Número obxecto 100
Título do obxecto XABARÍN

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Xabarín
Miguelanxo Prado, 1994
Compañía de Radio-Televisión
de Galicia. Santiago de Compostela

Datos sobre o obxecto

O Xabarín é a mascota do programa Xabarín Club, emitido pola Televisión de Galicia desde o 18 de outubro de 1994. Trátase da representación dun porco bravo con atributos humanos propios da xente nova: camisetas, vaqueiros, zapatillas deportivas. O deseño orixinal corresponde ao debuxante Miguelanxo Prado, unha das caras máis visibles a nivel internacional da banda deseñada galega. Prado inspirouse nun animal moi presente no imaxinario galego: desde as súas referencias medievais e lendarias (era o símbolo de grandes casas nobiliarias como os Andrade) ata a súa presenza cotiá e rebelde asolando os campos de millo nas aldeas.
O que distingue o Xabarín Club é o seu carácter de programa contedor de programas, nos que se alternan series infantís de produción foránea, contidos de produción propia e vídeos musicais, cos que se converteu probablemente nun dos programas máis lonxevos da televisión infantil no Estado español, cun estilo marcado por certa rebeldía e inconformismo audiovisual. O seu apoxeo foi a mediados e finais dos 90, cando chegou a contar con máis de cen mil rapaces afiliados ao Club. É durante este apoxeo cando o Xabarín se converte nun dos primeiros proxectos culturais transmedia producidos en Galicia.
Deste xeito, apostouse pola música galega contemporánea, coa edición de cinco discos de A cantar con Xabarín, nos que participaban unha chea de grupos galegos, tanto emerxentes como consagrados, e as Xabaxiras, en 1998, que levaron un espectáculo ad hoc ás vilas e cidades galegas. O que logo serían importantes grupos do pop e o rock galego atoparon no Xabarín unha plataforma de lanzamento insólita: desde Siniestro Total, Víctor Coyote, Heredeiros da Crus, Blood Filloas, Os Diplomáticos de Monte Alto, Aerolíneas Federales, The Killer Barbies e Nación Reixa ata a introdución sen problemas de bandas do mundo lusófono e portugués.
O Xabarín Club foi o primeiro intento de éxito de promover desde unha institución pública galega unha escena musical propia coa presenza de máis xéneros que o folk ou a música tradicional. A través dos seus videoclips, pero nunha era pre-YouTube, o Xabarín Club puxo de moda himnos como Non todo é o que parece (Aerolíneas Federales), Estou na lavadora (O Caimán do Río Tea), a Oda ó futbolín (Diplomáticos de Monte Alto) ou Que jallo é , dos Heredeiros da Crus, que cantaban por primeira vez na TVG na variante dialectal das Rías Baixas. Nenos de todo o país cantaban, tamén por primeira vez, cancións actuais na súa propia lingua.
O éxito do Xabarín Club nun país no que o emprego da lingua propia polos medios de comunicación non está normalizado tivo consecuencias significativas. Para varias xeracións de galegos que hoxe se moven entre os vinte e pico anos e os trinta e tantos, o Xabarín supuxo un contacto en positivo coa lingua malia viviren en contornos sociais que a falaban moi pouco ou nada. A presenza de informativos destinados ao público novo deu entrada a espazos como o do Doutor TNT, Carlos Portela, no que se presentaban as novidades en banda deseñada a nivel mundial.
En 2007 o Xabarín Club realizou un cambio de imaxe para celebrar o seu 13.º aniversario. Pero a televisión de finais da década do 2000 xa mudara notablemente en relación coa dos noventa. O incremento de canles temáticas infantís reduciu o impacto do Xabarín, converténdoo nunha elección máis dunha oferta de contidos extremadamente ampla e crebando a súa capacidade de cohesión e esfera pública entre a rapazada que fai que se entendan xiros e melodías compartidas.
É difícil calibrar as consecuencias prácticas do Xabarín, aínda que numerosas fontes coinciden en sinalar a súa gran relevancia para comprender a lingua e a cultura actuais do país. O Xabarín Club actualizou conceptos, inseriu a lingua galega nun circuíto internacional e poida que fose inspirador de determinados fenómenos, como a auxe da BD galega. Cando Miguelanxo Prado debuxou por primeira vez o Xabarín, os profesionais da banda deseñada galega contábanse cos dedos dunha man. Máis de vinte anos despois, Galicia vive unha efervescencia creativa en banda deseñada ou audiovisual que se cadra se deba aos chuviosos seráns nos que un simpático porco bravo acompañaba as merendas da volta ao cole.

Para saber máis

PÉREZ PENA, Marcos (2013): «A potencia da “Xeración Xabarín”», Praza, 15 de marzo (http://praza.gal/cultura/3868/a-potencia-da-xeracion-xabarin/).
WIKIPEDIA (2015): «Xabarín Club», Florida, Wikimedia Foundation (https://gl.wikipedia.org/wiki/Xabar%C3%ADn_Club).