Número obxecto | 76 |
---|---|
Título do obxecto | BICICLETA DELIO |
Gústache?
Coñecíalo?
Características
Cartela
Bicicleta Delio
Vigo
Delio Rodríguez, anos 60 (?)
Colección particular. Vigo
Datos sobre o obxecto
A bici de Delio é unha cousa e as bicis Delio son outra; son o mesmo pero diferente. As bicis foron no seu tempo un símbolo da modernidade e Delio Rodríguez (1916-1994) foi o ídolo da mocidade daquel tempo. El foi o gran ciclista galego da xeración de mozos que tivo na bicicleta o seu primeiro vehículo individual e con el a súa liberación da disciplina familiar e mesmo da comunitaria. Para o mundo rural galego, como para o europeo de poboamento disperso, foi unha revolución. Os rapaces do rural podían ir ás festas, ver a moza que coñeceran moito máis alá dos lindes da parroquia; mesmo podían ir traballar á vila, fóra da casa, se rifaban co petrucio por como levar a facenda. As mozas tamén a usaban, pero a súa liberdade nisto, como noutras cousas, era raquítica, e aló polas décadas de 1940 e 1950 xa só podían usala para ir á festa ben acompañadas, a escola ou á costura.
A bicicleta converteuse en toda Europa, como en Galicia, nun símbolo de modernidade xeracional que chegou até os últimos confíns e, por suposto, un instrumento de competición deportiva. Ponteareas-O Porriño-Vigo foi o primeiro triángulo máxico do ciclismo galego e os irmáns Rodríguez o seu vértice: Delio, Emilio, Manuel e Pastor. Un equipo familiar e galego cando non había equipos ciclistas pero os gregarios eran tan necesarios como hoxe. Os fillos dos da Ferretería Mariño de Ponteareas triunfaron: Delio, o maior, gañou 40 etapas da Vuelta a España, establecendo un récord aínda non superado, e Emilio gañou a edición de 1950, a seguinte a Delio retirarse. De 1933 a 1936 Delio, o pioneiro, aplicárase a fondo na Volta a Galicia e na do País Vasco.
Ao retirarse montou o seu taller de bicis —Ciclos Delio— na rúa de Colón de Vigo, que logo tivo sucursal en Ourense e que, como Honorino en Santiago ou Roca en Ferrol e tantas outras, forneceron o país dunha demanda crecente. Non houbo vila que non tivese cando menos dous talleres de bicicletas en aguda competencia por vender e arranxar cada un mellor
ca o outro. Os ciclos eran ademais un vehículo instrumento de repartimento, pero tamén para viaxantes. Algúns houbo, como Antonio Nieves, do Saviñao, que como «axentes comerciais colexiados» entre 1943 e 1945 percorreron en bicicleta «todos os pobos da provincia de Lugo e moitos da Coruña e Asturias», antes de poder mercar unha moto de segunda man. Un personaxe para o Vittorio De Sica.
A popular bici foi o vehículo da era das masas da primeira metade do século XX. Hoxe asómbranos o inicio da era do automóbil, pero o que usaron as masas foi a bicicleta. A súa creación foi un prodixio da innovación mecánica entre 1880 e 1900, coa incorporación da cadea, os rodamentos, as rodas Dunlop, os cadros de tubo metálico e os eixos selados dos irmáns Wright. O nome deste vehículo sen motor de dúas rodas en liña fixadas a un cadro triangular póñenllo os franceses, aínda que nunca deixou de coñecerse tamén como velocípede. Móvese pola forza exercida cos pés sobre os pedais, que é transmitida á roda traseira a través dunha cadea. Un mecanismo barato, sinxelo e efectivo capaz para o transporte de persoas e mercadorías. Antes de ser popular foi cousa de rapaces ricos e snobs. A primeira exhibición coñecida en Galicia fana afeccionados ferroláns en Vigo en 1884, onde tamén se publica El Velocípedo dende 1885, se celebra a primeira competición en 1887 e se crea o primeiro Club Velocipédico no mesmo ano que o de Barcelona. Os elitistas sportsmen axiña tiveron que mudar de moda conforme a bicicleta foi accesible ás maiorías e se popularizou tanto que calquera rapaz podía gañarlles en competición.
Hoxe ao uso da bici, moi consolidado no deportivo, cústalle recuperar espazo de uso cotián. Poida que a aqueles mozos da guerra e da posguerra a bici tamén lles recordase a falta de combustible, de automóbiles, a escaseza e a fame do franquismo, así que co retrasado desenvolvemento dos 70 as bicis foron arrombadas; xusto cando a crise do petróleo de 1973 e os abafantes atascos empezaban a recuperalas nas cidades europeas, aquí íamos aínda no camiño contrario cara ao utilitario. Segue a custarnos a volta á máquina máis eficiente e económica posible e, na lóxica do presente, tamén a máis saudable fronte ao sedentarismo, a máis ecolóxica
fronte á contaminación.
Para saber máis
DOMÍNGUEZ ALMANSA, Andrés (2009): Historia social do deporte en Galicia, Vigo, Galaxia.
FERNÁNDEZ PRIETO, Lourenzo (2007): Século XX: unha economía, dúas sociedades. Dinamismo social e desenvolvemento económico, en Xosé Ramón Barreiro Fernández / Ramón Villares Paz (eds.), A gran historia de Galicia, tomo XIII, vol. 1, A Coruña, Arrecife / La Voz de Galicia.
GONZÁLEZ MARTÍN, Gerardo (2007): 120 anos de ciclismo galego, Vigo, Galaxia.