Número obxecto 91
Título do obxecto BATA DE GOA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Bata da casa
A Coruña GOA, anos 70
Colección particular. Porto do Son

Datos sobre o obxecto

Quen ía dicir que unha prenda de vestir tan sinxela e humilde fose revolucionar a historia de Galicia. As batas foron as primeiras prendas sobre as que se alzou o actual imperio téxtil Inditex, S. A. (Industria de Diseño Textil, Sociedad Anónima), empresa creada por Amancio Ortega e Rosalía Mera Goyenechea en 1979. Moitas delas foron confeccionadas co famoso boatiné (un tecido acolchado de guata) que pasou a formar parte da lenda.
As súas orixes atópanse na rúa San Rosendo, da Coruña. En 1963, os irmáns Ortega, a súa dona e José Caramelo fundaron a empresa GOA (acrónimo de Gaona Ortega Amancio), coa cal entran directamente no xogo da competencia por unha prenda tan importante nunha cidade, A Coruña, onde había moito servizo doméstico, como é a bata. Ortega aprendería da súa experiencia en dúas tendas anteriores ideas como a situación dos establecementos no centro das cidades e como dar a mellor relación calidadeprezo nun segmento de roupa de calidade. O seu produto estrela van ser as batas femininas de boatiné.
Nos anos 60, estas prendas acolchadas con recheo de guata eran o vestiario máis popular entre as amas da casa de toda España, que mesmo saían facer as compras e realizar xestións con esa vestimenta.
O éxito das batas guateadas «de andar pola casa» non só se debía ao feito de se tratar dunha prenda que protexía do desgaste propio do uso a escasa indumentaria que tiña a poboación española en xeral, senón fundamentalmente a que compensaba a falla de calefacción na maioría das vivendas do país.
Quentarse é unha cuestión vital e o recheo da bata de boatiné era a mellor solución para loitar contra o frío nos ambientes domésticos daquela España que comezaba a se desenvolver. Así, as batas acolchadas de GOA pasaron a se converter na prenda estrela dos longos invernos nos fogares españois.
As vendas estaban aseguradas e o crecemento da empresa familiar foi imparable. O seu modelo de negocio era moi sinxelo: para arrincar a produción subcontratábase moita man de obra de costureiras domésticas que se servían da costura como emprego na casa para contribuír aos gastos do fogar.
Mais as batas de GOA non eran unhas batas ao uso. A empresa innovaba decontino, desde a primeira prenda facía cousas diferentes, mudaba tecidos, os deseños e os cortes e así ampliaron as liñas de produtos alén das batas de boatiné. Co paso dos anos crearon a marca Zara, cuxa primeira tenda se abriu na rúa Juan Flórez da Coruña en 1975. Baixo esa marca e con esta apertura, pechouse o círculo da distribución téxtil e mudaron o modelo de negocio. A partir dese momento o modelo consistirá en consolidar a marca, abrir máis tendas e controlar todos os puntos da cadea de produción téxtil.
O éxito das tendas de Zara baséase en ofrecer roupa que está á última moda a prezos accesibles para os seus clientes, que son o centro do seu particular modelo de negocio. O seu traballo iníciase coa busca e coa interpretación das tendencias da moda internacional por parte dos seus «cazadores de tendencias». Unha vez identificados os gustos dos seus potenciais clientes, as propostas pasan por toda a cadea de produción ata chegar ao consumo: deseño, creación de patróns, fabricación, distribución e venda a través dunha ampla rede de tendas propias. Dise que esta xenuína fórmula da marca Zara logrou popularizar a moda en todas as clases sociais. Tras o rápido triunfo desta marca, Amancio Ortega e Rosalía Mera Goyenechea decidiron crear catro anos máis tarde a súa multinacional Inditex, S. A., co obxecto de agrupar todos os seus negocios familiares.
A nova empresa, que saíu á bolsa no 2001 por un valor total dun billón de pesetas, é actualmente o terceiro grupo de moda do mundo, por detrás de H&M e Gap. Conta con oito formatos comerciais postos en práctica en 6460 tendas situadas en 88 das mellores zonas comerciais dos cinco continentes.
Ten a súa sede central no Polígono Industrial de Sabón, en Arteixo (A Coruña), e opera baixo as marcas Zara, Zara Home, Massimo Dutti, Pull&Bear, Bershka, Oysho, Kiddy’s Class, Uterqüe ou Stradivarius, entre outras.
Segundo figura no seu sitio web oficial, conta cun cadro de persoal formado por 128 000 profesionais en todo o mundo. Todo un imperio que comezou cunha simple e doméstica bata de boatiné.

Para saber máis

INDITEX (2015), Arteixo (A Coruña) (http://www.inditex.com/es/home).
MONLLOR, Cecilia (2001): Zarápolis: la historia secreta de un imperio de la moda, Barcelona, Editorial del Bronce.
REMO (2012): «¿Por qué Amancio Ortega es el quinto hombre más rico del mundo?», Trendencias, Madrid, Weblogs SL (http://www.trendencias.com/noticias-de-la-industria/por-que-amancio-ortega-es-el-quinto-hombre-mas-rico-del-mundo).