Número obxecto 93
Título do obxecto AUTOPISTA, UNHA NAVALLADA Á NOSA TERRA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Autopista, unha navallada á nosa terra
Llorenç Soler, 1977
Centro Galego de Artes da Imaxe. A Coruña

Datos sobre o obxecto

Os fotogramas aquí publicados corresponden ao documental Autopista, unha navallada á nosa terra, elaborado por Llorenç Soler en 1977. Trátase dunha produción de 30 minutos, filmada con medios moi limitados durante o proceso de construción da autoestrada AP-9, na que se presta atención aos debates e asembleas vinculados á resistencia contra esta infraestrutura ou, máis ben, con respecto a como esta foi xestionada en relación coas comunidades rurais afectadas polo proxecto. Llorenç Soler era un realizador valenciano afincado en Barcelona que formaría parte do grupo de creadores que tentarían achegarse á realidade, durante a Transición, con olladas que saían do discurso dominante. En Galicia tamén elaboraría outro documental sobre o proceso de recuperación dos montes comunais expropiados polo franquismo, O monte é noso.
Nos anos 70, a economía española, en proceso de modernización e apertura ao exterior, viña limitada por unha rede viaria sen estradas de alta capacidade. A política gobernamental optou pola concesión da explotación duns 1500 quilómetros de autoestradas de peaxe a distintos grupos financeiros, con importantes axudas do Estado tales como avais e o seguro de cambio.
Nese momento, constrúese a autoestrada do Atlántico (AP-9), favorecida polo poliformismo urbano galego, no que cinco das súas áreas urbanas máis importantes e dúas zonas próximas, Betanzos e Arousa, se situaban nunha liña de pouco máis de 200 quilómetros.
O nacemento da AP-9 motivou unha conflitividade social moi intensa, que foi protagonizada polos veciños afectados polas expropiacións e polo impacto ocasionado nas comunidades rurais que atravesaba, sobre
todo en Salcedo e Vilaboa, no suroeste de Pontevedra. A protesta viña provocada polo xeito autoritario de xestionar as expropiacións e por non se corrixiren axeitadamente as afeccións causadas á rede de servizos das explotacións rurais.
Ao fío das protestas campesiñas produciuse un movemento político de oposición á autoestrada, principalmente protagonizado por diversos sectores do nacionalismo galego, dende a ANPG, que deu soporte directo á Coordinadora Nacional de Afectados por la Autopista, ao PSG, e plataformas de profesionais como a do Círculo de Información e Estudos Sociais. O debate implicou moitos actores e tivo unha forte repercusión mediática.
A oposición político-ideolóxica á construción da autoestrada no fondo formaba parte da «cosmovisión» nacionalista de Galicia. Tratábase dunha agresión «colonial» sobre unha economía dependente, que contribuiría ao embarullamento da sociedade rural e á desarticulación interna do territorio, bloqueando un desenvolvemento de seu e autocentrado. A «navallada a Galicia» foi capaz de expresar con dramatismo a idea da aldraxe ao país. Outros sectores da esquerda, principalmente vinculados ao Partido Comunista de Galicia, mantiveron unha posición favorable á súa construción.
A AP-9 constitúese na primeira vía de gran capacidade de Galicia, eixo fundamental de soporte da mobilidade intrarrexional e intermetropolitana. O paso do tempo puxo de manifesto o papel determinante da AP-9 na integración e articulación do sistema urbano galego, ampliando a escala de influencia das súas áreas. Serviu decisivamente para a conformación da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e posibilitou, sen dúbida, a ordenación do sistema de comunicacións de Galicia no seu conxunto.
Decisións tales como as comunicacións de alta capacidade coas rías galegas, as autovías de saída á Meseta, mesmo a autovía do Cantábrico, e as relacións entre o corredor e as cidades interiores de Lugo e Ourense veñen influídas, se non determinadas, pola implantación e definitiva consolidación da AP-9.
Probablemente poucas infraestruturas atesouran na historia da súa xestión páxinas tan suxestivas para a lectura política. A resistencia a este proxecto e, sobre todo, as dúas crises da década dos setenta paralizaron a conexión entre Santiago e Pontevedra e a súa extensión a Ferrol e Tui, e levaron á quebra a concesionaria. No 1984 rescátaa e nacionalízaa o Goberno de Felipe González, que culmina o peche entre A Coruña e Vigo. Pasados os anos, e á calor da fase expansiva de finais dos 90, a AP-9 retornou á xestión privada. Ficaría pendente para vindeiros anos a controvertida sinatura da modernización do ferrocarril.

Para saber máis

LANERO TÁBOAS, Daniel (ed.) (2013): Por surcos y calles: movilización social e identidades en Galicia y País Vasco (1968-1980), Madrid, Catarata.
PÉREZ TOURIÑO, Emilio (dir.) (1997): Infraestructuras y desarrollo regional: efectos económicos de la autopista del Atlántico, Madrid, Civitas.
SEQUEIROS TIZÓN, Xulio Gaspar / Ceferino DÍAZ DÍAZ / Manuel Xaime BARREIRO XIL (1977): A «Autopista del Atlántico»: sistema de transporte e desenrolo galego, Vigo, Galaxia.