Número obxecto 86
Título do obxecto CARTEL DO CEGO ZAGO

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Cartel do Cego Zago
Isaac Díaz Pardo, 1970/1977
Colección particular. Santiago de Compostela

Datos sobre o obxecto

O crimen de Londres é o romance que presenta unha trama máis completa e orixinal dos escritos e deseñados polo artista plástico Isaac Díaz Pardo que, co pseudónimo do Cego Zago, dá a lume na década dos setenta do século vinte. O núcleo do relato é a descrición da vida dunha rapaza galega que emigra a Londres, onde traballa como criada doméstica na casa dun «matrimonio moi serio que tiña tres picariños» pero que o autor identifica como uns «señoritos dises que na España temos». A idea da explotación da man de obra emigrada está moi presente en varios textos de Díaz Pardo, nomeadamente no libro Galicia hoy (Ruedo Ibérico, 1966), que tamén baixo pseudónimo escribiron e deseñaron Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo. Neste libro recóllense diversas opinións xornalísticas sobre os emigrantes, entre as que se atopa a noticia de «una joven española estrangulada en Londres» da que ademais se indica que era «sirvienta en casa de un doctor».
Parece evidente que o romance O crimen de Londres se inspira vagamente nesta noticia, para se transformar nunha denuncia radical da emigración galega de mulleres aos países europeos e, desde logo, das razóns polas que unha rapaza da Coruña debería emigrar: familia labrega pobre, construción da refinería nas proximidades da cidade e apoio explícito do Goberno español para fomentar a saída migratoria. O romance recréase en relatar as causas que levaron a criada a cometer o crime, por conciencia social e por razóns de fractura cultural. Ante o maltrato psicolóxico e laboral que recibe dos seus amos, non atopa outro consolo nas autoridades do consulado español que ter resignación, pois «o [seu] diñeiro [o dos emigrantes] é o que fai a España grande». Ao revés da noticia de prensa, a estrangulada é a ama inglesa. A mensaxe é evidente: se non se leva a cabo unha revolta na Terra para evitar a enxurrada migratoria, a dignidade social e cultural pode lograrse cun acto extremo de tomar a xustiza pola propia man. O crimen de Londres, alén do suceso particular que narra, é un magnífico exemplo da imaxe creada en Galicia sobre a emigración. Trátase dunha imaxe cuñada con trazos claramente negativos, que se sobrepón á que xa tiña o proceso migratorio con destino aos países americanos. Aínda que este modo de ollar o fenómeno migratorio está a ser revisado na actualidade, o romance composto polo Cego Zago indica ata que punto estaba enraizado na cultura popular o drama da emigración galega.
Alén dos contidos, a importancia destas publicacións do Cego Zago está en que se insiren na tradición popular dos romances ou cantares de cego, a través dos que se narraban, recitando ou cantando, relatos de grandes sucesos (naufraxios, roubos, crimes) pero tamén cantigas propias de festas relixiosas (Nadal ou Reis) e coplas satíricas ou galantes. Romances e cantigas que podían ser festivos pero que tamén servían para a crítica e a denuncia social e política. A súa orixe é moi antiga e a este xénero pertencen, así mesmo, as regueifas e «parolas» que se recollen nos primordios da literatura galega contemporánea. Un dos textos máis emblemáticos deste xénero, Os rogos d’un gallego (1813), está composto en versos que podían ser recitados en tabernas ou nas feiras, coma se fose unha «parola» popular. Este tipo de literatura popular mantívose en vigor ata a disolución da sociedade tradicional galega, acelerada nas décadas dos anos sesenta e setenta.
Inspirándose nesta tradición, o Cego Zago é autor doutros romances ou «carteis de cego», nos que se mesturan texto, debuxo e, por veces, música de autor (Isidro Maiztegui ou Ramiro Cartelle). A estrutura dos carteis é tradicional, pero os seus contidos de denuncia social e política forman parte da construción dun relato intelectual e político de orientación nacionalista. No Paco Pixiñas descríbense de forma satírica as desventuras dun «labrego desleigado» que emigra a Venezuela, esquece a súa lingua e logra ser rico para acabar enterrado no esquecemento. No romance A nave espacial satirízase a obsesión dun matrimonio de labregos por mellorar a súa fortuna mediante a emigración, que os leva á utopía de alugaren unha nave espacial. O cartel dedicado a Castelao foi imprentado no ano 1986. «Adicada aos nenos, a esperanza de Galiza», esta historia foi unha das varias contribucións que Díaz Pardo dedicou á memoria do ilustre rianxeiro.

Para saber máis

BLANCO PÉREZ, Domingo (1994): Historia da literatura popular galega, Santiago de Compostela, Universidade.
FERNÁNDEZ, Santiago / Maximino BROCOS (1966): Galicia hoy, Buenos Aires, Ruedo Ibérico.