Número obxecto 70
Título do obxecto REFRACTOR ECUATORIAL

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Refractor ecuatorial
Múnic, Alemaña
C. A. Steinheil & Söhne, 1925
Observatorio Astronómico Ramón María Aller, Universidade de Santiago de Compostela

Datos sobre o obxecto

O refractor ecuatorial atópase no Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela. Foi construído pola firma C. A. Steinheil & Söhne, de Múnic (Alemaña), e adaptado ás propias especificacións técnicas que lle foron solicitadas por D. Ramón Aller. Foi mercado cos seus aforros, no ano 1925, para o observatorio astronómico que este creara en Lalín. A montura paraláctica (dispositivo que permite seguir o movemento aparente dos astros) do novo instrumento foi instalada sobre unha columna de ferro cos correspondentes dispositivos para nivelación. Os seus movementos podían accionarse desde o ocular cun sistema horario de dobre roda dentada: unha para arrastre por reloxería e outra para ser movida á vontade. Conta cun obxectivo apocromático (que ten corrixidas as aberracións cromáticas) de tres lentes, de 120 mm de abertura límite e 1803 mm de distancia focal. Os oculares son de varios tipos, algúns para traballos especiais, pero a maioría son ortoscópicos (que non deforman as imaxes), con distancias focais equivalentes a entre 40 e 5 mm.
Este instrumento foi utilizado, sobre todo, nas medidas relativas ás estrelas dobres —maiormente as denominadas binarias—, exame de superficies planetarias e observacións particulares, como a determinación da posición dos cometas, eclipses, tránsitos, choiva de estrelas, auroras, etc.
Posteriomente, Luis Iglesias e Isidro Parga, catedráticos da USC e membros como D. Ramón Aller do Seminario de Estudos Galegos, concibiron a idea do seu traslado ao novo Campus Universitario que se estaba xestando. Foi enviado un anteproxecto do edificio do Observatorio Astronómico e o reitor Rodríguez Cadarso comezou as correspondentes xestións, que se viron interrompidas polo seu prematuro pasamento. Non volveron considerarse ata o ano 1939, despois de que lle fose encomendada a D. Ramón a docencia de Xeometría Analítica e Análise Matemática na USC polo reitor Ruiz del Castillo. D. Enrique Vidal Abascal, profesor e director do Instituto de Pontevedra naquela altura, activou as xestións, tentando comprometer as deputacións galegas no proxecto e, sobre todo, coa axuda do reitor, apurando o arquitecto Jenaro de la Fuente para que concluíse os planos do novo observatorio. Finalmente, rematou o seu traslado no ano 1943 e completouse tamén o seu equipo científico coa merca, por exemplo, dun anteollo de pasos.
Este obxecto pode simbolizar axeitadamente o labor científico de D. Ramón Aller, o primeiro investigador galego que dun xeito rigoroso comezou os estudos astronómicos. Como precedentes pódese considerar que existen os traballos xeodésicos de José Rodríguez e Domingo Fontán, dedicados fundamentalmente ao estudo e representación do globo terrestre. Pero a observación do ceo e o estudo dos seus sistemas non empezaron en Galicia ata que Ramón Aller instalou en Lalín, en 1917, no xardín da súa vivenda, o primeiro observatorio astronómico. Antes fixera algunhas observacións e, sobre todo, formárase nas estadías ás que dedicaba os veráns desde 1911 ata 1920 en Castro Urdiales, no Observatorio Ocharan.
Antes da guerra civil, o seu labor cara á sociedade galega fora fundamentalmente divulgativo, aproveitando, sobre todo, a súa integración en
1928 no Seminario de Estudos Galegos. Os seus membros profesábanlle unha fonda admiración e eran consideradas como lendarias as noites nas que o podían acompañar nas observacións do ceo nas terras do Deza.
Cando se integrou na USC, o seu labor, ata entón illado, comezou a difundirse cara aos primeiros discípulos e deu orixe a unha escola especializada principalmente no estudo das estrelas dobres, a máis importante ao nivel do Estado, e que chegou a acadar sona internacional.
Ramón Aller Ulloa foi non só un pioneiro nos estudos astronómicos desde Galicia, senón tamén un adiantado no emprego do galego na difusión da ciencia. Os seus traballos na revista Logos, poñendo ao alcance de todos cuestións científicas da máxima actualidade, como, por exemplo, algúns aspectos da mecánica cuántica, foron un dos feitos máis significativos na historia da dignificación e normalización do galego como lingua.

Para saber máis

DOCOBO DURÁNTEZ, José Ángel (2012): «Ramón María Aller Ulloa: o iniciador da investigación astronómica en Galicia», en VV. AA., Álbum da Ciencia, Culturagalega.org, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega (http://culturagalega.gal/albumdaciencia/detalle.php?id=237).