Número obxecto 8
Título do obxecto PUÑAL DE ANTENAS

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Puñal de antenas
San Amaro
II-V d. C.
Museo Arqueolóxico
do Castro de Viladonga. Castro de Rei

Datos sobre o obxecto

Un dos obxectos característicos de fins da Primeira Idade do Ferro (ss. IX-V a. C.) nas comunidades de Hallstatt, en Centroeuropa, é a espada curta de bronce ou puñal de antenas, alcumado así polos dous remates que levan na parte superior do enmangue, coa forma de botóns cilíndricos. Esta arma espallouse pola Europa atlántica até o punto de que, durante moito tempo, foi tomada como unha proba evidente das invasións célticas na Península Ibérica.
Este tipo de obxectos poñen enriba da mesa o debate que se mantén no eido da investigación do mundo dos castros, aínda a comezos do século XXI. Por unha banda, hai arqueólogos e arqueólogas que minimizan o papel da guerra nestas sociedades, que cren que os castrexos eran eminentemente igualitarios e que consideran as murallas, os poboados fortificados e este tipo de armas como símbolos comunitarios. Por outra banda, hai investigadores que se apoian máis na antropoloxía cultural e política e integran a Idade do Ferro galaica no contexto da Europa céltica, onde o conflito permanente acaso fixese xurdir unha sorte de elite guerreira, representada, por exemplo, nas famosas estatuas de guerreiros galaicos expostas en sitios como o Museu da Sociedade Martins Sarmento de Guimarães.
Vaia por diante que o autor destas liñas se encadra máis nesta segunda hipótese de traballo. Cómpre sinalar que o desenvolvemento da arqueoloxía galega nas últimas dúas décadas forneceu datos que remarcan o uso guerreiro deste tipo de puñal. Así, nos arredores dun castro preto de Vilalba, afectado pola construción da autovía transcantábrica en 2006, apareceu un conxunto de foxas que sen dúbida se corresponden con enterramentos. As cinzas dos defuntos eran soterradas canda potes cerámicos, e mesmo algún puñal de antenas. Este costume atopábase espallado en rexións limítrofes como a Celtiberia, onde se constatan necrópoles funerarias nas que se soterraban os líderes guerreiros.
Este descoñecemento case absoluto das necrópoles castrexas e os problemas de conservación do metal na aceda terra galega son factores que explican a excepcionalidade destes achados no noso país. Un dos exemplos máis coñecidos é o conxunto formado por dous puñais de antenas atopados nas escavacións arqueolóxicas efectuadas por Florentino López Cuevillas, na década de 1920, no castro de San Cibrao de Las (Punxín-San Amaro, Ourense), a antiga cidade de Lansbriga. Apareceron agochados na parede dunha casa. Esta ocultación intencional si que está vinculada con prácticas rituais, nas que os puñais non teñen unha funcionalidade guerreira senón máis ben simbólica e votiva. En moitos casos, estas armas presentan deficiencias técnicas e funcionais (material pouco resistente, pequeno tamaño) que fan pensar neste uso para a exhibición e ostentación do poder, a xeito de puñais de parada que serven para prestixiar un individuo.
Sen dúbida, esta arma curta formou parte da panoplia dos guerreiros galaicos, canda o escudo circular (caetra), o casco de tipo montefortino, lanzas e espadas. Trátase, polo tanto, dun puñal que acae ben para a loita corpo a corpo. Durante a Segunda Idade do Ferro estes puñais pasaron a ser fabricados en ferro e consolidaron o seu papel como bens de prestixio.
Este semella ser o caso do puñal que traemos aquí, quizais o mellor conservado dos que se teñen atopado en Galicia. Foi recuperado nas escavacións do castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo) e atópase exposto no museo deste sitio arqueolóxico. Elaborado en bronce, ten unha longura de 14,4 cm, unha anchura de 5,1 cm e un peso de 68,72 g. O seu pequeno tamaño fai que non sexa efectivo como arma. Alén disto, foi exhumado nun contexto de ocupación moi serodio correspondente ao período baixorromano (ss. II-V d. C.). Polo tanto, esta peza estanos a contar unha longa historia. En gran medida, era un obxecto de fóra do seu tempo; é dicir, un puñal ideado e empregado mil anos antes seguía en uso nunha sociedade híbrida como a galaicorromana. Así pois, esta cousa vella e antiga remitía a unha fonda tradición que conectaba os habitantes do castro de Viladonga cos seus devanceiros. Igualmente, fálanos das diferentes vidas que pode chegar a ter un obxecto en sociedade. Os escavadores do castro de Viladonga consideran este puñal como un xoguete a pequena escala, como unha maqueta que lembra en plena pax romana o pasado guerreiro da comunidade castrexa.

Para saber máis

GONZÁLEZ GARCÍA, Francisco Javier (2006): «El Noroeste de la Península Ibérica en la Edad del Hierro: ¿una sociedad pacífica?», Cuadernos de Estudios Gallegos, 119, 131-155.
GONZÁLEZ RUIBAL, Alfredo (2007): «La vida social de los objetos castreños», en Francisco Javier González García (coord.), Los pueblos de la Galicia céltica, Madrid, Akal, 259-322.
MUSEO ARQUEOLÓXICO DO CASTRO DE VILADONGA (2010), Lugo (http://www.aaviladonga.es/).