Número obxecto 10
Título do obxecto DUPONDIO DA CAETRA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Dupondio de la caetra
Lugo


27 a. C. 23 a. C.


Museo Provincial de Lugo

Datos sobre o obxecto

Esta moeda de bronce da serie coñecida como da caetra ou castrensis apareceu durante as escavacións arqueolóxicas realizadas en 1986 na praza de Santo Domingo, na cidade de Lugo. Mostra un anverso co retrato e a titulación do emperador Augusto (31 a. C. 14 d. C.) e un reverso ricamente decorado no que un escudo redondo (caetra) cruzado por dúas lanzas (soliferra) ocupa o lugar central e unha espada curva (falcata) e un puñal recto (parazonium, pugio) se sitúan aos seus lados. Todos estes elementos se identifican coa panoplia dos guerreiros indíxenas hispanos, en particular os das rexións montañesas setentrionais e occidentais. Deste modo, a emisión puido ter tamén unha finalidade propagandística, ao reivindicarse o novo sistema político imperial e a figura de Augusto como conquistador dos hispanos no seu conxunto.
Con todo, a moeda da caetra debeu de ser acuñada en primeira instancia para cubrir as necesidades do exército romano despregado durante as guerras cántabro-ástures (26-19 a. C.). Nestes momentos, non téndose culminado a anexión efectiva do noroeste peninsular, a circulación monetaria tivo que ser practicamente residual na rexión e non deberon de existir tampouco cecas, polo que o Estado romano tomou a decisión de acuñar unha nova moeda a escala local para engraxar a súa maquinaria de guerra. Trátase dunha emisión de moeda imperial e castrense, principalmente en bronce, pois eran as pezas máis adecuadas para os pequenos intercambios. Conta cunha serie «oficial» (27-23 a. C.) composta por sestercios (moi escasos), dupondios (pouco abundantes) e ases (moeda corrente) e outra de imitación ou «barbárica» (post. 23 a. C.) integrada unicamente por ases. En tempos recentes tense defendido a existencia de numerario en prata (denarios) dentro do primeiro conxunto.
As moedas desta serie oficial atópanse con bastante frecuencia nos grandes asentamentos militares de época medioaugustea (Rosinos de Vidriales, Herrera de Pisuerga) e no ámbito das cidades que actuarán no futuro como capitais conventuais do noroeste: Lucus Augusti (Lugo), Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga). Existen indicios ademais que poderían sinalar a cidade de Lugo como o lugar no que é probable que se asentase a ceca produtora: non só é nesta cidade onde apareceu un maior número de exemplares, senón que alén disto, durante as escavacións realizadas na praza de Santo Domingo e no solar de Simeón, foron achados dous cospeis sen acuñar con idéntica metroloxía. Así pois, poderiamos estar ante a primeira emisión numismática na historia de Galicia.
É a partir destes primeiros asentamentos estables militares e civís como se instala o poder romano na rexión, co cal se inicia a construción dunha nova paisaxe máis xerarquizada e que responde ás necesidades de explotación do territorio e os seus recursos naturais. A moeda comeza a fluír agora a través das vellas rutas e as novas estradas que conectan os distintos núcleos de poder, ben como medio de intercambio, ben para o pago do tributo. É así como estas pezas aparecen tamén nuns castros indíxenas que comezan a vivir un irreversible proceso de transformación política, cultural, económica e social.
Ao ser os primeiros exemplares que popularizaron o emprego da moeda no noroeste, as pezas da caetra conservaron certo prestixio e unha ampla aceptación na rexión. Isto explica que se chegasen a producir imitacións oficiosas, formalmente máis rudas. Con todo, a circulación dos exemplares «toscos» será máis extensa e a súa acuñación seguirá producíndose moitos anos despois de rematadas as guerras no norte, tanto para pagar aos soldados como para os restantes usos civís.
Co paso das décadas, a chegada de novo numerario procedente das cidades do val do Ebro ou do sur peninsular desprazará paulatinamente estas producións cedas. Porén, no momento de seren mobilizados novamente, moitos dos soldados destacados en Hispania nos primeiros tempos do Imperio levarán consigo algunhas destas moedas, e é así como aparecen en xacementos da afastada Xermania.

Para saber máis

FERRER SIERRA, Santiago (1996): «El posible origen campamental de Lucus Augusti a la luz de las monedas de la caetra y su problemática», en Antonio Rodríguez Colmenero (ed.), El amanecer de una ciudad: Lucus Augusti I, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 425-448.
GARCÍA-BELLIDO GARCÍA DE DIEGO, María Paz (ed.) (2006): Los campamentos romanos en Hispania (27 a.C. 192 d.C.): el abastecimiento de moneda (3 vols.), Madrid, CSIC / Instituto Histórico Hoffmeyer / Instituto de Historia / Polifemo.
NÚÑEZ MENESES, Pablo (2014): «La moneda lucense de la caetra», OMNI, Journal of Numismaticsx, 8, 92-117 (http://www.wikimoneda.com/ojs/index.php/omni/article/view/39/35).