Número obxecto 84
Título do obxecto MÁQUINA FOTOGRÁFICA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Cámara fotográfica
Xapón
Yashica Mat-124G, anos 70
Colección particular. Forcarei

Datos sobre o obxecto

A cámara fotográfica ten a súa orixe na cámara escura que empregaban os pintores do Renacemento como instrumento auxiliar para o debuxo, mais até o século XIX non lograron que esas imaxes fosen permanentes. Fotógrafos franceses e ingleses desprázanse a outros países levando o novo medio de representación. A Galicia chegan fotógrafos de diferentes latitudes e décadas máis tarde podemos aínda atopar estudios fotográficos con nomes franceses, como Sellier na Coruña, ou italianos, como Prosperi en Vigo.
Nun principio son as cidades e vilas máis importantes as que contan con estudios fotográficos, mais logo van xurdindo por toda a xeografía galega e, dadas as características desta, atopámonos con fotógrafos en localidades moi pequenas. Nestes casos o fotógrafo penduraba na horta, na fachada ou en calquera outro espazo próximo á súa vivenda un pano de fondo que, en ocasións, era unha colcha ou calquera outra peza de tea, tapaba a terra do chan cunha farrapeira e engadía os clásicos testos para simular un estudio; Ramón Caamaño en Muxía, José Vidal en Laxe, Pedro Brey no Val do Ulla ou José Domínguez en Gondomar son só algúns exemplos. Outros como Virxilio Viéitez convertían unha estrada ou unha horta no pano de fondo. Os estudios das cidades, como os de Jaime Pacheco en Vigo, o seu irmán José en Ourense, Ksado en Santiago…, e os das vilas importantes, como o de Gutiérrez en Tui ou Nuevo en Monforte, contaban con lugares adecuados, normalmente galerías nas que podían controlar debidamente a luz natural con cortinas até que introducen a iluminación artificial, así como diferentes panos de fondos e demais atrezzos para poñer en escena as fotografías.
Os retratos fotográficos tiñan unha función claramente idealizadora: as mellores roupas, que ás veces nin eran do retratado, unidas a un pano de fondo do interior dun pazo ou duns xardíns, e a pose adecuada simulaban un estatus que frecuentemente non se correspondía co propio. Para as clases populares ir ao fotógrafo era un feito excepcional; as poses hieráticas, as miradas serias sempre dirixidas á cámara dan conta da solemnidade do acto, como maxistralmente puxo de manifesto Carlos Maside hai máis de medio século. As poses da burguesía non estaban menos preparadas, mais a sofisticación tende a substituír a sobriedade e a aparente distensión o hieratismo; o acto fotográfico non tiña a mesma solemnidade.
A emigración desempeñou un importante papel no desenvolvemento da fotografía en Galicia, non só polos cartos que viñan de América senón tamén pola relevancia que tivo a fotografía como elemento de comunicación e cohesión familiar. Gran parte das imaxes eran realizadas para ser enviadas a América, como tamén era frecuente que o emigrante ao retornar acudise ao fotógrafo para ser retratado, cos seus novos traxes, e reloxo de cadea, como símbolos do seu novo estatus.
A actividade principal foi realizar retratos, mais tamén foron fotografando as novidades e acontecementos que se ían producindo na sociedade e dando testemuña, a través das vistas fotográficas, dos cambios que tiñan lugar nas vilas e cidades, configurando así a nosa historia visual. A fotografía vaise incorporando moi paseniño aos xornais e revistas; aquí é preciso lembrar o papel que a fotografía desempeñou na revista Vida Gallega.
No último terzo do século XX as cámaras fotográficas, moito máis liviás que as primitivas de fol, foron progresivamente entrando nos fogares galegos, á par dos electrodomésticos e o 600, dando lugar a que se fotografase a vida a medida que estaba a ser vivida. Xurdiron as instantáneas, imaxes de moi diferente feitura técnica e formal das dos profesionais. Fotografar volveuse unha acción cotiá, desprendéndose da solemnidade que tivera, e comezaron a se fotografar obxectos e situacións que non merecían a atención do fotógrafo.
A aparición da cámara dixital implicou un cambio substancial do acto fotográfico: as imaxes xurdían de forma inmediata, perdéndose o misterio que o revelado levaba implícito, e o número de imaxes realizadas medrou dunha forma abismal. A fotografía perde gran parte do seu carácter obxectual, converténdose nun elemento esencial na comunicación que adquire,
con estes cambios, novos significados.

Para saber máis

FREUND, Gisèle (2015): La fotografía como documento social, Barcelona, Gustavo Gili.
MASIDE GARCÍA, Carlos (1951 [1998]): «En torno á fotografía popular», Grial, 2 [139], 21-26 [567-575].
SENDÓN, Manuel / Xosé Luís SUÁREZ CANAL (2010): Pano de fondo: achegamento á fotografía de estudio, Vigo, Centro de Estudos Fotográficos.