Número obxecto 69
Título do obxecto EL PUEBLO GALLEGO

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

El Pueblo Gallego
Vigo
1924
Real Academia Galega. A Coruña

Datos sobre o obxecto

Fundado pola Liga de Defensores de Vigo, o 27 de xaneiro de 1924 apareceu o que foi un dos grandes diarios de Galicia por mor do seu proxecto innovador, da súa liña editorial, definida polo seu compromiso cun país moderno e en cambio, ata que as autoridades se incautaron del en 1936, e por contar con brillantes xornalistas. A súa etapa de medio liberal, galeguista e progresista sementou prácticas xornalísticas que alimentaron xeracións de profesionais do noso país.
Na década dos anos vinte do século XX, Vigo, onde nacera Faro de Vigo no ano 1853, diario que seguía editándose a comezos do segundo milenio cunha liña conservadora, experimentou un interesante movemento no campo xornalístico. Nesa etapa xurdiron dúas grandes cabeceiras, con liñas editoriais próximas, pero á vez rivais porque buscaban ocupar o mesmo espazo. Unha desas cabeceiras, a primeira en aparecer, Galicia (1922), esmoreceu e deixou de publicarse a causa das accións da ditadura de Primo de Rivera, e o segundo (El Pueblo Gallego) foi quen de resistir, asentarse e ter unha vida relativamente longa, ata 1979, cando foi pechado no marco da liquidación da rede de publicacións da Cadena de Prensa del Movimiento.
El Pueblo Gallego tivo unha historia de venturas e desventuras. A ventura quixo que Manuel Portela Valladares, vinculado ao movemento agrario (Acción Gallega), adquirise a cabeceira, logo da súa liquidación en 1927, e fose quen de dar continuidade ao proxecto e de elaborar un plan que incorporase a renovación política e cidadá que se vivía no momento, co que se converteu nunha canle de expresión e opinión de referencia, con prestixio nos sectores sociais máis dinámicos e no ámbito cultural. Definido polos seus responsables xornalísticos como moi galego e moi europeo, prometeu mirar ao futuro con optimismo.
Esa liña inalterable e recta que anunciou no número un, no artigo de opinión publicado polo seu director, Ramón Fernández Mato, na primeira páxina baixo o título «Al salir…», materializouse nun compromiso activo cos sectores máis inquedos de Galicia. Nas súas páxinas publicaron coñecidos galeguistas, como Otero Pedrayo, Cuevillas, Risco, Castelao, Dieste, Antón Villar Ponte, Maside, Víctor Casas ou Fernández del Riego, entre outros. A defensa da autonomía de Galicia e do proxecto de Estatuto quedou evidente nas súas páxinas.
As súas desventuras comezaron a finais de xullo de 1936 (o día 31), cando as autoridades militares poñen á fronte o coronel Carlos González Simeoni. Desde ese momento converteuse nunha canle de propaganda dos sublevados contra o lexítimo Goberno da República. Informa constantemente dos avances das tropas sublevadas.
No 1937 ocupou a dirección o falanxista Jesús Suevos. Nesta etapa o xornal renegou de todos os valores que defendera na súa primeira estación e avanzou no marco dos medios dos que as autoridades se incautaran e que eran dirixidos directa ou indirectamente desde o Goberno, logo do triunfo da ditadura do xeneral Francisco Franco. O xornal, con todo, converteuse nunha sementeira de profesionais que logo destacaron na actividade xornalística galega e española. Pedro Rodríguez, Juan Martínez Herrera, Manuel Orio, Paco Cerecedo, Begoña Moa ou Segundo Mariño, entre outros, foron algúns dos comunicadores que formaron parte dos seus cadros.
O 17 de xuño de 1979, tempo despois de recuperar o pulso xornalístico e empezar a cultivar textos informativos, de interpretación e de opinión plurais, dixo na súa portada «Adiós a Galicia». Así cerrou unha segunda etapa, con diferentes fases e episodios (unha desas fases de recuperación, despois dos anos máis negros, comezou en 1943, cando chegou á dirección Xosé María Castroviejo, posto que no 1954 deixou polos problemas coa censura), dos que hai poucos estudos e nos que mantivo o ton gris da maioría dos medios galegos, en especial ata os anos setenta.
Estas son, pois, algunhas das luces e das sombras dunha sobranceira cabeceira do xornalismo de Galicia que viviu baixo o paraugas de venturas
e desventuras.

Para saber máis

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA (n.d.): El pueblo gallego : diario de la mañana, al servicio de los intereses de Galicia, Galiciana, Santiago de Compostela, Biblioteca de Galicia (http://galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es/gl/consulta/registro.cmd?id=3952).
LUCA DE TENA, Gustavo (1974): ‘Pueblo Gallego, El’, in Ramón Otero Pedrayo (dir.), Gran Enciclopedia Gallega, vol. XXV, Santiago de Compostela / Gijón, Silverio Cañada.
MERA COSTAS, Pilar (2011): ‘A la sombra del “Vello Carballo”: apuntes para la biografía de Manuel Portela Valladares’ (https://www.academia.edu/1621709/A_la_sombra_del_Vello_Carballo_._Apuntes_para_la_biograf%C3%ADa_de_Manuel_Portela_Valladares).