Número obxecto 95
Título do obxecto CARTEL DO REFERENDO DO ESTATUTO DE 1980

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Cartel do referendo do Estatuto
Xunta de Galicia, 1980
Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés

Datos sobre o obxecto

O 21 de Nadal de 1980 celebrouse o referendo para votar o Estatuto de autonomía de Galicia. A animación á participación cidadá nesta votación tivo como eixo central unha campaña publicitaria na que destacaron os cartaces, para os que se fixeron varios deseños en canto a fotografía e lenda, seguindo unha mesma liña de imaxe cun texto común. Os carteis foron imprimidos en cor sobre un fondo branco, con tipografía destacada en negro e vermello, en láminas de 50 × 71 cm. A estética correspóndese cos cambios de deseño gráfico dos anos 80, co chamado «cartelismo dixital». Na parte superior, centrado, aparecía o lema, o máis coñecido dos cales foi Anque chova, vota. Pídecho Galicia. Na parte inferior, centrado e silueteado en relevo, aparecía un mapa de Galicia cunha bandeira, co seguinte texto en vermello: «21 DE NADAL». De seguido, en negra: «REFERÉNDUM DO ESTATUTO». Ao seu carón, á dereita: «VOTA». Na parte máis baixa, centrado: «XUNTA DE GALICIA». Ocupando o corpo principal deste cartel, vese a foto dunha rúa do casco vello dalgunha cidade galega, na que a chuvia fai brillar a pedra das paredes e do pavimento. Varias persoas vestidas de inverno e acubilladas baixo paraugas, todas mulleres, transitan por ela.
Estes carteis tiveron un especial significado por seren testemuñas do tempo da restauración democrática e por seren froito da máis relevante acción institucional da Xunta de Galicia no período preautonómico. Na campaña do referendo do Estatuto de autonomía foron reproducidos en anuncios de xornais e en carteis para a rúa, coa intención de promover a participación da cidadanía nun fito histórico. Existía o antecedente do referendo a prol do Estatuto de 1936, celebrado o 28 de xuño dese ano.
O segundo referendo fíxose ao remate da ditadura e en plena transición á democracia. Para chegar ata ese momento, producírase un intenso debate político e cidadán arredor do que se chamou o «Estatuto da aldraxe», porque na súa redacción, posterior á aprobación en 1979 dos de Cataluña e Euskadi, se rebaixaban tanto as competencias que Galicia quedaba relegada a ser unha autonomía de segunda.
A Xunta preautonómica coordinou o traballo mancomunado de institucións, grupos políticos e entidades culturais, sociais e sindicais, que foron convidados a achegar as súas contribucións co fin de facer un primeiro anteproxecto. A Asemblea de Parlamentarios galegos nomeou 16 políticos para elaborar un documento de consenso que foi presentado nas Cortes o 28 de xuño de 1979, no aniversario do plebiscito de 1936. No debate e redacción na Comisión Constitucional puxéronse de manifesto grandes discrepancias polo trato discriminatorio que se quería dar a Galicia. As crónicas da época falan da intención do Goberno de Adolfo Suárez de facer de Galicia un exemplo «á baixa» para os restantes territorios do mapa autonómico previsto pola Constitución. O 4 de decembro de 1979, un ano antes do referendo, producíranse multitudinarias manifestacións de repulsa nas principais cidades galegas. A unanimidade dos partidos políticos galegos, as reiteradas protestas cidadás, as vixilias nos concellos, os peches de representantes públicos e a toma de posición dos medios de comunicación foron decisivos para que esta idea inicial mudase. A firme reacción da sociedade galega conseguiu cambiar as intencións do Goberno central. O 29 de setembro de 1980, o consenso dos cinco partidos máis representativos nos Pactos do Hostal propiciou un novo texto que se aprobou por unanimidade na Comisión Constitucional do Congreso.
Estamos diante dun obxecto que nos sitúa nun fito histórico para Galicia. O cartel é o elemento icónico e simbólico que lembra a primeira campaña institucional promovida pola Xunta na preautonomía. A cidadanía galega exerceu o dereito a decidir se quería, ou non, un Estatuto de autonomía que foi equiparable ao das outras dúas nacionalidades históricas. O Estatuto, logo do seu referendo, deu lugar á Lei orgánica 1/1981, do
6 de abril, e o 20 de outubro de 1981 tiveron lugar as eleccións para elixir o primeiro Parlamento galego.

Para saber máis

GARCÍA PAZOS, María Elena / María Rosa MICHELENA SEIVANE (2004): «Los carteles de depósito legal en la Biblioteca Pública del Estado “Miguel González Garcés” de A Coruña: fuente de información local», en La biblioteca pública: compromiso de futuro [actas do II Congreso Nacional de Bibliotecas Públicas, Salamanca, 17, 18 e 19 de novembro de 2004], Madrid, Ministerio de Cultura, Subdirección General de Información y Publicación (http://travesia.mcu.es/portalnb/jspui/handle/10421/776).
PORTEIRO GARCÍA, María Xosé / Xosé Antonio PEROZO RUIZ (1981): Quen é quen no primeiro Parlamento Galego, Vigo, Xerais.
ROMERO PÉREZ, Fernando (2009): Campañas de propaganda en dictadura y democracia: referendos y elecciones de 1947 a 1987 (tese de doutoramento), Madrid, UNED.