Número obxecto 81
Título do obxecto POTE DA QUEIMADA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Pote da queimada
Buño, Malpica de Bergantiños
O Rulo, 2005
Ecomuseo Forno do Forte. Buño

Datos sobre o obxecto

Poucos rituais festivos acadaron unha pegada étnica e unha riqueza cultural popular tan grande como a queimada, un cocktail de elaboración caseira a base de augardente queimada, combinada con azucre, tonas de cítrico e outros ingredientes que varían segundo o seu executor.
A queimada non se entende sen todo o aparello teatral, que mestura obxectos e representación, e o contexto social no que se adoita realizar. Está o recipiente de barro no que se prende o lume da augardente, que ten colgadoiros dos que penduran os vasiños nos que se serve posteriormente o cocktail. Está a culler coa que se escancia a augardente trazando teatrais arcos de lume, o recitado do «esconxuro» por parte do mestre de cerimonias, ás veces seguido en coro polos asistentes, e o momento no que se realiza: o final dun xantar ou cea copiosa e multitudinaria, que pode estar conformada por unha comunidade de galegos ou na que se lle solicita a un galego que realice o ritual. Nas achegas máis kitsch, especialmente cando a queimada se realiza por encargo para restaurantes ou eventos, o mestre de cerimonias disfrázase con algún tipo de atavío de bruxo.
Que a queimada é asumida como un importante identificador étnico dos galegos demóstrase pola xeral convicción da súa ancestralidade: considérase un arcano ritual nacido para invocar e espantar os espíritos malignos. Porén, precisamente pola súa teatralidade, a queimada é unha performance contemporánea que só se pode comprender, ademais, desde o noso tempo. Dificilmente a un galego do século XVIII ou XIX se lle ocorrería desperdiciar a valiosa augardente —con tantos usos terapéuticos e alimentarios— nun combinado servido como sobremesa. Desde logo, na sociedade tradicional tiñan métodos máis económicos e sinxelos para realizar as transaccións simbólicas co mundo do alén.
En realidade, a queimada naceu no seo de grupos de emigrantes que atopaban neste ritual unha forma de cristalizar e reforzar os seus lazos identitarios. Como en todo asunto popular, as orixes son difusas: fálase de que xa nas primeiras décadas do século os curas queimaban augardente, ao final dos opíparos xantares patronais, empregando as mesmas cuncas do café; de grupos de soldados galegos na guerra civil que a usaban para quecer ou de emigrantes en Madrid, ao final das ceas de confraternidade. E son individuos concretos os que comezan a elaborar as ferramentas necesarias para a construción deste fascinante teatro popular: o artesán mindoniense Tito Freire modela en 1955 o recipiente «tradicional» da queimada, cos seus vasiños ao redor. Outro elemento fundamental deste teatro, o «esconxuro» para escorrentar as meigas, foi escrito por Mariano Abalo, traballador do sector bancario orixinario da Pobra do Caramiñal, para as festas que se realizaban nun barco comisado e abandonado no porto de Vigo na década de 1960.
O interesante da performance da queimada é que está construída a partir da exacerbación de determinados trazos identitarios galegos (o rico imaxinario fantástico, a forte presenza da morte, o ruralismo, o uso cotián da maxia e a lingua) orientados a ofrecer unha imaxe exótica e arcana de Galicia, contribuíndo así a presentar a idea dunha Galicia máxica, misteriosa e en contacto co sobrenatural que se foi construíndo interna e externamente desde o século XIX. A propia linguaxe empregada no esconxuro ofrece unha aparencia hiperenxebre na que numeroso léxico parece ter sido seleccionado, consciente ou inconscientemente, para resultar opaco a oídos castelanfalantes e, polo tanto, máis mistérico.
A queimada como símbolo de galeguidade chegou a converterse, pois, nun símbolo útil que, ademais, resultaba inofensivo desde o punto de vista político. Esta practicidade apolítica da queimada se cadra motivou a súa adopción por Manuel Fraga, que a empregou con frecuencia, especialmente a partir da fundación de Alianza Popular, en múltiples xantares e ceas. Xa como presidente do Goberno galego, continuou coa práctica, dentro da súa angueira persoal de revestir de certa simboloxía a presidencia de Galicia. A foto máis coñecida é sen dúbida a da queimada que realizou para Fidel Castro durante a controvertida visita do presidente galego a Cuba en 1991, que despois Fraga repetiría ante outros moitos presidentes de Goberno de visita no país. O ritual que nacera como un humilde e lúdico colofón de festa entre compatriotas convertérase case
nun protocolo de Estado.

Para saber máis

GONZÁLEZ REBOREDO, Xosé Manuel (2001): «A construción de referentes de identidade etno-nacional: algunhas mostras sobre Galicia», en Xosé Manuel González Reboredo (coord.), Etnicidade e nacionalismo: actas do Simposio Internacional de Antropoloxía, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega (http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_2001_Etnicidade-e-nacionalismo-Actas-do-Simposio-Internacional-de-Antropoloxia-Santiago-de-Compostela-17-19-de-abril-de-2000.pdf).
RTVE (1991): «Visita oficial del presidente de la Xunta, Manuel Fraga, a Cuba», Informe Semanal, 28 de setembro (http://www.rtve.es/alacarta/videos/informe-semanal/visita-oficial-del-presidente-xunta-manuel-fraga-cuba/931438/).