Número obxecto 88
Título do obxecto ARCÓN CONXELADOR

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Arcón conxelador
Antiga Iugoslavia / España
Balay, anos 80
Colección particular. Gondomar

Datos sobre o obxecto

Un conxelador é un equipo de refrixeración que comprende un compartimento illado termicamente e un sistema frigorífico, capaz de manter os produtos almacenados no seu interior a unha temperatura inferior a 0 °C, normalmente entre –30 °C e –4 °C, o que permite conservar alimentos por longos períodos de tempo. A finalidade é facer cesar a súa actividade encimática, que levaría moi pronto á alteración das súas propiedades organolépticas, e máis adiante á súa descomposición. O cese garántese aos –30 °C, mais a maioría dos conxeladores operan ao redor dos –18 °C, para limitar os efectos da conxelación da auga presente nos alimentos sobre a súa textura e sabor: aínda que moi lentamente, a actividade encimática prosegue, o que implica que exista unha data de caducidade.
Dende a revolución neolítica os cambios nas técnicas de produción e de conservación dos alimentos viñeron asociados. A produción puntual en grandes cantidades (as colleitas de vexetais, a pesca masiva) acadaba o seu límite no carácter perecedoiro dos alimentos, en particular coas calores estivais. De aí que ata a idade contemporánea primase o consumo estacional e vinculado a producións locais. Ao longo de milenios os principais procedementos de conservación foron o secado (moi eficaz para os cereais), a afumadura e a salgadura (efectivas en peixes, cefalópodos e carnes) e o arrefriado con xeo ou neve (que se almacenaba en cavidades situadas baixo terra).
Coa revolución industrial chegaron, ao longo do s. XIX, as innovacións nos procedementos de produción de xeo primeiro e, máis tarde, de refrixeración e conxelación. Este último proceso consiste en arrefriar rapidamente, mediante compresión, un líquido que ten unha temperatura de conxelación moi baixa (o «refrixerante»), o cal absorbe a calor dun contorno reducido e illado, que deste modo se arrefría, e a auga presente nos alimentos que nel se depositan convértese en xeo. O problema da toxicidade da maioría destes refrixerantes resolveuse na década de 1930 nos Estados Unidos coa utilización do freón. A alimentación mediante enerxía eléctrica e a democratización dos electrodomésticos despois da segunda guerra mundial permitiu levar os conxeladores dende as áreas de produción e procesamento (matadoiros, buques factoría, plantas de envasado de legumes) ata os locais de comercialización e os fogares máis afastados.
En Galicia o atraso inducido pola guerra civil e a ditadura franquista tradúcese tamén neste ámbito, e o American way of life que se propaga en Europa occidental co estado do benestar faise esperar entre nós ata ben entrada a década de 1960. Este retraso afecta aos procesos de produción (os matadoiros e a pesca de altura con buques conxeladores, que reducen a dependencia do consumo «en fresco» e marxinan a salgadura), as infraestruturas de transporte (a rede de estradas e os camións con cámara frigorífica que as percorren) e as infraestruturas de comercialización (os supermercados que chegan a finais dos anos 50, as grandes superficies dende os anos 80). Na década de 1960 o poder adquisitivo comeza a medrar nos fogares urbanos, que adquiren electrodomésticos, entre eles frigoríficos dotados dun pequeno conxelador. Finamente, nos vinte anos que seguen, a electrificación acaba de estenderse ás aldeas e ás vivendas rurais. É nelas onde os arcóns conxeladores se difunden preferentemente a partir dos anos 80, aproveitando que os labregos non andan sobrados de cartos, mais contan cunha superficie abondosa do espazo útil que escasea nos pisos da cidade. As familias labregas incorporan daquela na súa dieta o peixe conxelado, mais sobre todo atopan no frío industrial a maneira de escapar á tiranía secular do secado, a afumadura e a salgadura: agora é posible criar polos, un porco, mesmo un xato, matalos, tallalos e conservalos en frío para consumilos ao longo do ano; o mesmo cabe dicir de verduras e legumes. O único límite estribaría xa na diferencial aptitude dos produtos para soportar o proceso de conxelación.
Na mesma década de 1980, a consciencia de que os clorofluorocarbonos como o freón eran responsables da destrución da capa de ozono ía calando na comunidade científica e na opinión pública, mais mesmo na Unión Europea a prohibición total do seu emprego tivo que esperar ata o ano 2015. Entre tanto, e como novo Frankenstein que se rebelase contra o seu creador, as tecnoloxías que levaran o frío aos fogares viñeran tamén contribuír ao quecemento global do planeta.

Para saber máis

GAVROGLU, Kostas (ed.) (2014): History of Artificial Cold, Scientific, Technological and Cultural Issues, London, Springer.
HUNTLEYFILMARCHIVES (2012): Chest freezer and fridges 1970’s film 4770 (https://www.youtube.com/watch?v=PX09WDBgIG4&noredirect=1).
NATIONAL ACADEMY OF ENGINEERING (2016): «Air Conditioning and Refrigeration», Greatest Engineering Achievements of the 20th Century, Washington (http://www.greatachievements.org/?id=2958).