Número obxecto 92
Título do obxecto PETOS DE AFORRO

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Petos de aforro
Caja de Ahorros Municipal de Vigo, anos 80
Colección particular. Gondomar

Datos sobre o obxecto

O peto, como este porquiño de cerámica esmaltada que leva a marca da extinta Caixavigo, simboliza tradicionalmente o aforro. Este obxecto, tamén denominado en castelán cunha fermosa palabra de orixe árabe —alcancía—, representa a capacidade de previsión das persoas, cando optan por aprazar as decisións de consumo e preservar unha parte da renda para o día de mañá. O seu deseño axústase perfectamente ao seu significado. A regaña aberta no lombo do porquiño ou das antigas vasillas de barro permite a introdución de cada moeda furtada ao consumo, pero só é posible recuperar o capital acumulado ao escachar o peto. O seu paralelismo coa vida do cocho resulta evidente: hai que cebalo, con baldes de verzas, nabos ou belotas, antes de que cheguen o San Martiño e o aproveitamento exhaustivo das súas partes. No ámbito financeiro, o peto retrata a función esencial de bancos e caixas de aforros: recoller depósitos para, con eles, facilitar crédito. O peto retrata, por último, unha identidade macroeconómica fundamental: o aforro acumulado, subtraído ao consumo presente, destínase a financiar o investimento.
Non todos os pobos teñen a mesma propensión a utilizaren o peto. Hainos que aforran máis (e consomen menos) e hainos que aforran menos (e consomen máis). Considérase xeralmente que aforra unha maior tallada da súa renda quen a ten máis elevada. E que consome proporcionalmente máis quen se ve obrigado a dedicar a case totalidade dos seus ingresos a cubrir as súas necesidades más prementes. Elias Cannagé calculaba, hai máis de medio século, que os países relativamente pobres aforraban arredor do 5 % da súa renda dispoñible. Pero esa hipótese, de raíces keynesianas, facía auga en Galicia. Neste atrasado recanto de Occidente, de industrialización tardía, feble urbanización e baixo consumo, as súas xentes gardaban no peto —ou na caixa de aforros— preto do 14 % da súa exigua renda dispoñible. Aínda en pleno desarrollismo español, Ramón Barral
constataba que os depósitos dos galegos en bancos e caixas medraban case que o dobre que no conxunto de España: un 304 % e un 169 %, respectivamente, entre 1963 e 1969. Un país pobre amosaba, sorprendentemente, unha preferencia polo aforro superior á de moitos países desenvolvidos.
Numerosos autores trataron de explicar aquela «anomalía». Houbo quen lla atribuíu á «mentalidade conservadora» dos galegos, á súa frugalidade ou ao temor que, nunha sociedade sen apenas sistemas públicos de protección, espertaban a vellez e a enfermidade. O aforro en detrimento do consumo significaba unha válvula de seguridade para un futuro incerto. Non obstante, á marxe de razóns raciais ou de psicoloxía social, a fonte principal da capacidade de aforro galego residiu nas remesas dos emigrantes. Os recursos procedentes de Cuba, Arxentina ou México —e, máis tarde, dos países centrais de Europa— conformaron o que Valentín Paz-Andrade denominou «o aforro do desterro». Galicia era un país de xentes aforradoras porque era un país esgazado, coas súas pólas espalladas polo mundo.
Desgraciadamente, o diñeiro da diáspora non se traduciu nunha equivalente acumulación de capital capaz de levantarlle a paletilla á economía galega. Non todo el se puxo a producir na terra que o xerou. Unha parte, especialmente a que desembocou nas caixas de aforros —a banca dos pobres—, serviu para aliviar as penurias da aldea e mesmo lles permitiu a moitos labregos redimir foros e acadar a propiedade plena da terra. O xiro do emigrante alimentou tamén o pasivo dos primeiros bancos galegos
—Banco de Vigo, Hijos de Olimpio Pérez, Banco Pastor…— e contribuíu a desenvolver algunhas iniciativas industriais, destacadamente no sector eléctrico. Pero outra tallada decisiva dese aforro, captado polas sucursais de bancos foráneos, viaxou cara a outras latitudes para financiar investimentos nas zonas máis dinámicas do territorio español. Ese proceso, que algúns autores consideran unha forma de «colonización financeira», constitúe un dos vértices do que Ramón Barral chamou «as catro emigracións» de Galicia. Emigrou a man de obra (factor traballo) e emigrou o diñeiro que esa man de obra aforrou principalmente no desterro (factor capital). O cuadrilátero vicioso complétase coa emigración da enerxía eléctrica e a emigración das elites do país. O peto que os emigrantes foron enchendo, moeda a moeda, escachárono mans alleas para acelerar os procesos de industrialización de Cataluña, o País Vasco ou Madrid. Paradoxalmente, as fábricas financiadas polo aforro galego servirían para acoller, xa na década dos sesenta do século pasado, novas xeracións de emigrantes que non atopaban traballo na súa terra.

Para saber máis

BARRAL ANDRADE, Ramón (1975): O aforro e a inversión na Galicia, Santiago de Compostela, Sept.
ISLA COUTO, Xaime / Francisco Xavier MARTÍNEZ COBAS / Javier ROJO SÁNCHEZ (2000): «Ahorro y sistema financiero», Revista Galega de Economía, 9:1, 1-20 (http://www.usc.es/econo/RGE/Vol.9_1/Castel%E1n/Ahorro%20y%20sistema%20financiero.pdf).
PAZ-ANDRADE, Valentín (1959): Galicia como tarea, Buenos Aires, Galicia.