Número obxecto 1
Título do obxecto FERRAMENTAS LÍTICAS DE PORTO MAIOR

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Ferramentas líticas de Porto Maior
As Neves
Paleolítico Inferior, 420 000-347 000 a. C. Museo de Pontevedra

Datos sobre o obxecto

O xacemento de Porto Maior (As Neves, Pontevedra) é, na actualidade, o lugar de ocupación humana máis antigo, e mellor coñecido, de Galicia. Sitúase nunha terraza fluvial do río Miño, é dicir, unha das súa antigas veigas, cunha cota relativa de +34 m sobre o nivel actual do río. A cronoloxía do xacemento, segundo a súa posición xeomorfolóxica e as datacións numéricas, sitúase no MIS 11 (Marine Isotope Stage 11), entre os 420 000 e os 347 000 anos antes do presente. Amosa catro niveis con evidencias de actividade humana, se ben nun deles (nivel G) atopamos un escenario de ocupación ata o de agora inédito fóra do continente africano.
Nos pouco máis de 12 m2 escavados neste nivel G, recuperáronse 290 pezas de industria lítica, ás que temos que engadir outras 243 ferramentas procedentes do mesmo nivel xeolóxico. Este conxunto componse maioritariamente de LCT (large cutting tools) achelenses de cuarcita, é dicir, bifaces, fendedores e triedros, os cales ascenden a 227 pezas. É tal a densidade destes tipos de artefactos que na superficie escavada se contan, de media, máis de dez pezas por metro cadrado.
O resultado dos estudios multidisciplinares que se atopan en curso de realización indica, con total claridade, que estamos ante unha acumulación deliberada nun punto concreto da paisaxe, sen alteracións posteriores dende o seu abandono por parte dos seus creadores. Este patrón de ocupación do espazo non fora identificado en ningún outro xacemento de tecnoloxía achelense europeo, polo que Porto Maior representa o primeiro, e único, exemplo coñecido de tal comportamento a nivel continental. Así mesmo, estas ferramentas teñen outra particularidade, o seu gran tamaño. Tanto bifaces como triedros superan os 180 mm de lonxitude media e os 900 g de peso, e constátase gran número de pezas que superan amplamente os 200 mm e os 1500 g. Isto fainos o conxunto de ferramentas de maior tamaño coñecido, actualmente, en Europa.
Os xacementos que presentan inxentes concentracións de LCT achelenses son unha constante na arqueoloxía do Plistoceno africano e de Próximo Oriente. Na África Oriental coñécense importantes xacementos que responde a este patrón de utilización do espazo. Olorgesailie, Kariandusi e Isenya (Kenia); Gadeb e Garba I (Etiopía); TK en Olduvai (Tanzania); K-30 en ’Ubeidiya ou o nivel 4 da capa 6 de Gesher Benot Ya’aqov (Israel) son algúns exemplos, cada un cunha problemática diferente, pero ningún deles permite explicar a que se debe o dito comportamento. Á marxe deste paralelismo, a importancia de tal nivel de ocupación de Porto Maior é que representa un forte lazo de unión co achelense africano, no contexto do proceso dos primeiros poboamentos de Europa.
A día de hoxe están en intensa discusión a cronoloxía, fases e vías de colonización do «Vello Mundo» durante o Plistoceno Inferior e Medio. Sabemos que os primeiros grupos de humanos chegan ao sur de Europa, hai máis de 1 200 000 anos, cunha tecnoloxía moi elemental de núcleos e lascas. O que non temos moi claro é como, hai algo máis de 500 000 anos, aparece en Europa (esencialmente na súa zona meridional) unha nova tecnoloxía, o achelense. O achelense da Península Ibérica amosa evidentes paralelismos tecnolóxicos co africano, os cales van esvaendo a medida que aumenta a latitude, ata desaparecer completamente no norte e no centro de Europa. Moitas son as teorías que se barallan, pero parece que estas ferramentas son obra de grupos humanos de orixe africana que puideron atravesar polo estreito de Xibraltar nun tempo que non coñecemos ben. Neste contexto da investigación, Porto Maior presenta unha colección de materiais de fortes afinidades africanas e é, ademais, o único que amosa un patrón de ocupación tan específico. Se a isto lle engadimos a cronoloxía, duns 400 000 anos, estariamos ante unha das mostras máis antigas deste tipo de tecnoloxía a nivel peninsular.
A maiores do anterior, Porto Maior supón un fito fundamental na investigación arqueolóxica e histórica de Galicia. O seu descubrimento permite demostrar que o noso Paleolítico é exactamente igual ao do resto do sur de Europa. Ata hai escasos anos, considerábase que era unha etapa atípica e «atrasada»; Galicia sería un auténtico «finis terrae» cultural. Esta idea levaba vixente dende os traballos elaborados en 1963, e publicados na revista Science, por Emiliano Aguirre e Karl Butzer no xacemento das Gándaras de Budiño (O Porriño, Pontevedra).

Para saber máis

MÉNDEZ QUINTAS, Eduardo / Manuel SANTONJA GÓMEZ / Alfredo PÉREZ GONZÁLEZ / Mathieu DUVAL (2013): «Avance del estudio geoarqueológico de la cuenca baja del río Miño», en Rafael Baena Escudero / José Juan Fernández Caro / Inmaculada Guerrero Amador (eds.), El Cuaternario Ibérico: investigación en el s. XXI, AEQUA, 64-67.
SANTONJA GÓMEZ, Manuel (2011): Exploradores de los valles, colección «Madrid, una historia para todos», Madrid, Comunidad.
— / Alfredo PÉREZ GONZÁLEZ / Joaquín PANERA GALLEGO / Susana RUBIO JARA / Eduardo MÉNDEZ QUINTAS (en prensa): «The coexistence of Acheulean and Ancient Middle Palaeolithic techno-complexes in the Middle Pleistocene of the Iberian Peninsula», Quaternary International.