Número obxecto 68
Título do obxecto OFRENDA A SAN RAMÓN

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Ofrenda a San Ramón
Francisco Asorey, 1923
Museo Provincial de Lugo

Datos sobre o obxecto

Francisco Asorey é, sen dúbida, o máis recoñecido escultor galego da primeira metade do século XX. Da súa abondosa obra plástica, Ofrenda a San Ramón sobresae como unha das pezas máis atractivas e interesantes da escultura producida en Galicia.
Nos anos vinte, Asorey retornou á súa terra natal, logo de completar a súa formación en Madrid, Cataluña e Bilbao, onde asimila as correntes escultóricas daquela vixentes no territorio cultural da península, nun momento en que a evolución da arte escultórica traspasaba a idea de estatuaria monumental cara á deriva dunha modernidade peneirada polos condicionantes propios da España de principios de século.
Uns parámetros que, dentro do introvertido ambiente cultural do 98 hispánico, subliñaban as diferenzas de identidade do espírito do nacional, fronte a progresismos foráneos, e que no eido da plástica admitían indirectamente os indiscutibles influxos universalistas de Rodin e, en certo modo, a rotundidade dos modelos de Maillol, que sen dúbida Asorey coñece nas súas estadías formativas. A isto engádese unha tendencia cara ao rexionalismo que imperaba naquela altura entre as correntes estéticas de toda a península e no que, no caso da escultura, os acentos dun primitivismo autóctono e certa arcaización se sumaban ás diferenzas antropolóxicas do hispano fronte ao influxo dos estranxeirismos.
No entanto, este retorno ás orixes conectaba cunha técnica que daquela se estendía por Europa: o uso da talla directa tanto na madeira como na pedra, reivindicada polas novas xeracións como unha alternativa de modernidade, en reacción tanto á usual modelaxe da escultura académica como á preponderancia de Rodin. Unha práctica que, por outra banda, se mantivera viva en Galicia a través da arraigada tradición de canteiros e tallistas, configurando nas imaxes arcaizantes das igrexas, cruceiros, petos
de ánimas, exvotos… os referentes cotiáns da cultura visual do país.
Dentro destes parámetros hai que situar a traxectoria de Asorey e, en concreto, o número de obras en madeira que realiza a principios dos anos vinte sobre o tema da muller, nas que se interna decididamente na tradición galega procurando, nas súas raíces artesanais e populares, unha nova dimensión —unha revalorización— como esculturas.
Personifican mulleres campesiñas que comportan todos os condicionantes rexionalistas e anecdóticos que daquela mediaban na arte da época. Iconograficamente, son figuras representativas dun arquetipo social e racial do galego identificado co celta e que, porén, tratan de transcender a idea epidérmica do folclórico para buscar a esencia do pobo e dos seus costumes remotos.
tallistas, configurando nas imaxes arcaizantes das igrexas, cruceiros, petos de ánimas, exvotos… os referentes cotiáns da cultura visual do país.
Dentro destes parámetros hai que situar a traxectoria de Asorey e, en concreto, o número de obras en madeira que realiza a principios dos anos vinte sobre o tema da muller, nas que se interna decididamente na tradición galega procurando, nas súas raíces artesanais e populares, unha nova dimensión —unha revalorización— como esculturas.
Personifican mulleres campesiñas que comportan todos os condicionantes rexionalistas e anecdóticos que daquela mediaban na arte da época. Iconograficamente, son figuras representativas dun arquetipo social e racial do galego identificado co celta e que, porén, tratan de transcender a idea epidérmica do folclórico para buscar a esencia do pobo e dos seus costumes remotos.
Ofrenda a San Ramón representa o retrato naturalista dunha rapariga de xeonllos, vestida co traxe popular de festa, manteo e pano na cabeza, que, absorta na súa crenza, mira desde os seus ollos azuis o santo, ao que ofrece o exvoto da súa imaxe e un alto cirio que porta na man dereita. Axeonllada sobre un almofadón que lle serve de apoio, a súa estatura acada o tamaño natural, trazando no seu volume un esquema piramidal, como é frecuente en parte das tallas deste escultor. A gravidade da súa presenza, o marcado sentido do volume, o estatismo do seu corpo envolto nese atavío festivo confiren á súa imaxe unha aura cerimonial. Isto acentúase no seu rostro, de mirada frontal, con certa idealización nos seus trazos, ou no emprego dunha simetría só rota pola diagonal do cirio, que producen a sensación de estarmos ante unha solemnidade de ritual, alén do aspecto naturalista ou anecdótico do tema.
Malia a súa xuventude, Asorey mostrábase como un experto técnico no traballo da madeira, explorando opcións novas para evocar as tallas primitivas, algo que se resalta co emprego do entalle en zigzag ou en tacos das partes ornamentais. O mesmo na viva e variada policromía do dengue ou no pano da moza e, sobre todo, na introdución de elementos alleos, como a incrustación de cravos e chapas de latón ou o adorno das xoias con que engalana a rapaza.
Asorey foi o primeiro en se internar neste territorio dunha identidade galaica, tan latente, por outra banda, no mundo da pintura. Estas esculturas valeríanlle desde entón o recoñecemento dunha intelectualidade decantada decididamente cara ao nacionalismo, a cal identificou a súa obra non só cunha arte xenuinamente galega, senón ademais, como se afirmaba na época, coa reivindicación dunha raza.

Para saber máis

FERNÁNDEZ-CID ENRÍQUEZ, Miguel (ed.) (2011): Francisco Asorey (Cambados, 1889 Santiago de Compostela, 1961) [catálogo de exposición], Santiago de Compostela, Fundación Torrente Ballester.
OTERO TÚÑEZ, Ramón (1959): El escultor Francisco Asorey, Santiago de Compostela, Universidade.
SOBRINO MANZANARES, María Luisa (1997): De Asorey ós 90: a escultura moderna en Galicia, Santiago de Compostela, Auditorio de Galicia.