Número obxecto 85
Título do obxecto EMIGRANTE

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Emigrante
Luís Seoane, 1967
Museo de Belas Artes da Coruña

Datos sobre o obxecto

Emigrante é un óleo sobre lenzo realizado por Luís Seoane en 1967. Nel, unha figura feminina sentada ten un cartel sobre o peito no que se pode ler: «Elle s’appelle Manuela Rodríguez. Elle est analphabéte. Aidez-la. Genève 1963». O cadro conta unha historia que o artista e a súa dona viviron en Xenebra ese ano, cando unha traballadora analfabeta que viaxaba desde Tesino a España, á que lle colgaron o cartel no punto de partida, toleou no tren.
Intelectual comprometido co seu tempo e de actitude nada elitista, Luís Seoane é paradigma de resistencia cultural desde o exilio, onde emprendeu gran cantidade de proxectos colectivos, e sempre aberto ás diferentes manifestacións culturais da súa época. Independentemente da súa habilidade técnica, o asunto, o tema será a súa semente e detrás deste proxectarase sempre Galicia, a súa historia, os seus mitos, os seus traballos, os seus costumes, a idiosincrasia das súas xentes; en definitiva, a emigración. Seoane traballa os valores de Galicia desde unha óptica universal, retratando mulleres marcadas pola dor e o abandono, aprehendendo a distancia emocional, o sufrimento, a espera. Por iso monumentaliza esa figura que resiste, a da muller, e outórgalle a condición de heroína. Para Seoane nada resulta indiferente e traballa a realidade para descompoñela, xa sexa plasticamente nas súas pinturas, debuxos ou gravados ou como pioneiro da poesía social-realista en lingua galega. Representa así a agonía, a desesperanza ou o horror con sentido sintético e valores universais. De aí que a miúdo destaque o anonimato dos protagonistas dos seus cadros, a xeito de grito mudo da emigración. Pero Emigrante representa un drama minúsculo, persoal, a condición de analfabeta, ao lado do que para Seoane é o inmenso drama de España, o da emigración. Porque os dramas
colectivos son case sempre a suma de pequenos dramas.
En Emigrante a figura feminina amósase monumental, aínda que a liña se afina, outorgando debilidade á personaxe. Catro anos máis tarde insistirá no tema con Emigrante esperando, sintetizando a mensaxe do cartel. En Emigrante advírtese a expresividade da cor da súa pintura e a súa extraordinaria sensibilidade para o debuxo, a súa capacidade para as técnicas do gravado, o seu dominio destas e como a práctica do estarcido inflúe en como a cor se distribúe por áreas. É unha obra do Seoane maduro, na cal conserva filiacións primeiras como Carlos Maside e afinidades electivas como Picasso, Matisse ou Léger, ás que suma a actitude heroica do campesiñado en Malevich, unha curiosidade inesgotable pola cultura xermánica, o Paul Klee que pasa por Goya ou os seus coñecementos do deseño gráfico de autores como Alvin Lustig ou Paul Rand. Sobre a cor, que estrutura, está a aparente liberdade da liña, o grafismo virtualmente espontáneo, xamais inocente, senón construtivo, e a mácula negra, que vibra, que endurece a mensaxe, a frescura, o ritmo. Seoane presenta o rostro de fronte e de perfil, actitude que parte do cubismo e destila á maneira do Románico máis rotundo, coma se se tratase dunha escultura. Evoca así o simbólico, o sintético, o frontal, o signo. A realidade da memoria e a realidade do seu presente súmanse nunha pintura afastada do virtuosismo, nerviosa coma se se tratase dun dos seus gravados en madeira, próximo ao raiado celta e aos xestos de arar a terra. Trátase de gravar ou pintar como labran os labregos, como gravan os nenos nos pupitres das escolas. O estático destílase así con emoción expresionista e o monumental coa levidade transparente dunha vidreira. Proxéctase tamén a distancia de observación necesaria para a pintura mural, consecuencia directa da eliminación dos detalles superfluos, tornando a pintura máis plana, un tanto á maneira dos mosaiquistas bizantinos e a verticalidade hierática das súas figuras.
Luís Seoane, como Fernand Léger —con quen comparte un singular manexo da linguaxe poscubista e posconstrutivista—, comezara a xogar nos anos cincuenta con masas de cor no cadro independentes do desenvolvemento da narración. Pero, se en Léger a cor se sitúa por riba da liña, en Seoane é a liña a que se sitúa por riba da cor. A liña dinamiza, ao tempo que matiza e define algún detalle; non acaba de situarse, coma se ese desaxuste fose causado polo erro dunha prancha de impresión. O abstracto é así unha resonancia do figurativo, a liña transfórmase en fenda e o debuxo abréviase para converter a Luís Seoane no primeiro artista contemporáneo da historia de Galicia.

Para saber máis

GARCÍA LÓPEZ, Emilia / Gustavo HERVELLA GARCÍA / Berta LÓPEZ VILLAMEL / Carmela MONTERO (eds.) (2014): Carta de Luís Seoane a Dina e Abrasha Rotenberg do 27 de febreiro de 1967, en Epistolario de Luís Seoane, Santiago de Compostela Consello da Cultura Galega / colab. Fundación Luis Seoane (http://epistolarios.consellodacultura.gal/buscador.php?busca=manuela+rodriguez).
SEOANE, Luís (1952): Fardel de eisilado, Buenos Aires, Ediciós Ánxel Casal.
Texto para a audición radial de Galicia Emigrante do 29 de abril de 1963.