Número obxecto 99
Título do obxecto CARTEL DE FESTAS

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Cartel de festas
Bergondo
2015
Colección particular. Bergondo

Datos sobre o obxecto

A chegada do verán galego é anunciada pola pegada de carteis que de súpeto empapela aldeas, camiños e ata cidades con promesas de música e comida que arrodean a devoción de cada localidade por un santo. As festas patronais, celebradas ao longo de todo o ano, acadan nos meses estivais a súa concentración máxima, coas celebracións máis grandes, que buscan atraer todos os públicos. Hai sitio para a tradición coa clásica actuación de gaitas polo día. Pero o prato forte chega á noite coa actuación dunha orquestra que monta un espectáculo que nada ten que envexar a un concerto de U2. E así durante polo menos tres días, porque as festas patronais son, en Galicia, acontecementos parecidos a un festival de música.
A magnitude das celebracións, que pouco ten que ver coa clásica imaxe da verbena —un palco cunha pequena orquestra tocando á que ninguén fai caso porque o importante é mirar a parella coa que bailas agarrado—, vai xa moito máis aló da sinxela festa relixiosa. A actuación de bandas de música tradicional durante o día segue a ser un dos centros e puntos de unión entre xeracións, con xente de todas as idades nas agrupacións, e a rivalidade entre grupos locais de gaitas, pandeireteiras ou muiñeiras segue a existir. Pero a esa competitividade únese a de que localidade consegue á mellor orquestra.
Porque son elas, as orquestras, as que mobilizarán milleiros de fans que se achegarán á vila só para ver a Panorama ou a París de Noia, o que require que concellos e comisións de festas se organicen para pechar data (en época precrise había que facelo con anos de antelación) e pagar cachés que superan con creces os 10 000 euros. O impacto na economía é innegable: segundo un estudo realizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), os case 300 grupos e orquestras que hai en Galicia xeraban, en 2010, 4000
empregos directos e 26,2 millóns de euros en facturación.
E é, que ademais de actuar, as orquestras deixan de lado o clásico palco e levan a súa propia infraestrutura con elas: o escenario móbil, toda a maquinaria e luces e un grande equipo de técnicos. Montan e fan o espectáculo diante de varios milleiros de persoas que cantan as cancións —un repertorio ecléctico no que se mesturan clásicos de orquestra de sempre, temas actuais e algún tradicional galego— e quedan hipnotizados ante as luces, as coreografías e as acrobacias aéreas, cada vez máis comúns. Bailar en parella é xa case unha rareza. Quen quere darlle as costas ao escenario cando están a pasar tantas cousas?
Tras actuar, as orquestras desmontan para á noite seguinte repetir noutra localidade. E así durante todo o verán, tocando moitas veces en parroquias do mesmo concello con só uns poucos días de diferenza, e outras veces atravesando cos seus tráileres toda Galicia dun día para outro.
O abandono do palco foi provocado polas propias orquestras, que detectaron a necesidade de adaptación aos novos tempos a finais dos anos 80 e principios dos 90, especialmente se querían seguir a ter público de menos de 60 anos. A influencia da televisión, coa chegada das cadeas privadas no cambio de década, levounas a querer seguir a satisfacer esa sede de espectáculo que de súpeto parecía ter a xente.
Xunto co palco, outra das vítimas colaterais do boom foi o galego. A lingua protagonista nas actuacións tradicionais do día convértese en secundaria e case marxinal pola noite. Aínda que en moitos casos as cancións son traducidas grazas en parte ás retransmisións na TVG, a maior parte do repertorio das orquestras é en castelán, lingua que utilizan tamén de forma única nos seus webs e nas redes sociais.
O fenómeno das orquestras, que minimiza dalgunha forma a importancia do santo nas festas patronais, ten un impacto que vai moito máis alá do económico. Trátase de algo que xa se entende e se acepta como parte da identidade galega entre a xente máis nova, que asiste sen medo e sen vergoña a estes espectáculos que, noutro contexto, serían o último lugar no que quererían ser vistos. Grazas ao poder de convocatoria das orquestras, as festas logran seguir sendo acontecementos transxeracionais, salvando o perigo de seren un evento para xente maior e sobre todo rural, o que as abocaría á marxinalidade e case desaparición co paso das décadas. Polo menos, iso é o que din as máis de 100 000 visualizacións que ten en YouTube a versión que fixo a París de Noia do Wrecking Ball
de Miley Cyrus.

Para saber máis

FANDIÑO ALONSO, Xaime (coord.) (2010): Do palco ó escenario: unha aproximación analítica á industria da música nas festas populares de Galicia, Santiago de Compostela, Universidade (http://culturagalega.gal/imaxes/docs/do_palco_o_escenario.pdf).
ORQUESTAS DE GALICIA (s. d.) (http://www.orquestasdegalicia.es/inicio).
PEREIRO SÁNCHEZ, Xosé Manuel (2015): «Las mil y una verbenas», El País, 13 de agosto (http://cultura.elpais.com/cultura/2015/08/12/actualidad/1439404259_338998.html).