Número obxecto 80
Título do obxecto PUPITRE ESCOLAR

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Pupitre escolar
Zas, Negreira
Primeira metade s. XX
Museo Pedagóxico de Galicia. Santiago de Compostela

Datos sobre o obxecto

O mobiliario escolar é un testemuño referencial na historia da educación e o pupitre, nas súas múltiples variantes, é o elemento máis representativo. Construído en madeira, estaba composto por un taboleiro plano lixeiramente inclinado con caixón para gardar o material, cavidades para os tinteiros e asentos para dúas persoas, todo unido por listóns que conformaban unha tarima enreixada que o levantaba do chan para así gorecer o estudante. O modelo, referente para varias xeracións, foi oficializado polo Museo Pedagógico Nacional desde 1900 e perdurará nas aulas até a década de 1950. Evidentemente, existen varios modelos, pero as características esenciais responden a esta descrición.
Non foi até fins do século XIX cando o mobiliario escolar dispuxo dun deseño unificado. Con anterioridade en cada aldea había diferentes bancos e mesas, cuxa construción, en moitos casos, corría a cargo dos carpinteiros ou das propias familias. Os pupitres como tales non se inventaron até a década de 1880 da man de John D. Loughlin, nos EUA. En España foi a Institución Libre de Enseñanza, a través do Museo Pedagógico Nacional, a que marcou as pautas da educación, abranguendo tanto a actividade docente como o material e os edificios escolares na aplicación das teorías rexeneracionistas do momento a raíz do Desastre do 98. Foi a finais do XIX —con moita probabilidade a partir de 1882— cando se introduciron cambios significativos no pupitre, co modelo proxectado por Cardot para as escolas de París.
En 1900 o panorama da ensinanza en España era desolador. A pesar de que desde 1857 se contaba coa lei Moyano esta non era aplicada. Desde esta data até a chegada da II República a ensinanza foi de carácter institucional —o Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes fora creado nese mesmo ano— e obrigatoria para todos, nenos e nenas. A escola primaria estaba dirixida, organizada e controlada con base en criterios
estatais e a posta en práctica e mantemento dependían dos concellos, o que supoñía un enorme desfase entre as teorías emanadas dos executivos nacionais e a realidade de cada municipio, onde a maioría das veces non se podía soster nin a escola nin o mestre, o que comportou, en xeral, uns índices de rendemento académico moi baixos até, polo menos, 1931, cando os ministerios de Marcelino Domingo e Fernando de los Ríos tentan cambiar esta situación.
A escola rural galega estaba dirixida por un mestre ou mestra, que ensinaba a alumnos de diferentes idades e niveis, e era de carácter mixto ou con separación por sexo. Esta foi a escola dominante con anterioridade á Lei xeral de educación de 1970. En 1910, o soldo dun ensinante era de 1000 pesetas anuais, moi inferior, por exemplo, ao dun peón da construción. Nas aldeas recompensaban o esforzo e a dedicación docente con produtos das casas, aliviando en parte as penurias que padecían. En vilas cabeceiras de comarca ou nas capitais de provincia, os colexios relixiosos, enfocados ás elites, convivían coas escolas municipais e, xa desde os primeiros anos do século XX e fundamentalmente nas décadas de 1910-1920, coas escolas dos «americanos», que significaron un auténtico revulsivo e referente na historia da educación do país. Nestes anos, as parroquias de Galicia enchéronse de escolas grazas ao alento e ao diñeiro achegados de alén mar. As sociedades de instrución radicadas en América promoveron colexios, aulas e edificios, como ilustrou a mostra Luces de alén mar (Consello da Cultura Galega, 2012). Estas cifras amosan que foi en Galicia onde se concentraron as fundacións escolares, seguida da Asturias máis occidental. En palabras de Costa Rico: «É esta experiencia a que marcou o desenvolvemento cultural e educativo de Galicia durante boa parte do presente século XX».
Poucos elementos identificados co pasado inmediato ofrecen tanta singularidade emotiva como os pupitres das escolas. Como queda patente na mostra permanente do Museo Pedagóxico de Galicia, cada un deses mobles compón unha arquitectura interior, de lugares do común, que quedan atrapados no noso imaxinario colectivo.

Para saber máis

COSTA RICO, Antón (2004): Historia da educación e da cultura en Galicia, Vigo, Xerais.
MUSEO PEDAGÓXICO DE GALICIA (MUPEGA) (s. d.), Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (http://www.edu.xunta.es/mupega/).
MUSEO VIRTUAL DE HISTORIA DE LA EDUCACIÓN (MUVHE) (s. d.): «Mobiliario del alumnado», Murcia, Universidad (http://www.um.es/muvhe/user/fichas.php?&id_categoria=9&limit_formu=16).