Número obxecto 82
Título do obxecto BIDÓN DE LEITE

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Bidón de leite
1960-1975
Museo do Pobo Galego. Santiago de Compostela

Datos sobre o obxecto

O bidón de leite evoca as mulleres que muxían as vacas nas cortes e eran leiteiras en vilas e cidades. As de Bamio levábano ao Carril, as neniñas de Arroxo a Mondoñedo, as leiteiras de Calo a Compostela. Era unha tarefa feminina quizais porque tiñan que saber graduar a muxida e deixar dabondo á vaca para aleitar os xatos que despois os homes vendían nas feiras e os tratantes viñan buscar á casa. As leiteiras levaban os xerros na cabeza cunha molida, colgados do guiador da bicicleta, nos burros ou nos autobuses do mercado.
Para os galegos de hoxe o leite escribiu a principal historia de éxito —nunca ben asumida— do agro galego. En realidade foi a segunda historia de éxito dun complexo agropecuario baseado en casas de labranza, hoxe chamadas explotacións familiares ou directamente granxas ou ganderías. A historia empeza moi atrás no tempo, cando a agricultura galega tomou unha dirección mercantil fundamentalmente gandeira, aló polo século XVIII. Empeza cos xatos novos e as vacas vellas que ían venderse ás feiras. Aquel agro ben manexado ía permitindo non só alimentar máis xente —man de obra—, senón tamén moito máis gando —para vender—, capaz de producir máis esterco —a chave do progreso agrario— e facer así máis fortes as casas. A primeira historia de éxito foi e segue a ser a da carne. Moito antes de que o consumo do leite fose recomendado polas autoridades sanitarias para o crecemento dos nenos e aínda para a saúde dos maiores, até convertelo case nunha menciña máis. Pola volta de 1900, impúxose de feito unha relación entre consumo de leite e progreso social en toda Europa que dura até hoxe.
En Galicia, empezouse a aproveitar a opción do leite, sen deixar nunca a carne, conforme medraron os mercados urbanos próximos arredor da primeira guerra mundial. Xa é un indicio que a raza rubia, deseñada e feita naquela altura, fose concibida para ter boa aptitude láctea, amais de cárnica e para o traballo. Xa na década de 1920 algúns técnicos propoñen a especialización leiteira. En 1924 celébrase o primeiro concurso de vacas leiteiras en Ribadeo e, aló por 1933, ILEPSA-Nestlé (Industria Lechera Peninsular, S. A.) quere instalarse en Pontecesures para producir leite condensado. Por entón un informe do Ministerio de Agricultura recomenda o leite como alternativa «aos prezos absurdamente baixos da carne». Non é estraño que os veciños de Laíño organizados na Sociedade de Agricultores montasen unha cooperativa leiteira para levar diariamente o leite a Padrón e a Compostela nun camión repartidor. Despois da guerra desaparecería o camión da Sociedade de Laíño e as leiteiras seguirían a pé, en burro ou en bicicleta. Logo de 1940 Arxeriz, Larsa e Leyma irían arrincando coa industria do leite galego.
O éxito do leite asóciase coas cisternas e os tanques de frío, pero o xarro e o bidón foron peza esencial desa historia. Os primeiros, de barro, facíanse nas olerías de todo o país, de Niñodaguia a Mondoñedo ou Buño. Hóuboos tamén de porcelana, despois foron de latón, de cinc e por fin bidóns de aluminio. Ficaron na memoria e na patrimonialización que se fixo cando quedaron en desuso; nunca se tiraron, senón que se converteron en paraugueiros e obxectos decorativos nas entradas das casas de aldea transformadas en chalés ou nas novas urbanizacións de vivendas acaroadas, uns pintados ao xeito provenzal e outros limpos e brillantes. Por toda Europa é así, aínda que uns lembren máis que outros. Carin Martin, colega da Universidade de Uppsala, descubriu hai pouco que a súa sogra segue a gardar e limpar todos os anos os xarros do leite que deixou de usar vai xa para cincuenta anos. Alí coma aquí os xarros foron desprazados pola nova tecnoloxía do leite empaquetado —precisamente deseñada en Suecia—, que mudou a cadea e os seus aparellos, e alí tamén aprecian o seu pasado agrario tan intimamente coma aquí.
Os xarros conservan a forza do pasado e expresan a do futuro. Na Galicia de hoxe, dominada polo sector leiteiro, só as mulleres lembran os xarros, os bidóns e mais as canadas coas que muxían a man. Só elas os converteron en iconas. Son o símbolo das grandes explotacións de duascentas vacas, estabuladas en enormes construcións rodeadas de silos, autocargadores, tractores xigantescos…

Para saber máis

CABANA IGLESIA, Ana (2010): As industrias lácteas: os seus inicios e o despegue da actividade de transformación, Santiago de Compostela, Universidade.
CONDE GÓMEZ, Diego (2015): Juan Rof Codina: renovación na veterinaria e gandaría galega contemporánea, Vigo, Xerais.
FERNÁNDEZ PRIETO, Lourenzo (1992): Labregos con ciencia, Vigo, Xerais.