto e o pulo que lle dá o feito de ter rematado unha tarefa, de ter fechado un círculo, de ter chantado unha pedrafita no camiño.
Ninguén gardaría un obxecto así sen restauralo, deixando que fique, se non no esquecemento, si no anonimato dos andeis da casa de Trasalba. Propoño que teña, pois, malia ser obxecto foráneo, tratamento de tesouro de nación, pois atesoura o segredo da modernidade e o pulo dos que trazaron o camiño da renovación cultural dun país que nin sequera sabía que era un país.
Todos os procesos de pensamento tribal parten dun mito. O mito do Ulises en Galicia xorde en 1926 coa presentación do texto por parte de Vicente Risco e a tradución parcial de Ramón Otero Pedrayo, dous intelectuais senlleiros da Xeración Nós. O gran valor da tradución de Otero Pedrayo radica na oportunidade, no tempo en que se fixo, no que significou no seu momento. A súa importancia está en transmitiren a primicia dunha escrita vangardista, unha chamada de atención para dicir: hai outros xeitos de escribir, hai voltas e reviravoltas que cómpre experimentar, hai literaturas en países irmáns que son a vangarda da literatura mundial. A mensaxe era, enténdase, que os intelectuais galegos estaban ao nivel desa vangarda, vertida ao galego e, por certo, chegada directamente de Europa sen pasar pola peneira de Madrid.

Para saber máis

GONZÁLEZ MILLÁN, Xoán (1989): «James Joyce e a Xeración Nós», Grial: Galicia en Europa, XXVII:101 (xaneiro-febreiro-marzo), 28-46.
MCKEVITT, Kerry Ann (2003): estudo introdutorio, en James Joyce, Fragmentos de Ulises, 1926 (trad. Ramón Otero Pedrayo), colección Illa Nova, Vigo, Galaxia.
VV. AA. (2014): Grial: Ulises, Joyce e Galicia, LII:203 (xullo-agosto-setembro).