Número obxecto 98
Título do obxecto REIXAS DO PAZO BAIÓN

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Reixas do Pazo Baión
Vilanova de Arousa
Pazo Baión. Vilanova de Arousa

Datos sobre o obxecto

Esta porta forma parte dos cerramentos que delimitan a propiedade rústica denominada Pazo Baión, na parroquia de San Xoán de Baión (Vilanova de Arousa, Pontevedra). Trátase dunha porta metálica con barrotes e escasa ornamentación, duns tres metros na súa parte máis alta e tres metros de longo, dividida en dúas follas que ben abren ou pechan o paso ante o camiño que dá acceso á finca. A porta inseríase nun muro ameado semicircular coa arcada no centro, conformando unha praza que se estende diante da zona de entrada. Nas últimas remodelacións do pazo retirouse o arco da entrada e situáronse unhas esculturas de Adán e Eva nos piares, preservando a porta orixinal. Este terreo de 30 hectáreas conta cun pazo, unha antiga vacariza, edificios para a vivenda dos caseiros, un pombal, un palmeiral e unha adega, así como con 22 hectáreas de vides para a produción de uva albariña, variedade da cal é esta unha das maiores extensións existentes.
Na historia do Pazo Baión encontramos sintetizados distintos momentos clave da propia historia de Galicia. Este terreo foi propiedade de varias casas poderosas, como a dos Figueroa ou os Sarmiento, dende o s. XV ata o XIX. A principios do XX a propiedade pasou ás mans de Adolfo Fojo, un emigrante retornado que aplicou a estrutura e o estilo arquitectónico actuais, de corte historicista e resonancias medievais. Non obstante, os seus propietarios máis coñecidos foron a parella formada polo contrabandista e narcotraficante Laureano Oubiña e a súa muller, Esther Lago, que, xunto con outros socios, adquiriron o terreo en 1987 por 275 millóns de pesetas. Actualmente o Pazo Baión é propiedade da adega Condes de Albarei e destínase á produción de viño albariño, enoturismo e un programa para a reinserción social de toxicómanos.
A relevancia deste enreixado e deste pazo non radica tanto na súa traxectoria histórica ou no seu estilo arquitectónico como no feito de ser
un elemento chave na historia social máis recente de Galicia. Cúmprense agora 25 anos dende que en 1990 fose iniciada a operación Nécora polos xuíces da Audiencia Nacional Baltasar Garzón e Carlos Bueren e o fiscal antidroga Javier Zaragoza. Esta operación foi paradigmática por se tratar do primeiro proceso aberto contra narcotraficantes galegos radicados na bisbarra do Salnés, tales como o propio Oubiña e membros de familias como os Miñancos e os Charlines. O perfil habitual dos procesados era de o contrabandistas de tabaco que na década dos sesenta encontraron no mercado negro unha alternativa económica á precaria situación laboral e que se reconverteron nos anos oitenta ao máis lucrativo negocio do narcotráfico, no cal exerceron de experimentados porteiros para o cártel colombiano que fixou a súa meta en Europa. O marco deste proceso tamén serviu para deixar patente a participación no narcotráfico de avogados, empresarios e comerciantes, así como a conivencia de políticos e veciños nunha complexa estrutura; foi un caso amplamente difundido polos medios de comunicación.
Se ben o pazo simbolizaba a impunidade e a opulencia dos narcotraficantes nos anos oitenta, na actualidade podemos recoñecelo como un símbolo da forza da loita cidadá contra o narcotráfico. O enreixado do Pazo Baión fíxose famoso por ser o escenario onde comezou a mobilización activa de distintas asociacións contra os privilexios económicos e legais dos narcos, porque alí se fixeron visibles os tentáculos das súas redes e porque foi tamén o lugar onde o drama asociado ás drogadiccións, que estaba a afectar a multitude de familias galegas, pasou a ser considerado un problema de orde pública. Este foi o enreixado contra o que as «nais contra a droga» forcexaron e berraron no ano 1994 ante a impunidade dos narcos, para esixiren que as autoridades se incautasen dos bens e estes se reinvestisen nas persoas que sufriran os estragos das drogas, naqueles mozos que lograban sobrevivir na que se chamou «a xeración perdida».
Grazas ao impulso das asociacións, ás mobilizacións das «nais contra a droga» e á actuación da xustiza, o Pazo Baión foi intervido en 1995 e embargado para facer fronte á multa de Laureano Oubiña, procesado finalmente na operación Nécora. Esta porta metálica agora aberta ao cambio é o reflexo do que se pode conseguir a través dos movementos sociais que comezaban en Galicia nos anos oitenta, pero cuxa reivindicación continúa viva na actualidade.

Para saber máis

CRTVG (1994): «Protesta das nais contra a droga diante do pazo Baión» [reportaxe], Pasou o que pasou: arquivo en liña da CRTVG, 13 de decembro (http://pasouoquepasou.crtvg.es/content/protesta-das-nais-contra-droga-diante-do-pazo-baion).
Heroína (dir. Gerardo Herrero) [película], España, Tornasol Films, 2005.
Ni locas ni terroristas (dir. Cecilia Barriga) [documental], España, 2005.