Número obxecto 72
Título do obxecto CARTEL DO ESTATUTO DE 1936

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Cartel do Estatuto de 1936
Castelao, 1936
Fundación Isla Couto. Vigo

Datos sobre o obxecto

Este é o cartaz deseñado por Castelao para a campaña do referendo do Estatuto de autonomía de Galicia, que se celebrou o 28 de xuño de 1936. A vaca representa Galicia, coidada por unha labrega co traxe tradicional, que contempla impotente como lle arrebata o froito do seu traballo un señor de chistera e levita, que na época era a icona do burgués ou do político poderoso, pero que aquí representa en realidade o Estado. A mensaxe, reforzada pola lenda, é moi clara: o sistema centralista espolia Galicia e a vía para corrixir esa inxustiza é a autonomía. Coñecemos outra versión non editada, que presenta as mesmas figuras e un texto aínda máis explícito: «Galego: si coidas que non ten dereito a muxil-a vaca quén non lle dá de comer, vota o Estatuto». Castelao expresara na década anterior a mesma idea, central na visión que tiña o nacionalismo galego sobre a relación económica e fiscal de Galicia con España, nun debuxo da serie Cousas da vida no que aparecía a lenda «Así quixeran que sempre fose a nosa Terra» baixo unha vaca muxida neste caso por unha figura que máis parece obreiro que labrego.
O referendo gañouse, pero as institucións autonómicas non puideron constituírse porque só vinte días despois comezou a guerra civil e Galicia ficou axiña baixo o control dos sublevados. Con todo, foi un fito histórico, a culminación da loita polo autogoberno de Galicia que o nacionalismo galego iniciara vinte anos antes coas Irmandades da Fala. Coa vista posta nese horizonte, cando desaparece a monarquía en abril de 1931 todo o galeguismo, de momento fragmentado en moitas pequenas agrupacións, apostara pola nacente república, pero por unha república federal con Galicia como Estado federado. E para conseguilo promoveu unha asemblea
proautonomía o 4 de xuño na Coruña, participou nas eleccións ás Cortes
Constituíntes do día 28 e puxo os catro deputados que obtivo ao servizo dese obxectivo. Pero a constitución aprobada en decembro non foi federal, aínda que tampouco totalmente centralista, pois abría a porta a unha autonomía rexional de grao inferior.
A maioría do nacionalismo galego adaptouse a este marco institucional e colocou como fin prioritario a consecución desa autonomía posible. Para iso empezou por unificarse e reorganizarse no Partido Galeguista, fundado a primeiros de decembro de 1931. Dende o principio o PG exerceu toda a presión que puido sobre partidos e deputacións para cumprir o primeiro requisito establecido na Constitución: que unha asemblea dos concellos da «rexión» aprobase un proxecto de Estatuto con maioría cualificada de municipios e poboación. Aínda que daquela o entusiasmo autonomista non caracterizaba precisamente nin a sociedade civil nin a maioría das forzas políticas galegas, o PG conseguiu finalmente, coa axuda dalgúns, que a tal asemblea se celebrase con éxito o 17 de decembro de 1932 en Santiago, logo de dúas reunións preparatorias no verán e da constitución dun Comité Pro-Autonomía, no que destacou o labor de Alexandre Bóveda e do conservador Enrique Rajoy Leloup. Aprobado o proxecto, só faltaba o referendo, que debía convocar o Goberno central. Pero este, malia ser de centroesquerda, foi adiando o trámite, fose por pensar que non estaba claro un resultado positivo, fose porque non era conveniente que Galicia accedese á autonomía antes que o País Vasco, que tiña bloqueado o seu proxecto polo carácter anticonstitucional que lle dera o PNV.
As eleccións de novembro de 1933 outorgaron o poder a Gobernos de centrodereita que non só conxelaron os procesos autonómicos, senón que ademais perseguiron os nacionalismos subestatais co menor pretexto. Era evidente que a única posibilidade de autonomía pasaba por volver a maiorías de esquerda. O PG, que se mantivera no centro para preservar os seus equilibrios internos, viuno claro e, pilotado por Bóveda e Castelao, iniciou unha deriva cara a unha alianza con Izquierda Republicana primeiro e a entrada despois na coalición do Frente Popular, algo que lle custou dúas pequenas escisións pola dereita. A condición do pacto electoral era que, en caso de vitoria, se faría o referendo sen dilación. Gañadas polo FP as eleccións de febreiro de 1936, as forzas coligadas cumpriron o compromiso. O Goberno central convocou a consulta para o 28 de xuño e todos participaron na campaña. Tamén Castelao co seu cartel e cos seus discursos nos mitins.

Para saber máis

BERAMENDI GONZÁLEZ, Justo (2007): De provincia a nación: historia do galeguismo político, Vigo, Xerais, 929-1072.
— / Ramón VILLARES PAZ (eds.) (1989): Actas Congreso Castelao, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia / Universidade / Fundación Castelao, 2 vols.
MONTEAGUDO ROMERO, Henrique (coord. xeral) (2000): Para ler a Castelao, Vigo, Galaxia, 2 vols.