Número obxecto 87
Título do obxecto TELEVISOR DE TELECLUB

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Televisor de teleclub
Reino Unido
Kolster, anos 60
Colección particular. Xinzo de Limia

Datos sobre o obxecto

Nas súas orixes, o televisor era un cubo de madeira, cuberto na súa parte frontal por un cristal lixeiramente curvado a través do cal se podían ver en tempo real imaxes da realidade ou da ficción. Aos lados da pantalla, uns pequenos altofalantes emiten o son, imprimindo maior realismo ao espectáculo da vida. Iso si, en branco e negro. O televisor era así o receptor que facía posible o milagre da televisión. Un cable conectado á rede eléctrica e unha antena con dous cornos móbiles eran o único alimento do aparato milagreiro que conseguiu prolongar os sentidos da vista e do oído do ser humano.
A televisión é consecuencia da evolución da radio, que, na segunda década do século XX, moderniza as comunicacións e abre unha nova era tecnolóxica. Moi pouco tempo despois, as Olimpíadas de 1936, en Berlín, son xa o primeiro acontecemento que pon a proba a viabilidade da retransmisión televisiva. O propio Goberno nazi ofrece a Franco, en 1938, unha demostración da «fonovisión», tecnoloxía patentada por Telefunken que permitía enviar a distancia imaxes e sons. O escenario de miseria e pobreza aberto pola segunda guerra mundial retarda a expansión do medio televisivo en Europa e algo menos en Norteamérica, onde a finais de 1947 xa había 200 000 televisores en funcionamento. Cando en outubro de 1956 o xeneral Franco inaugura TVE, no mundo estaban funcionando máis de 50 millóns de televisores e, en toda Europa, a televisión había anos que era un fenómeno de masas. Nese momento máis de 50 países tiñan sistemas nacionais de televisión, algúns xa en color. Un fenómeno que se multiplicará a partir dos anos sesenta, ata lograr unha penetración nos fogares occidentais superior ao 80 %.
O elevado custe do televisor —unhas 12 000 pesetas de 1960— fixo da TV un ben escaso, en mans dos máis podentes, que, en moitos casos, era socializado mediante o «convite», máis ou menos forzado, entre os veciños, que compartían un programa de éxito, en prolongadas veladas nocturnas. Mediados os anos sesenta, o franquismo quixo aproveitar a forza mediática da televisión, como arma de control político e de modernización económica, poñendo en marcha unha das operacións de maior éxito popular: a rede de teleclubs, impulsada por Fraga Iribarne. Un sistema que posibilitou a implantación da televisión no medio rural, mediante unha rede á que se foron sumando a maior parte dos concellos rurais de España, que, a cambio da cesión dun local e dun dinamizador formado aceleradamente nun cursiño, recibían un televisor de 23 polgadas, un magnetófono e un lote de libros didácticos. En 1971, a rede de teleclubs alcanzaba os 5000 locais, con 750 000 socios. O teleclub morreu de éxito. A esas alturas o cambio social fixo do televisor o principal elemento de consumo do fogar, mesmo no medio rural.
O crecemento foi exponencial. No comezo das emisións, apenas había en España 300 aparatos, contemplado cada un deles por ducias de persoas que se apiñaron ante os escaparates das tendas de electrodomésticos de Madrid e nos salóns dos poucos hoteis que puxeron as imaxes ao servizo do público. Como sucedera co tren, a máquina de vapor ou a propia radio, a televisión tardou uns anos en chegar a Galicia. Non o fixo ata o 1 de setembro de 1961, mediante unha emisora de 10 Kw de potencia de imaxe instalada no monte Pedroso. Pouco a pouco, os postes reemisores foron cubrindo a xeografía de Galicia ata que o 18 de xuño de 1967 remata o período de implantación coa posta en marcha, tamén en Compostela, da segunda canle de TVE, a coñecida como UHF. En todo caso, TVE transmitía unha programación moi centralizada en Madrid e Barcelona, pero cun seguimento masivo en todo o Estado. A tímida descentralización de TVE non se produce ata 1970, coas primeiras emisións estables dende Compostela, que servían unha pequena programación. Os contidos en idioma galego e producidos aquí non chegarán ata 1985, co lanzamento da televisión autonómica (TVG).
Hoxe o televisor é un aparato dixital, multiplicou o tamaño da súa pantalla, adelgazou o seu grosor e ofrece centos de canles…, pero en esencia segue a ser unha pantalla con imaxe e son.

Para saber máis

FAUS BELAU, Ángel (1995): La era audiovisual: historia de los primeros cien años de la radio y la televisión, Pamplona, EUNSA.
PALACIO ARRANZ, Manuel (2001): Historia de la televisión en España, Barcelona, Gedisa.